Casas Vales, Arturo

Casas Vales, Arturo
A Coruña, 1958
Casas Vales, Arturo

Arturo Casas Vales naceu na Coruña o 21 de febreiro de 1958. Entre os anos 1975 e 1978 realizou estudos universitarios en matemáticas e, a seguir, en Filoloxía (1978-1983). Durante un lustro (1983 -1988) foi profesor de ensino medio. Actualmente é Doutor en Filoloxía Hispánica (1996) e exerce a docencia, en calidade de profesor titular da área,Teoría da literatura e Literatura comparada (1998), na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Foi acreditado como Catedrático no ano 2013. Foi membro fundador e primeiro director do Centro de Investigación de Procesos e Prácticas Culturais Emerxentes, (CIPPCE), constituído por oito grupos de investigación da USC. Foi profesor convidado da Université da Bourgogne e da City University de Nova Iorque.

No ámbito do ensaio é autor de investigacións diversas, entre as que salienta a figura de Rafael Dieste : Rafael Dieste, Encontros e vieiros. Once charlas sobre plástica, teatro e literatura (Ed. do Castro, 1990); Rafael Dieste, Fragua íntima. Aforismos (1926-1975) (Sociedade de Cultura Valle-Inclán,1991);
Rafael Dieste e a súa obra literaria en galego (Galaxia, 1994). Así mesmo, a súa obra ensaística abrangue ámbitos máis amplos, dos que fan proba títulos como Bibliografía sistemática de teoría literaria (Universidade de Santiago de Compostela, 2002); Antoloxía consultada da poesía galega 1976-2000 (TrisTram, 2003); Antoloxía poética de Uxío Novoneyra (Galaxia, 2010); Alusión. Efémeras lándoas (Galaxia, 2011);  ou Antón Figueroa, Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural (Cunha entrevista ao autor: "Autoanálise, o que un vén sendo". Laiovento, 2015) en colaboración con outros autores (Alejandro Alonso Nogueira, Manuel Forcadela, Laurence Malingret, Teresa López e Elias Torres Feijó); ...

Polo que atinxe á súa obra poética, ten publicado títulos, tales como, Sombra de unidade (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1990); Díptico de Peniel (Imbornália Editores, 1991); Pedra de Nadir (Espiral Maior, 1995); Momentum. Circungrafía (Sotelo Blanco, 1997); Atrás, pasaxe (Amastra-N-Gallar, 2011).

É autor dunha breve obra aforística aparecida en diversos medios, titulada Futurario 2011 (Aforismos neopoéticos in modo antico),e tamén dalgún relato, así como de traducións (en colaboración con outras persoas) de poesía estonia, irlandesa ou italiana. Até 1999 escribíu asiduamente no blog da súa autoría (http://landoas.blogaliza.org/).