Abeleira Álvarez, Xoán

Abeleira Álvarez, Xoán
Venezuela, 1963
Abeleira Álvarez, Xoán

Xoán Abeleira naceu en Maracay, Venezuela, en 1963. Fillo de emigrantes, vivíu neste país até os dez anos, idade a partir da cal pasa a instalarse en Madrid. É nesta cidade onde alterna o seu labor literario co teatro, a música e o xornalismo. Alí publicou os seus primeiros libros en castelán: Umbral del Centinela/La piel iluminada (Olifante, 1997, nomeado ós Premios Ícaro dise ano), Identidades (1998) e Nueve motivos para un obsequio (Mandala, 2000, en colaboración con la pintora de sumi-e Lourdes Parente). Foi incluído en varias antoloxías, tanto en galego como en castelán, como Norte y Sur de la poesía hispanoamericana (Verbum, 1997), Diálogo de la lengua: pasar la página, poetas para un nuevo milenio (Olcades, 2000), Negra sombra: intervención poética contra a marea negra, (Xerais 2003), La voz y la escritura, (Consejería de Educación, Comunidad de Madrid, 2001) ou a recente Campo abierto: poetas de poemas en prosa (DVD, 2005).
Dende 1999, cando retorna definitivamente a Galiza e retoma a lingua de seu, publicou o poemario Animais Animais (Espiral Maior, 2001), a caixa de artista Magnalia (Espiral Maior, 2000, coa poeta Olga Novo e a pintora Alexandra Domínguez) e a serie de relatos para nenos englobada baixo o título xeral de As aventuras de Nunavut (O nacemento de Nunavut (2003), Un día de caza (2003), O caribú namorado (2004), Sedna, a deusa do mar (2005).

 Afeccionado á fotografía, en 2006 publicou A Pegada de Man (Ed. Xerais), libro que constituíu o primeiro achegamento ao percorrido biográfico, así como ao estudo da obra artística de Manfred Gnädinger, a través de case un centenar de fotografías a cor, intercaladas con textos críticos, das obras do Museo de Man. Todo isto, imbuído dunha clara vontade reivindicativa desta figura, así como da necesidade urxente de recuperar o seu legado e poñelo en valor.

Posteriormente, publicou o poemario As nosas sombras no xardín de Serralves (Franouren Ediciones, 2010), obra finalista do Premio Nacional de Poesía 2011 e dous anos máis tarde Pan de ánimas (Ed. Xerais, 2012), un libro escrito a modo de "ofrenda a todos os mortos", tal e como, en clave poética, se anuncia na propia publicación.

 O seu traballo como tradutor abrangue xa máis dunha trintena de autores e de obras (poesía, prosa e biografía). Actualmente colabora cunha columna no xornal La Opinión de A Coruña. Interesado dende moi novo pola relación entre o fenómeno do xamanismo e a escrita, a súa poética resúmese, quizais, nesta soa frase: "Aspiro a devir un poeta primitivo".

Fotografía: Autorretrato do autor.