Leandro Carré Alvarellos naceu na Coruña o 30 de agosto de1888 e finou na mesma cidade o 14 de febreiro de 1976. Era fillo do editor Uxío Carré, en cuxa libraría se celebraba a tertulia chamada Cova Céltica. Aínda que conservou o interese paterno pola cultura e a lingua galegas (deu ao prelo Compendio de Gramática galega, 1919, e os dous volumes do Diccionario gallego-castellano, de 1928 e 1931), Leandro destacou pola súa dedicación ao teatro. Cultivou así mesmo o xénero narrativo, publicando Contos e diálogos (1918); Amor malfadado (1918); Naiciña (1925); A propia vida (Lar, 1925); O home que deu vida a un morto (1926); O xornal de Mavi (1927); Nos picoutos de Antoín (1955); Contos de pantasmas (1972) e varias novelas.
Vinculado ás Irmandades da Fala desde a súa creación, o seu papel cobrou protagonismo cando Antón Vilar Ponte abandonou a agrupación da Coruña. Transformou entón o Cadro de Declamación da Irmandade en Escola Dramática Galega, agrupación dirixida por el propio en que desenvolveu tarefas de encenador, escenógrafo e formador de intérpretes.
Son moitos os textos teatrais de Leandro Carré que continúan inéditos. Entre os que viron a luz figuran Tolerías (1917); Enredos (1919); Pra vivir ben de casados (1918); O corazón dun pedáneo (1921); A venganza (1922); O pecado alleo (1924) Coa máscara do amor (1955); Almas en pena (1957) e os diálogos dramáticos recollidos en Contos e diálogos. Mais aínda comporía cadros líricos para o coro coruñés "Cántigas da Terra", do que foi director artístico.
En 1924 fundou na Coruña a Editorial Lar (que tamén dirixiría), plataforma que publicou durante catro anos a colección do mesmo nome. Entre os títulos editados (ademais das novelas asinadas por el propio) figuran obras de Otero, Risco, Lesta Meis, Cabanillas, Vilar Ponte e Cotarelo.
Durante a ditadura franquista, Carré (que ingresou na Real Academia Galega en 1945) dirixiu a sección galega de "Artes e Letras" da revista bracarense 4 Ventos; levou a cabo un labor de recollida de literatura popular; publicou ensaios sobre a nosa literatura e colaborou frecuentemente nos xornais coruñeses, no empeño de que non se esquecese o realizado no campo teatral durante aqueles anos das Irmandades.