Souto, Xurxo

Souto Eiroa, Xurxo Manuel
A Coruña, 1966
Souto, Xurxo

Xurxo Souto (1966). Terrícolo redondo. Naceu na Coruña, cidade-barco, mais nada sabía das cousas do mar. Preguntou un chisco e agromaron pola contorna todos os océanos. Dende entón só aspira a compartir, polo medio que for, tanta descuberta. Primeiro unha novela: O retorno dos mariños (Xerais, 1999). Deseguido, con Os Diplomáticos de Monte-Alto, gravou o cd Capetón (1999), nome en galego do mar de Cape Town, na fin da África. Dirixiu o programa Mil Ribeiras (Radio Galega, 2006). No 2014 apareceron os Contos do mar de Irlanda (Xerais). E, ao ano seguinte, un dos relatos do libro converteuse nun documental: Dos gaiteiros do mar (con Daniel Lavesedo e Martín Rodas). Agora reencóntrase con Mercedes. Aquela rapaciña do Peruleiro que, hai case vinte anos, lle aprendeu a mirar os homes mariños da auga do Orzán.