A Etapa Contemporánea I
A obra literaria de Eduardo Pondal
A "Biblioteca Gallega" e a Academia Galega. Os estudos gramaticais

Xa deixamos indicado que na difusión da cultura, no ambiente de meados do século X1X, tiveran grande importancia nun momento inicial os Liceos e os Ateneos artísticos e literarios. A idea de crear unha Academia galega surxe daqueles centros de cultura, coa intención de servir como un instrumento que contribuíse de forma esencial á publicación de obras literarias e ampliar o seu coñecemento, nun momento de incremento do uso literario do galego.

O cultivo literario, a preocupación por crear unha lingua literaria que superase o estado dialectal, levaba consigo o interese polo coñecemento do idioma e propicia a aparición das primeiras gramáticas e dicionarios. En 1864 aparece o Compendio de gramática gallega ,de Francisco Mirás e, en 1868, a Gramática Gallega ,de Xoán Saco e Arce , considerado o estudio máis valioso da súa época. En 1876, o Diccionario gallego-castellano ,de Cuveiro Piñol e, en 1884, o Diccionario gallego-castellano ,de Marcial Valladares Núñez .

En 1885, Andrés Martínez Salazar creou a "Biblioteca Gallega". Natural de Astorga, chegara a Galiza para dirixir o Arquivo Histórico, e, como sinala Fernández del Riego , o seu contacto con destacadas figuras do renacemento galego levouno a se consagrar á difusión da nosa cultura. Martínez Salazar é a figura máis importante no mundo editorial da época. Ademáis da revista Galicia, editada entre os anos 1887-89 e 1892-93, fundou a " Biblioteca Gallega ". A primeira entrega desta colección foi Los Precursores de Manuel Murguía, obra escrita desde unha profunda emoción e respecto polo grupo de escritores así denominados. A esta obra seguiron, entre outras, El idioma gallego de Francisco María de la Iglesia e mais dous grandes libros de poesía: Aires da miña terra de Curros, e Queixumes dos pinos de Pondal. A colección completa da "Biblioteca Gallega" chegou a setenta publicacións, en galego e español.

Edición de 1935 de  Queixumes dos Pinos, a cargo da Real Academia Gallega.

En 1883, baixo a presidencia de Emilia Pardo Bazán, creouse na Coruña unha sociedade chamada " Folclore Gallego ", da que formaban parte Murguía, Pondal e Martínez Salazar, entre outros, e que logo trocou o seu nome polo de "Academia Gallega". En 1885 houbo outro intento de formar unha Academia. Posteriormente formouse a denominada " Asociación iniciadora y protectora de la Academia Gallega ", apoiada por Curros, que en 1905 encarga a Murguía a súa organización, cuxa primeira obriga foi a de formar o Dicionario e a Gramática da nosa lingua. A sesión inaugural celebrouse na Coruña, e Murguía pronunciou un discurso centrado na defensa do idioma e da cultura do país.

IMAXES