Nado en 1951 en San Adrián de Cobres, Vilaboa (Pontevedra). Enxeñeiro Técnico Industrial.
Foi membro do Consello Nacional do BNG entre 1987 e mediados dos anos 90. Profesor numerario de Tecnoloxía do Instituto de Ensinanza Secundaria de Verín, do que foi director entre os anos 2002 e 2005. Foi fundador, en 1988, da Asociación Cultural Monterrei de Verín e da súa revista A Tempo. Exerceu como concelleiro nacionalista en Verín dende 1991 ata 2005. Na lexislatura 2003-2005, en calidade de membro do BNG, foi portavoz e tenente de Alcalde. Entre 2005 e 2009 foi Director Xeral de Montes da Consellería de Medio Rural.
Participou na obra colectiva Os incendios forestais en Galicia, editada polo Consello da Cultura Galega en 2006 e coordinada por Francisco Díaz-Fierros e Plácido Baamonde. É colaborador da revista nacionalista de pensamento Terra e Tempo, editada en Compostela, e da revista Fórum Galaico-Transmontano editada en Chaves (Portugal). Colabora habitualmente como articulista nos diarios dixitais Sermos Galiza e Praza Pública. É membro fundador do colectivo de animación cultural Foro Monterrei.
En abril de 2013 publicou a novela Arcadia. Os gardiáns do segredo, da que saíron dúas edicións. En 2014 publicou un libriño de relatos autobiográficos titulado Telumbres de lúa. En 2015 a Deputación de Ourense publicou a súa obra de investigación histórica O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histórica ao período 1840-1930. Foi finalista, tamén en 2015, do Premio Xerais de Galicia coa novela O Códice Esmeralda, publicada en marzo de 2017.