Castro Veloso, Francisco Xosé

Castro Veloso, Francisco Xosé
Vigo, 1966
Castro Veloso, Francisco Xosé

Francisco Xosé Castro Veloso naceu en Vigo o 27 de outubro de 1966. Durante anos traballou na xestión cultural e na comunicación. Tamén foi directr do Obradoiro  Literario da antiga Caixanova, así como do seu obradoiro de Poesía. Así mesmo, realiza, desde hai varios anos, un intenso labor como cronista cultural en diversos medios galegos Na actualidade traballa na Editorial Galaxia como Coordenador de Novos Proxectos. En 1989 publicou unha serie de relatos, baixo o título A outra banda da fiestra e no 1991,  Amor de cinema, ao que lle seguiron Play-Back (Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997) e os libros de relatos A canción do náufrago (Ir indo, 2001), Xeografías (finalista do Premio de Narrativa Erótica Positivas, 2001) e a novela histórica Memorial do infortunio (A Nosa Terra, 2003).; o libro de relatos Río Leteo (Espiral Maior, 2004); asnovela Xeración perdida (2004); Spam (Galaxia, 2006); As palabras da néboa (Galaxia, 2007); In vino veritas (Galaxia, 2011); O corazón de Branca de Neve (Galaxia,2013); Tes ata as 10 (Galaxia, 2014); ou Amor é unha palabra coma calquera outra. (Galaxia, 2016).

En 2004 realiza a súa primeira publicación na literatura infanto-xuvenil co título, Un bosque cheo de faias (Everest, 2004), dándolle continuación con outros libros, tales como O ceo dos afogados (Xerais, 2007); Chamádeme Simbad (Galaxia, 2009) e O segredo de Marco Polo (Galaxia, 2010).

Foi galardoado con diversos premios. Así, no ano 1999 levou o Premio de Xornalismo "Manuel Reimóndez Portela";  no 2002 obtivo "O Facho" de poesía; en 2005, gañou o Premio Rosa Reboredo de Narrativa da Asociación Cultural Galega de Cornellá, polo seu relato "Venres Desesperado (look casual friday)" ou o Premio Modesto R. Figueiredo de narracións breves polo seu traballo "Ningún fascista morreu inxustamente". Premio Blanco Amor de Novela (2006) pola novela Spam, coordenador dos Diálogos Literarios de Mariñán, Premio de Novela Manuel García Barros 2007 pola novela As palabras da néboa e Pluma de Prata no I Certame de Xornalismo de Opinión Raimundo Domínguez 'Borobó' 2009 polo artigo "Borobó despedido". Chamádeme Simbad, Premio Frei Martín Sarmiento 2011, foi recoñecido polos lectores e lectoras da web Fervenzas Literarias como o mellor libro infantil de 2009 e entrou na Lista de Honra do IBBY para 2012. En decembro de 2010, foi nomeado Presidente de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil).
Francisco Castro ten abondosa obra publicada en volumes colectivos e é autor do blog A canción do náufrago ( http://franciscocastro.blogaliza.org/) no que escribe asiduamente.

En 2023 recibe  XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e dora vázquez" por Xoán non é Xoán, é Xoana.