Miranda Fernández, Anisia

Miranda Fernández, Anisia
1932 - 2009
Miranda Fernández, Anisia

Naceu en Ciego de Avila (Cuba) o 30 de decembro de 1932.
É filla de emigrantes ourensáns.
Estudiou Maxisterio e Xornalismo na Habana.
Por razóns familiais, no 1953 trasladouse cos pais a Bos Aires.
Alí ampliou os seus estudios, e coñeceu a Xosé Neira Vilas. Casaron en 1957, ano no que fundaron "Follas Novas". Distribuidora do libro galego en América, que dempois foi tamén editorial.
Dende o principio vencellouse á cultura galega.
Asistiu as clases patrocinadas pala Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) que dictaban Ramón de Valenzuela, Xeografia Galega; Alberto Vilanova, Historia de Galicia; Rafael Dieste, Literatura Galega; Eduardo Blanco Amor, Idioma Galego; Antonio Baltar, Economía de Galicia.
Traduciu ó galego poemas de autores latinoamericanos: José Martí, Rubén Darío, Amado Nervo, e ó norteamericano Walt Whitman. Todas foron aparecendo en publicacións galegas de Bos Aires.
Voltou a Cuba co seu home, en 1961. Traballou con Alejo Carpentier na redacción da revista "Pueblo y cultura", e mais tarde como coordinadora nacional de edicións de libros para nenos e adolescentes, ademais de levar a administración da editorial por un tempo.
Desempeñouse como xefa de redacción do semanario infantil "Pionero".
Foi cofundadora e xefa de redacción das revistas para nenos "Zunzun" e "Bijirita".
Colaborou en varias publicacións periódicas, dirixiu un programa de radio, actuou como xurado en diversos concursos.
No eido da creación literaria é autora de obras de poesía, narrativa, teatro, viaxes e biografía.
En teatro e narrativa obtivo importantes premios en Cuba, entre os que salientan tres premios "La Edad de Oro", teatro para nenos e adolescentes; e o Premio Nacional "Ismaelillo" de la Unión de Escritores e Artistas de Cuba.
Dalgúns dos seus libros lévanse publicados centos de milleiros de exemplares, en Cuba.
Parte da súa obra está traducida ao eslovaco.
Ten a medalla Raul Gómez García da Unión de Escritores e Artistas de Cuba.Tamén ten a medalla poIa Cultura Nacional, do Ministerio de Cultura de Cuba.
Foille conferida a medalla Ho Chi Minh e a Orden da Amizade otorgada polo Consello de Ministros de Viet Nam, polo seu traballo de solidariedade con aquel país.
En 1992 radicouse co seu marido en Galicia. É vicepresidenta da Fundación Xosé Neira Vilas.

[Febreiro, 2002]