Regueira, Mario

Regueira Fernández, Mario
Ferrol, 1979
Regueira, Mario

Mario Regueira nace en Ferrol en 1979, o mesmo ano no que, noutro barrio obreiro, aparece o "London Calling" dos Clash, como un aviso do gosto pola subversión que o vai caracterizar. Os primeiros anos transcorren en espazos grises como a cidade de chumbo, intermedios entre os luminosos veráns de Maniños, onde si hai aire, campo e tempo para comezar, senón a escribir, si alomenos a narrar, a inventar, a imaxinar. No 97 comeza a carreira de Dereito na Coruña, que tamén ten mar, pero onde tamén lle falta aire. Leva xa varios anos escribindo relatos e poemas, pero aínda non se decide a tratar de publicar. O ambiente da faculdade non facilita a creación nin moito menos achega as canles adecuadas para que chegue ao público. Aínda así, a pesar de que a realidade non se corresponde coa súa idea do que sería a Universidade, completa o primeiro ciclo da carreira sen excesivo esforzo.

A grande decisión que marca o comezo da vida literaria de Mario é a mudanza a Compostela no 2001 e o inicio de Filoloxía Galega, simultaneándoa cos estudos de Dereito, que non abandona. A semente só precisaba do chan adecuado para agromar, a revolta branca sentíase no aire, e xa o primeiro ano asina a publicación de Rebelión no Inverno un conxunto de relatos que constitúe a súa primeira obra editada, e que verá finalmente a luz en 2004. Unha vez no lugar adecuado, todo semella moito máis sinxelo. Mario estuda, publica poemas en revistas como Dorna, Citania e A Caramuxa, entra en contacto con outros autores novos e participa en proxectos como a editorial independente "Estaleiro Editora".

No 2005 gaña o premio Pérez Parallé do Concello de Fene co poemario Tanxerina, no que ecoan resonancias africanas xunto coa ollada crítica sobre a realidade que constitúe a marca da casa. O premio válelle a publicación da obra, no 2006. A presentación, nos baixos dun pub compostelano, convértese nunha xuntanza de amigos, poetas e escritores, nas antípodas do que sería un acto institucional, pero que aglutina a moitas das voces novas máis interesantes do momento. Non hai fotos, nin gravacións sonoras, do que foi un dos mais fermosos recitais da cidade.

Actualmente, Regueira cursa os estudos de doutoramento en Teoría da Literatura, escribe, aparece de cando en vez polos bares de sempre cos amigos de sempre, participa en recitais e en novos proxectos, e corrixe as probas de L'Affiche Rouge, a súa primeira novela.

Biografía por Iria Veiga e Lorena Souto (2007). Web AELG