Yolanda Castaño Pereira naceu en Santiago de Compostela o 19 de abril de 1977. En 1990 trasládase á Coruña, onde estuda o bacharelato e por cuxa Universidade obtén o título de licenciada en Filoloxía Hispánica. Nesta cidade realizará, tamén, estudos audiovisuais, ademais de ser o lugar onde reside actualmente..Foi secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e formou parte da súa directiva durante varios anos, así como da editorial de poesía, Letras da Cal, constituída para dar a coñecer os novos valores da poesía galega. Tamén codirixíu, xunto con Olga Novo, a revista Valdeleite, un proxecto de interacción entre as diversas artes, do que a nosa autora gosta especialmente e ao que novamente retorna, no ano 2000 coa publicación do catálogo de pintura Venecia. O Vicio da Beleza, onde a pintura de Antón Sobral dialoga cos seus propios poemas. Ademais de ter participado e múltiples recitais poéticos, a autora vén realizando un intenso -e extenso- labor de animadora cultural, tal e como o mostra o feito de ter organizado -conxuntamente coa poeta Enma Couceiro- dous ciclos de recitais poéticos na Facultade de Filoloxía, celebrados mensualmente entre os anos 1996 e 1998; ou o seu labor na dirección e presentación, durante os últimos anos, do ciclo de Poetas di(n)versos ( cita mensual coruñasa, na que a poesía galega contemporánea conversa coa poesía de calquera país do mundo, nun exercicio de respecto e alento á diversidade cultural). Así mesmo, ten colaborado en diversas publicacións, tales como na revistas Festa da palabra silenciada, Dorna, A xanela, ... ou nos xornais, O Correo Galego, A nosa terra, ... en en varios volumes colectivos. A maiores, a autora foi responsábel, durante 2007. da galería de arte Sargadelos da Coruña. Dirixíu e presentou o programa cultural Mercuria e colaborou no programa diario da TVG, Cifras e Letras.
Como poeta deuse a coñecer á idade moi temperá - na adolescencia- a través duns cantos premios de poesía; mais é en 1995 cando publica a súa primeira obra: Elevar as pálpebras (Espiral Maior), aos que seguirán os títulos, Delicia (Espiral Maior, 1998); Vivimos no ciclo das erofanías (Espiral Maior, 1998); O libro da egoísta (Galaxia, 2003); Profundidade de campo (Espiral Maior, 2007); Erofanía, (Espiral Maior, 2009) ou A segunda lingua (PEN Clube de Galicia, 2014). No ano 2000 publicou a antoloxía, Edénica (Espiral Maior), na que se inclúe un CD con poemas musicados e cantados, algúns deles, pola propia autora. Ademais, ten dous libros de poemas, especialmente dirixidos cara un público infantil: Punver (Galaxia, 2006) e Cando eu saiba ler (Galaxia, 2009). Ten sido galardoada con diversos premios e participado en volumes colectivos como o libro con CD Daquelas que cantan. Rosalía na palabra de 11 escritoras galegas (1997); en Mulher a facer vento (Lisboa,1998); Algúen agarda que volva alí (1998); en Novas voces da poesía galega. Recital (2000); ou Diálogos na casa de Rosalía (2002), entre moitos outros.
A Deputación da Coruña no otórgalle no ano 2022 o XXI Premio Miguel González Garcés por A falsa autónoma.
Con Materia alcanza o Premio da Crítica de poesía galega 2022 e o Premio Nacional de Poesía 2023.
En 2023 recibe o Premio Cultura Galega das Letras da Xunta de Galicia
Palabra audiovisual (AELG)