Novo Neyra, Uxío

Novo Neyra, Uxío
1930 - 1999
Novo Neyra, Uxío

Uxío Novoneyra naceu en Parada de Moreda, Courel, en 1930, fillo dunha familia de labregos. Esta terra será o principal referente físico para os seus versos, ofrecendo unha anovadora visión da paisaxe dentro da literatura galega. No ano 1955 deu ao prelo Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). Nos comezos da década de 80, o poeta principia a recompilar e depurar o seu ciclo courelán, dando a lume Os eidos. Libro do Courel (1981), que terá diversas reedicións. No ano 1983 afíncase definitivamente en Santiago, cidade desde a cal exerceu como presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, até a súa morte no ano 1999.
Publica Poemas caligráficos en 1979, nunha edición prologada e ilustrada por Reimundo Patiño, con textos vinculados a unha vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. Xa na segunda metade desa década comeza cunha recompilación temática da súa produción poética completa. Así, en Muller pra lonxe (1987), reuniu os poemas paixonais e amorosos, e dous anos máis tarde, en Do Courel a Compostela 1956-1986, os de temática política, que irán acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras. En 1998 publicou Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.
Nos seus textos, Novoneyra explicita o seu compromiso nacionalista e marxista (especialmente na época en que estes temas son protagónicos na literatura galega), sen deixar de preocuparse en ningún momento pola forma poética e mais pola linguaxe, pesquisando na materia lírica até conseguir o mellor resultado visual e —sobre todo— sonoro para os textos (botando man para tal efecto de diversos recursos como o fonosimbolismo, a utilización de dialectalismos e vulgarismos, os silencios, o simbolismo gráfico, etc).

Páxina web do autor

VIDEOS
Canto de permanencia

(00:28:00)
AUDIOS
Chove pausiño pras sombras

Chove - Maite Dono e Baldo Martínez - Sons-Nús

Maite Dono e Baldo Martínez
Fiandeira namorada

Fiandeira - Suso Vaamonde - Rapazas, rapaces e rapazadas

Suso Vaamonde
Fiandeiriña delgada

Fiandeiriña - Miro Casabella - Orvallo

Miro Casabella
Vai polo monte o camiño

O camiño do monte - Suso Vaamonde - Rapazas, rapaces e rapazadas

Suso Vaamonde