Nacido en Celanova en 1971, Baldo Ramos cultiva a súa vocación artística dende os 17 anos, cando comeza a escribir poesía. Remata a carreira de Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela no ano 1994, na que tamén cursa o Doutoramento en Literatura Española e Hispanoamericana. Na actualidade imparte docencia no IES do Sar en Compostela.
Como poeta ten publicado os seguintes libros: Raizames (Santiago de Compostela, 2001), A árbore da cegueira (A Coruña, 2002), Los ojos de las palabras (Tafalla, 2002), El sueño del murciélago (Valencia, 2003), Diario de una despedida (Salamanca, 2005, accésit Premio de Poesía Iberoamericana Víctor Jara), Escura e transparente (Santiago de Compostela, 2005), O ourego e o compás (Noia, 2006, 1ª ed. / Celanova, 2007, 2ª ed.), Branco sobre negro (Ferrol, 2007), Monólogo do calígrafo (Ribeira, 2008), Palimpsesto (Santiago de Compostela, 2009), Palabras para un baleiro (A Coruña, 2009), A ferida de comprender (Santiago de Compostela, 2011) e Cartografía do exilio (A Coruña, 2015, accésit Premio de Poesía Miguel González Garcés).
Ten recibido os premios literarios Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Concello de Carral, María del Villar Berruezo, Ciudad de Tobarra, Arcipreste de Hita ou Fiz Vergara Vilariño, entre outros; e no ámbito da plástica, o accésit do XV Certame Galego De Artes Plásticas Xuventude, nas modalidades de pintura e debuxo.
En coautoría con diferentes artistas, publicou Os ollos das palabras (Cidade da Cultura de Galicia-Xunta de Galicia, 2012), con Caxigueiro; Onde beben os cervos que amansou o calígrafo (libro de artista, 2013), con Carlos González Villar e Cara inversa (Follas Novas, Santiago de Compostela, 2014), con Xosé Mª Álvarez Cáccamo.
A súa obra poética ten sido recollida en diferentes antoloxías como Enfocarte (na rede, ed. Teresa Seara, 2002), Poetas en blanco y negro (ed. Amalia Iglesias, Madrid, 2006),Veinte puntos de fuga (ed. Teresa Seara, Caracas, 2011), Antoloxía de referencia (ed. Carlos Arias- Mariña Pérez Rei, Santiago, 2012) ou Novas de poesía. 17 poetas (ed. Ana Gorría, Lugo, 2013).
A súa obra plástica ten sido exposta en galerías, museos e feiras de arte de todo o Estado.
É autor de máis de trescentos libros de artista de exemplar único.
[Setembro, 2015]