Rafa Villar naceu na vila de Cee en 1968. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, na actualidade desenvolve a súa actividade profesional no Servicio de Normalización Lingüística da Confederación Intersindical Galega (CIG).
Membro do Batallón Literario da Costa da Morte e do Consello Editorial das coleccións de poesía Letras de Cal e Retagarda Edicións, obtivo numerosos galardóns, entre eles, os premios de narración curta Curuxa do Humor, o do Certame de Contos Ultralixeiros e, coa súa primeira obra poética Liques da memoria (1993), o Premio de Poesía Fermín Bouza-Brey para autores noveis.
Pouco despois publicaría O devalo do mar (1994) e, a seguir, No mesmo espacio (1995), A sotavento dunha singradura (1995) e O tributo da tarde (1997). Neste mesmo ano foi galardoado co Premio Cómaros Verdes do Concello de Vilagarcía de Arousa polo seu poemario Casa ou sombra.
A través da páxina web de Teatro Bruto, Rafa Villar editaría na rede, en 1998, Illa dentro. Coa declamación dalgúns poemas desta obra contribuiu a ampliar o volume "Novas voces de poesía" do Arquivo Sonoro de Galiza do Consello da Cultura Galega.
No ano seguinte deu a coñecer Ícaro e en 2000 Días de Sherazade, obra gañadora do III Premio de Poesía do Concello de Carral. En breve sairá á luz Memoria de ahab que, xuntamente cos dous anteriores poemarios, formarán parte dunha triloxía titulada Escoracións.