A pouca crítica que se ocupou de
na Galiza, no intre da súa aparición (1880), foi coincidente na idea de que representaba unha revolución ideolóxica e métrica sumamente consciente. Contiña unha filosofía pouco ortodoxa, chea de escepticismo, na que estaban presentes o cansaxo e máis o desalento, en contraste con
Follas Novas
Cantares Gallegos
(1863), segundo os críticos de
Heraldo Gallego
e de
Rosalía de Castro.
"... Para demostrar que pensaba tan fondo como sentía, que ademais de cantora do pobo era poeta de homes cultos, e que o afogo de amor que no seu peito ardía era o mesmo que forxaba o raio criador do seu cerebro" (Velada no Ateneo León XIII, Santiago, 30 de maio de 1899).
En contradición coa imaxe que se construíu para a posteridade malintencionadamente, ningún contemporáneo atento á súa obra dubidou do seu carácter filosófico, até o extremo de que foi considerada "mujer filósofa" precisamente co gallo da publicación do seu segundo libro en galego, Follas Novas, case dúas décadas máis tarde de ter sido publicado o primeiro e auroral, Cantares Gallegos, e máis dunha década desde a publicación da interesante novela en español, El caballero de las botas azules (1867):
"... un libro que reúne la poesía del corazón, las tristezas del espíritu, la esperanza de un alma nacida para el cielo, los profundos estudios de la mujer filósofa y las trascendentales predicciones del genio" (V.G. Candamo, Ilustración Gallega y Asturiana , 8 de febreiro de 1881).
Tanto tempo de silencio social como escritora cabe explicalo só por dous motivos básicos: o carácter conflitivo e revolucionario da súa escrita en xeral, pouco acorde coas posibilidades editoriais do mundo da Restauración, e a tendencia deste poder político, cultural e ideolóxico posterior ao período revolucionario (1868-1874) a ver nos usos escritos dos idiomas que non fosen o castelán un perigo político "independentista", e concretamente "el rojo y siniestro espectro del federalismo". A constatación de que se podía dicer en verso o que non se podía dicer en prosa, en expresión do catalán Franquesa i Gomis, precisamente co gallo da súa crítica sobre Follas Novas ,dá unha idea das estreitas marxes nas que se debía conter a literatura en galego e a liberdade de expresión do escritor, nas etapas iniciais da Restauración borbónica. Imaxínese cantas preocupacións habería que tomar e cantas dificuldades que vencer ("Las literatas" é un sabroso artigo rosaliano de 1866 sobre a cuestión) se a maiores o escritor resultaba ser escritora, cunha obra anterior sospeitosa e problemática por tantos conceitos. Lidas con esta perspectiva, as "Dúas palabras da autora" que preceden ao poemario son elocuentes de por si como intento de vencer dificuldades censoriais e sociais reducindo a carga subversiva e trascendente do libro e a capacidade pensatibre das mulleres, ao tempo que, de forma irónica, eran postas de manifesto. Asemade servía de comentario en prosa a un poemario que poetizaba temas ben materiais, relacionados coa existencia humana na súa complexidade, demostrativo de que facer literatura de alento universal conleva para o poeta "non prescindir do medio en que vive e da natureza que o rodea" nen "ser alleo ao seu tempo".
* * *
Rosalía tiña bebido abondosamente na corrente de pensamento racionalista emanada de Hegel e da Ilustración, é dicer, aquela filosofía que era, precisamente, anatematizada polo Syllabus. Desde moi nova se tiña adicado á criación novelesca, xénero literario encobridor de teses filosóficas que non se podían enunciar abertamente por non estaren dentro da ortodoxia moral e social reinante na época de Isabel II, período no que se incubou a Revolución de Setembro de 1868, que ha dar lugar ao sexenio democráticoburgués puro e á república. Son dez anos, desde 1858 deica 1868, nos que Rosalía traballa a prol da causa rexeneradora en dúas frentes: o da dignificación da lingua galega e a criación dunha literatura nacional, como defensa de Galiza, frente a procesos marxinadores, e o intento de participación na vida pública a través da publicación de novelas de clara intencionalidade doctrinaria progresista, dentro da corrente á que Murguía aludía con estas palabras:
"como la novela sea hoy verdaderamente la fórmula literaria, como la novela se preste mejor que ningún otro género literario al desenvolvimiento de las tesis que se proponga el autor, y sobre todo como la novela haya permanecido fiel al movimiento regenerador, se han lanzado contra ella los más fieros anatemas, y para ella, también, se ha resucitado la censura previa, esa mano descarnada que tan terriblemente pesó en otros tiempos sobre la inteligencia" ( Revista de la Crónica de Ambos Mundos, nº 9,1 de maio, 1861).
O pior que podía ser unha muller era ser muller novelista, como a mesma Rosalía constata no devandito artigo. Porén, non recorreu, con todo, nunca ao pseudónimo varonil para encobrir a súa verdadeira personalidade. Aspirou a combater directamente, a viver da escrita, nun mercado editorial e de leitores condicionado pola censura, pola escasa alfabetización, pola mala literatura romántica e a superficial costumista, e polas traducións do francés. Resulta lóxico o fracaso de Rosalía como novelista de éxito social. Ningunha das súas novelas acadou segunda edición en vida. Eran estrañas e excesivamente rupturistas temática, doctrinaria e formalmente. A maiores, con certas dificuldades engadidas por sobreentendidos ou velamentos obrigados pola censura. A posteridade preferiu non lles prestar atención como se fosen produtos fanados, desmerecentes. Mais xa Otero Pedraio, con intelixente criterio, tiña advertido en 1949 que esa opinión era tranquilizadora pero falsa. Alguén tan pouco sospeitoso de proclividades nacionalistas como Salvador de Madariaga, sinalou que o problema está en que son novelas filosóficas que non están ao alcance de todos. Verdadeiramente, a novela rosaliana resulta un ensaio pioneiro de novela realista doctrinaria e filosófico-social, identificada coas ideas democráticas e revolucionarias, resultando moi sui generis na literatura en lingua española, como esforzo de criatividade orixinal a partir das leituras de Balzac, Sue, Sand, Chateaubriand, Hoffman, Hugo, Fourier, Proudhon, entre outros contemporáneos europeus, sen desbotar a súa moderna valoración da novelística cervantina. A moza Rosalía estaba empeñada no combate contra o subxectivismo e o historicismo reaccionario dun Romantismo epigonal. Resulta curioso observar este combate nos textos das súas dúas primeiras novelas, La hija del mar (1859) e Flavio (1861), relacionadas co mundo do romantismo, coa preocupación pola introspección e autodescripción roussonianas, expresivas dunha cultura literaria pasmosa nunha muller de 21 anos, pero con sinais de orixinalidade e novidade incuestionábeis.
Sinatura Rosalía.
La hija del mar (Imprenta de D. Juan Compañel editor, Vigo, 1859) é un intento de novela feminista, centrada na posibilidade de realización amorosa da muller, na que non se eluden ningún dos temas tabú (incestos, suicidios, críticas ao matrimonio, homofilia) dentro dunha visión panteísta e animista organicista, claramente heterodoxa respeito do catolicismo. É un alegato contra a desaparición, na práctica, do postulado de igualdade dos sexos a prol das mulleres como seres capaces, concretamente as mulleres dunha sociedade pre-capitalista como a mariñeira da Costa da Morte. A novela parece indicar que a piedade só é posíbel entre iguais, entre mulleres, que o frustrado desenvolvimento da propria existencia provoca o suicidio ou a loucura, e que o capitalismo na súa versión colonial é nova tiranía para o sexo feminino, especialmente para as clases traballadoras. A realización da muller debe aínda esperar. A protagonista, Esperanza, que chegou misteriosamente do mar, debe voltar a el. O símbolo mítico da Anadiomena representa a problemática e a esperanza feminina. Ler o poema rosaliano "Eva", que figura no volume correspondente a este fascículo, exhumado aínda en 1985, resulta a mellor maneira de comprobar o feminismo radical rosaliano á altura de 1860, centrado na crenza de que a metade do xénero humano aínda está esperando o seu Cristo redentor, unha muller en quen esperan as mulleres.
En Flavio ( La Crónica de Ambos Mundos ,Madrid, como "folletín" ao longo de 1861, curiosamente asinando R. de Castro, o que impedía saber se se trataba dunha muller) asistimos á evolución do heroi romántico, de home naturalmente libre a home que ten o diñeiro como ideal social. É tamén a análise dun proceso psico-social que leva ao fracaso da parella, pola imposibilidade dunha relación igualitaria entre home e muller. O mito da liberdade romántica convértese en amor ao diñeiro e cinismo, que serán os rasgos característicos do último Flavio. A novela estabelece unha relación clara entre a prostitución da muller e o matrimonio, unha institución burguesa de carácter económico-social, contra a que a protagonista Mara non fai máis que rebelarse permanecendo solteira, mantendo unha dignidade e unha postura actitudinal cara a si mesma e expresando os seus sentimentos nunha escrita non pública.
Ruinas , publicada por entregas en El Museo Universal , revista madrileña, 1866, e El caballero de las botas azules (Soto Freire editor, Lugo, 1867) son novelas críticas co presente histórico e defensoras dun porvir diferente, narradas en terceira persoa. A primeira centrada en tres personaxes símbolos da marxinalidade, moi didáctica respeito da evolución da historia, especie de parábola, no espazo dunha vila galega, e nun ambiente da burguesía mercantil ascendente frente a unha fidalguía en retroceso. A segunda, articulada arredor dun personaxe fantástico, capaz de situarse fóra do mundo á vez que está fortemente vinculado a el, para analisalo despiadadamente, especie de alegoría, nun espazo representativo do español-europeu (Madrid) e nun ambiente coetáneo burgués. A intención de Ruinas é a condena dos ricos avarentos, que se xustifican coa nova mitoloxía de seren fillos do traballo, os cidadáns "honrados" das vilas, os burgueses, como representación dun mundo "novo" que trae novas opresións, inxusto e fóra da razón, como denunciaban os socialistas utópicos, como Fourier e Proudhon, traducidos por amigos de Rosalía (Ruíz Aguilera, Segade Campoamor e Roberto Robert). Os tres tipos —a vella fidalga solteira, o capitalista filantrópico e arruinado, e o mozo fidalgo pobre e progresivamente enlouquecido polo desamor dunha boneca burguesa, amigos entre si e incomprendidos e marxinados pola sociedade "honrada"— non son figuras promedio. Representan tendencias evolutivas e problemáticas fundamentais da sociedade (a loita pola independencia e dignidade da muller, a necesidade de rectificación do modelo de acumulación capitalista e a cousificación e metalización dos sentimentos nesta sociedade).
A intención de El caballero de las botas azules é facer a crítica do modelo social europeu tal e como se concretaba no Madrid da década dos sesenta do século XIX a través dos grupos sociais de banqueiros, militares, xornalistas, editores, mestres, é dicer, todos os vinculados ao aparato do poder, e prestar especial atención á problemática das mulleres da pequena burguesía proletarizada, das clases medias, e as nobres e burguesas, protagonistas específicas da novela. Esta crítica vai ser posibilitada por unha especie de superhome, personaxe fantástico, o "duque de la Gloria", que sintomaticamente provén do Cáucaso, disposto a transformar ao home burgués e máis concretamente a facer entrar en crise ás mulleres de tal condición. Os poucos críticos que falaron da novela na hora da súa publicación viron nela unha alegoría que avogaba por un cambio dun sistema asentado no ocio e no luxo duns poucos, na desigualdade e na miseria de moitos. Deféndese a importancia do traballo produtivo, o antibelicismo, a participación práctica da filosofía e dos filósofos na vida social, a igualdade racial, o anti-imperialismo e o anti-eurocentrismo. Como vemos, a antítese da ideoloxía que impulsaba o sistema capitalista na segunda metade do XIX, con graves consecuencias para as mulleres ociosas da burguesía, vítimas dunha hipócrita educación, chea de represións e estímulos anti-naturais. Publicada nunha situación política de grave represión, o Goberno duro de Narváez, era necesario que unha constante ironía ocultase a trascendencia e premonición desta alegoría, xa de por si estruturada con límites sutís entre o real e o fantástico, pero de forma que non padecese a verdade. Esta sutileza resulta especialmente intelixente na constatación da homosexualidade e na súa asunción da ambigüidade sexual e física, porque, como di a MUSA que acaba inspirando ao home no pórtico previo á narración propriamente dita: "Todo lo que ha sido hecho, es bueno, hombre eminente". Eis o momento de maior optimismo revolucionario na traxectoria da obra rosaliana. A novela é tamén expresión da necesidade de contar cunha nova literatura, que non funcionase como alienación e mentira retórica, senón que fose capaz de aliar arte e verdade.
Ventura Ruiz de Aguilera.
A derradeira novela publicada por Rosalía foi El primer loco (Imprenta y Librería de Moya y Plaza, Madrid, 1881). Ten a forma dunha confesión feita por unha alma dolorida, con nome de varón, Luís, pero que encobre unha personaxe feminina, segundo Alfredo Vicenti, amigo de Rosalía e comentarista da novela. É tamén unha alegoría, malia a faciana psicoloxista e individualista. Ao longo desta confesión sabemos dun desengano amoroso que conleva tamén unha frustración e un fracaso xeracional na loita por redimir un país. A crenza utópica rosaliana aparece desrealizada, anseiada a súa posíbel realización práctica noutros mundos.
Entre 1868 e 1880 hai que situar, pois, o silencio obrigado por circunstancias relacionadas coa política fundamentalmente. No sexenio revolucionario porque se desmembrou o movimento democrático e se fixo máis conflitivo o mundo editorial por mor da conflitividade política, afectando ambas cousas as posibilidades de edición da obra rosaliana. Precisamente a casa editorial luguesa de Soto Freire anunciaba xa a segunda edición de Cantares Gallegos en 1867 por entregas, pero non houbo esta segunda edición até 1872. A ruptura co católico e conservador Soto Freire foi total. Pero o movimento democrático e republicano tiña ponlas moi diverxentes e a evolución política no sexenio foi atomizadora e pouco convincente para os plantexamentos pre-nacionalistas de Murguía e de Rosalía, que se viron cada vez máis illados e incomprendidos. Follas Novas estaba listo para ser publicado en 1872, pero debeu esperar paradoxalmente a unha época na que non existía liberdade de expresión, e grazas á filantropía de D. Alejandro Chao e a súa casa editorial de La Habana. A maior parte dos poemas de Follas Novas corresponden, pois, a un intre conflitivo, de desencanto e escepticismo perante a concreción práctica das doctrinas democráticas, pero cheo de empeño artístico novo, de afán por dar un salto cualitativo na criación dunha literatura nacional. O prólogo, escrito oito anos máis tarde, reduce, reconduce e aclara, con precaución e ironía, a temática do libro e a súa intención: dar unha visión global do mundo, construír unha comedia humana , en lingua galega, como expresión de capacidade artística que signifique un novo impulso na criación da literatura nacional, guerra á que Rosalía tiña convocado con Cantares Gallegos , e que despertara aprezo e cariño nalgúns entusiastas, da que non quería desertar, pero que á altura de 1880 consideraba difícil continuar. Sabía que o traballo era para longo e consideraba que pagara a débeda de conciencia que tiña co seu país. A súa era a máis importante, cualitativa e cuantitativamente, contribución á construción da literatura galega: ensaio, libros poéticos de intención e resultado orixinal, novidoso e proteico, e mesmo narrativa estricta (C onto gallego , segundo a edición arxentina de 1923 dun suposto manuscrito rosaliano que foi traspasado duns emigrantes cultos a outros polo menos desde 1873, ou Contos da miña terra , segundo a primeira edición en dous folletíns —como demostrou recentemente a profesora Ríos Panisse—, publicados por El Avisador. Diario Independiente de A Coruña en 1864, asinado R. C., igual que o "folletín" de Flavio na prensa madrileña). Esta narración en galego non é un xuízo moral sobre o xénero feminino, senón a mostra dunhas condutas determinadas polas circunstancias socio-económicas, especialmente lesivas para as mulleres na norma hereditaria no caso do matrimonio. Pero é moi especialmente a máis dura denuncia obxectiva da misoxinia dos homes, educados na valoración da muller como virxe e nai, ou como demo e prostituta, ambas as dúas igualmente prexuizosas. Toda a crítica ten constatado a novidade diexética da súa pasmosa obxectividade, o que induce ás veces a interpretacións encontradas canto á súa visión da muller. O mozo amigo de Rosalía, Juan Manuel Paz Nóvoa, adicoulle o seu Maruxa y Mingos no Almanaque de Soto Freire de 1866 (con versión en galego en O Galiciano en 1887, que reproducimos no volume adxunto), resposta complementaria da narración rosaliana e descaradamente crítica coa institución do matrimonio como instrumento económico e arma de presión e corrupción psicolóxica.
Resulta desacougante que obra de tamaña coherencia e radicalidade filosófica, que figura tan consciente da súa opción a prol da problemática construción da literatura galega, que muller adicada á escrita con tanto tesón, tanta sinceridade e arte tan novedosa, e tanta intención de intervir a través dela na rexeneración social, nunha situación histórica tan difícil e nun país tan negado, sexa tan ruinmente incomprendida, minusvalorada e inaceitada na súa verdadeira dimensión aínda hoxe, malia tantas evidencias sobre a súa categoría intelectual e humana, e sobor de todo da orixinalidade e modernidade da súa complexa e conflitiva obra. Follas Novas ocupa un lugar de privilexio no conxunto da obra rosaliana. É, desde logo, un dos cumios da literatura galega de todos os tempos. Velaiquí as razóns:
Edificio de La Propaganda Literaria en La Habana, onde se imprentou Follas Novas.
Os cinco libros que integran a obra constitúen cinco microcosmos que, interrelacionados, conforman un único cosmos, unha totalidade representativa da existencia humana na súa diversa problemática. Cómpre lembrar que o cinco é o símbolo do universo, da totalidade do mundo sensíbel, tamén do home, na cabalística clásica e bíblica. Ademais enfía un proceso que vai da vaguidade subxectiva inicial I ("Vaguedás") á concreción social, humana e espacial do final. O suxeito anguriado e esvaído do comezo acaba por descobrir a súa identidade na problemática colectiva, especialmente na parte IV ("Da Terra") e V ("As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos"). Derruba a poeta a tiranía da conciencia individual, liberando o inconsciente —o desexo—, e intenta en contraste coa realidade circundante esclarecela e esclarecerse.
En "Vaguedás", vinculado directamente ao eu lírico rosaliano, as súas vinte composicións versan directa ou indirectamente sobre o tema da poética. O estado anímico elexíaco é o previo á plasmación dos poemas posteriores. Xa que logo é unha especie de "prólogo" poético que se inicia pola exteriorización de que non se vai facer poesía feminina ao uso, en canto ás pombas e ás frores, polo que é a propria autora a que se recoriece fóra da norma, rara, e remata co "Silencio", poema con título, que paradoxalmente vai abrir o camiño de saída da vaguidade para a concreción criativa da palabra e a fin da anguria da incomunicación.
Loxicamente, en II, "Do íntimo", están os poemas que se poden considerar centrados en suxeitos que terñn moito de alteridades de Rosalía ou ben que gozan da súa total comprensión; tratan toda a problemática que se pode expresar na conciencia íntima, pero non exteriorizar. Moitos destes 36 poemas (un número favorito das sociedades secretas) son disidencias e ataques á moral dominante ou a institucións poderosas. Así, "Na Catedral", descrébese temor relixioso e concrétase o seu carácter de símbolo contrario á vida; en "Ti onte, mañán eu", cavílase na insolidariedade humana e na consecuente lóxica da lei do talión; en "De balde", critícase as preocupacións clasistas en relación coa morte e os enterros, e o compromiso activo da Igrexa nelas; en "A xusticia pola man", asúmese a violencia como arma lexítima perante a inxustiza dos homes e o silencio de Deus; en "Por qué, Dios piadoso?" e "Soia" achamos a comprensión polos sucidas, considerados pecadores criminais pola Igrexa. Con este poema, de título "Soja", péchase o libro II. A súa formidábel obxectivación, de estrutura narrativa en terceira persoa, deixa constancia da existencia dunha natureza impasíbel a carón do sofrimento humano, da orfandade dunha suicida a quen implicitamente se considera mártir ("ao cabo dos tres días, / botouna fóra o mar"; tériase en conta a importancia simbólica do número na Biblia), submetida á soidade, tamén despois de morta ("alí onde o corvo pousa, / soia enterrada está"), clara alusión á negativa eclesiástica a enterrar en lugar sagrado aos que cometen este horrendo crime, segundo a moral católica. Ten que ser o leitor o que deduza que a muller suxeito do poema suicidouse, e toda a textura poética non é máis que unha xustificación de tal saída neste caso. Son chamativos o feixe de poemas que, cun ar forte de misterio, como o popular "Negra sombra", plantexan unha insatisfacción psicolóxica, un certo medo ao consciente do pensamento, baixo un símbolo plurívoco como o da "sombra", desgracia colectiva existencial, desgracia persoal, conciencia de "remorso" e "pecado", sentimento de marxinalidade ("Lua descolorida" e "¿Por qué, miña almiña?")
O comprobábel externamente, socialmente, configura a III parte do libro, ("Varia"), con 40 poemas (número importante tamén nos acontecimentos bíblicos), a de suxeitos líricos máis plurais, a representativa de dramas e conflitos humanos que se expresan a través de condutas sociolóxicas contrastábeis e da moralidade e das institucións estabelecidas. É unha realidade múltipla en actitudes, reaccións e problemas. Aparecen lendas e refráns da Terra ("N'hai peor meiga que unha gran pena", "Vamos bebendo"); o problema dos remorsos por mor de condutas sexuais non aceitadas socialmente ("¡Nin ás escuras!"); a problemática feminina en variedade de perspectivas ("Cabe das froles a nena", "Valor!, que anque eres como branda cera...", "—Espantada o abismo vexo...", "—Para a vida, para a morte..."); a insatisfacción perante a dicotomía maniquea do ben e do mal, alterada pola constatación da desgracia ("A disgracia"); a emigración a Castela e a saudade da Terra ("Tristes recordos"); un intento de suicidio rectificado ("Era no mes de maio"); a enunciación de normas de conduta baseadas na experiencia ("Cada cousa no seu tempo", "Para uns, negro..."); o clasismo e a competitividade no capitalismo, como falsas panaceas ("Vanidade", "A presa, Álvaro de Anido"); a enfermidade como reacción psico-somática ("Teño un mal que non ten cura"); a burla irónica do matrimonio como sacramento e a defensa indirecta do matrimonio civil ("Decides que o matrimonio"). Este libro péchase cun poema social, "Tembra un neno no húmido pórtico", a partir do cal chegamos á problemática colectiva, que se desenvolverá nos dous posteriores.
Curiosamente é na parte IV, "Da Terra", a máis antropolóxica e a máis curta, só nove poemas —número de evidente simboloxía redentora—, onde se defende o direito a unha literatura nacional ("Calade") e onde os suxeitos e as preocupacións femininas e feministas teñen unha grande relevancia para a comprensión da realidade antropolóxica. Corresponde a este libro un dos poemas máis característicos da concepción rosaliana da problemática da muller traballadora na Galiza, baixo a aparencia dunha anécdota retranqueira e recorrendo ao título, tan expresivo socialmente, de "Xan". Unha das ironías e burlas máis fortes co matrimonio toma a forma de lenda ou conto fantasmático: en "Tanto e tanto nos odiamos", o elemento en discordia é unha especie de bruxa, á marxe da dialéctica do ben (Deus) e do mal (Demo), encargada de encirrar a desharmonía entre homes e mulleres. A procura da fortuna amorosa pola muller conforma os poemas "O encanto da pedra chan", especie de lenda, e "Ladraban contra min que camiñaba", ambos exprimen desexos, sofrimentos e pavores de suxeitos femininos que rompen convencións e criterios ético-sociais dominantes. A presenza da poeta formando parte da Terra, remata o libro con dous poemas: "En Cornes" e "San Lourenzo". O primeiro traduce unha visión da paisaxe contrastiva entre a alegría desta e o estado anímico persoal de tristeza e a pobreza social. O segundo, derradeiro deste libro IV, datado en marzo de 1880, oferece aínda un contraste máis ascético e frustrante.
A muller constituirá o personaxe clave do V e derradeiro libro (31 poemas) do Libro Total, que é Follas Novas . As mulleres serán grupo xenuinamente representativo das clases populares de Galiza, como principais vítimas do proceso emigratorio. Como suxeitos líricos de moitos poemas, aparecen en "Olvidémolos mortos!", "Tecín soia a miña tea", "Non coidaréi xa os rosales", "Vivir para ver", "O meu olido máis puro", "Dende aquí vexo un camiño", "No craustro", "Cómo lle doi a ialma", "Teño un niño de tolos pensamentos", "Basta unha morte", "As torres do Oeste", "De soidás morríase", "Ca pena ó lombo" e "Tan soio". Este último pecha o libro subliñando a dupla ausencia que padece a muller e a súa dupla saudade, a da terra e a do ser querido. Hai reaccións diversas perante o infortunio da perda dos seus seres queridos e, mesmo como suxeitos emigrantes, entre honres e mulleres. A emigración orixínase na marxinación social, económica e psicolóxica, e provoca sofrimento e discriminación afectiva. En todos os poemas resoa o eco da emigración como antesala da morte e a voz do poeta fusiónase coa do labrego para entoar o "¡Terra a Nosa!", reivindicativo do direito a viver en paz e liberdade no proprio país. Rosalía mantiña unha liña conscientemente crítica respeito da emigración. Sabía cal era o seu motivo: o desafiuzamento, a miseria, a fame ("Pra Habana", "Foi a páscoa enxoita", "¿Por qué?"). Pero non a consideraba unha solución. Este libro V constitúe a sinxela e dolorosa epopeia á que se refere a autora no seu prólogo a Follas Novas. Cabe lembrar que unha das vagas de emigración masiva á Illa de Cuba aconteceu en 1870 e que un dos factores do desencanto rosaliano frente ao proceso revolucionario estivo na continuidade e agudización da emigración galega á América, legalizada polo Goberno en 1873.
Retrato de campesiña.
De novo, o suxeito colectivo exprésase na obra de Rosalía, pero agora, en crise, en contradición, en conflito, xa non ancorado nun precapitalismo dignificado, como en Cantares, senón sofrendo as consecuencias psicolóxicas, morais, económicas e sociais dun sistema opresivo, nunha cosmovisión global dunha humanidade en movimento e cambio. Así, a realidade galega, a dela mesma en interrelación coa do próximo, a das nosas clases populares, atinxe categoría de expresión universal, problemática humana xeral, sendo tanxíbel, sensorial, ambientalmente galega. O libro está estruturado a través dun proceso ascendente do individual psicoloxista e solitario ao colectivo e solidario, pero este proceso non é mecánico, pois cada libro ten sentido en relación co anterior e co posterior, pero tamén, saltando os procesos intermedios, cos dous últimos (IV e V), e viceversa. Observemos que estes dous últimos libros reúnen un total de 40 poemas (9 + 31) igual que a III parte, que a I son exactamente a metade (20) dos que compoñen a III e a IV-V. E que 36 (II parte) é múltiplo de 9 (IV). As isotopías —temas claves desde distintas perspectivas repetidos ao longo dos libros— reforzan esta coherencia progresiva e a ósmose final, nunha atmosfera de desolación, miseria e emigración, concretan a experiencia histórica real da colectividade, na que a autora está inmersa.
<span text-align:="" center;"="">* * *
Xa observamos como, na súa obra novelística en español, son a pequena burguesía e a fidalguía as que se expresan, con preterición das clases populares e claramente en correlación co mercado editorial. Clase social, estrutura literaria, funcionalidade da obra e uso da lingua quedan así interrelacionadas na xénese global da súa obra. Rosalía estaba empeñada no combate decidido de criar unha literatura nacional galega, malia soubese que os suxeitos colectivos que orixinaban basicamente a súa obra en galego, non puidesen ser os seus destinatarios inmediatos ("As multitudes dos nosos campos tardarán en ler estes versos, escritos a causa deles, pero só en certo modo para eles"). Inevitabelmente, a característica da súa obra global tivo que ser a dualidade lingüística, xa que, estando toda moi relacionada e mesmo complementándose e explicándose mutuamente, ten causalidade, intención e destinatarios diferentes. No caso da escrita en galego correspondía á conciencia do emerxente, da reivindicación da propria lingua como conciencia da realidade, formando parte dun proceso histórico-social colectivo no país, dunha chamada á guerra. A escrita en español era novidosa, revolucionaria, pero lóxica nunha escritora profesional, que actuaba nun mercado estabelecido e cara a uns leitores que consumían unha literatura instaurada oficialmente. Cando Rosalía decide, uns poucos anos antes de morrer, non escreber máis en galego, non abandona a súa lealdade patriótica (ben evidente en En las orillas del Sar , 1884). Era que non participaba xa de ningún combate colectivo, só dunha actitude digna persoalmente, en medio dun grande isolamento social e de graves penurias económicas, derrotada "politicamente", fracasada a súa escrita e dificultada a publicación da súa obra. Nada ten de raro que Manuel Curros Enríquez, cando se trasladen os restos mortais de Rosalía de Adina a San Domingos de Bonaval, en maio de 1891, poida escreber: "comesta dos lobos / comesta morreu" ("A Rosalía"). Musa do pobo galego, do combate pola súa emerxencia, errante e soa, como nola presenta Curros no devandito poema, simbolizaba tamén a patria galega, unha patria negada e en perigo de morte, como tamén recordaba Curros en 1904, no seu poema "Na tumba de Rosalía". Curiosamente dous dos mellores poemas que teñen saído da pena de Curros. Aínda en 1916, un político oriundo de Galiza ao servizo da políticia española, Augusto González Besada, afirmaba honestamente na súa biografía sobre Rosalía: "Ella fue la voz de los humildes, el eco de los oprimidos, cantora de la Naturaleza, escrutadora de las almas tristes, e implacable censora de la injusticia y de los opresores". E sintetizaba con respeito pola verdade: "Poseyó el hondo pensar de un filósofo y el intenso sentir de un gran poeta". Porén o que fora mozo pre-nacionalista, agora ao servizo da política centralista con cargo de ministro en Madrid, estaba comprometido na manobra oficial de integración subsidiaria de Rosalía na cultura española, debidamente domesticada e descafeinada, en vista de que se estaba a converter nun mito inevitábel para o pobo galego. Pero un mínimo eco dos acontecimentos de 1891 na súa conciencia —a negativa do Arcebispo de Santiago a permitir un funeral con responso na Igrexa de San Domingos de Bonaval cando o traslado dos restos mortais de Rosalía— impedía entón que se negase a verdade da súa escrita. Verdade que foi progresiva, insidiosa e ferreamente manipulada e ocultada. Aínda estamos no labor de recuperala.
Unha labrega de finais de século.