Rivadulla Corcón, José Enrique

Rivadulla Conde, José Enrique
1962
Rivadulla Corcón, José Enrique

X. H. Rivadulla Corcón naceu no barrio coruñés de Monte Alto no 1962, froito da emigración interior de Galiza, pois a súa familia é da vila de Muxía, o que motivou que a súa infancia e xuventude transcorrera a cabalo entre o barrio de Monte Alto e Muxía. Na actualidade reside no Concello de Oleiros e segue vinculado a Muxía.
Profesionalmente traballa no mundo audiovisual e no teatro. A primeira estrea do Centro Dramático Galego é da súa autoría, no ano 1985, tratábase do espectáculo "Festa rachada" que foi estreado en coprodución polo C.D.G. e a Compañía Titirití e dirixido por César Lombera. Máis tarde estreou os espectáculos "Praia na noite" (2002) dirixido por Antonio Simón, "O soño de Ulises" (2002) e "O inxenioso cabalo Rocinante da mancha" (2004) dirixidos ambos por Juan Carlos Tirado, "Furga Garabela" (2001) e "Salitre" (2003) ambas dirixidas por el mesmo.
No terreo audiovisual traballou como xefe de produción da Área da Cultura de TVG, entre 1987 e 1989. Como guionista traballou para diversas produtora privadas como "Corazón Negro", Sincro Porducións", "C.A.I. Producions", "Productora Faro", "Lúa Films", "Non Si P. C.", "Vía Láctea filmes", "CTV", "Editorial Compostela" e "Manivela Producións" e tamén para TVG e Telecinco.
Tamén traballou en radio como guionista e locutor, nas emisoras: Radiocadena, Antena 3, Radio Nacional de España e Radio Galega.
Ten publicado artigos nos xornais: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego. Neste último xornal coordinou o suplemento de cultura "Xanela da Lúa" entre 1984 e 1985.
Formou parte da Comisión xestora fundadora da Academia Galega do Audiovisual e na actualidade é Presidente da Asociación Galega de Guionistas, cargo que desempeña dende 1999.
Durante o período de 1999 ao 2005, traballou como profesor de produción cinematográfica, produción teatral e guión audiovisual, na "E.I.S. O Raio Verde".
Durante o 2006 dirixiu na TVG os programas "Planeta Fantasía", destinado á promoción da literatura infantil galega, e "Caravana de sabores" programa sobre a cociña popular de Galiza.
A día de hoxe dirixe o programa sobre libros na Radio Galega titulado "A Casa do vagabundo" e ademais colabora na mesma emisora nos programas "As Quimbambas", "A Crónica" e "Mil Ribeiras".

No 2007 estreou o documental "Os andolios sobre a chaira", sobre o mundo dos afiadores, do que é guionista e director. Emitido por TVG.

Como escritor ten publicado literatura infantil e xuvenil, novela, teatro e poesía e ensaio sobre temas audiovisuais. Sendo a poesía o xénero que el considera como o seu natural, traballando sempre os demais xéneros dende propostas e conceptos poéticos.

 

[Xuño, 2007]