Fandiño Martínez, Antonio Bieito

Fandiño Martínez, Antonio Bieito
1779
Fandiño Martínez, Antonio Bieito

Antonio Benito Fandiño Martínez naceu en Santa María do Camiño de Santiago en 1779, no seo dunha familia afidalgada. Pouco máis sabemos da súa vida: casou en 1802 e tivo un fillo e 1804 e que, segundo informa Xosé Ramón Barreiro, o descontento das autoridades pola súa actuación no cargo de represor do bandoleirismo, que lle fora encomendada en 1809, levou a Fandiño á cadea en 1810. Comezaba así unha serie de encarceramentos que durou toda a súa vida. Posto en liberdade en 1814, volta a ser encadeado por unha nova denuncia dun cóengo, e liberado en 1815.
Nos períodos de liberdade de imprensa, Fandiño colaboraba nos xornais de ideoloxía liberal, en moitas ocasións con ataques contra os xuíces, os representantes da Igrexa e o poder en xeral. En 1820 comeza a publicación de El Heráclito Español y Demócrito Gallego, publicación escrita por el propio que lle reportaría outra chea de denuncias, polo que en 1823 volta a ingresar no cárcere. En 1831 ditan sentencia condenándoo aos presidios de África. En 1832 fai testamento no cárcere da Coruña, e esta é a última noticia que, de momento, temos del.
Nunha das súas permanencias no cárcere, en 1812, compuxo A Casamenteira, que pasará a formar parte da historia da nosa literatura por ser a primeira peza dramática do século XIX que conservamos. O resto da súa produción en galego é un conxunto de tres composicións incluídas en Villancico que en la Nochebuena de 1812 cantaron los presos de la cárcel pública de Santiago, e a carta Respuesta a T. C. M. B. articulista en el "Observador Constitucional" de esta ciudad del viernes 26 del corriente, escrita en xullo de 1820.

Obras