A Etapa Contemporánea I
A obra literaria de Manuel Curros Enríquez
Curros e o seu tempo

Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova o día 15 de setembro de 1851, na rúa de San Roque. Era fillo de don Xosé María de Curros Vázquez, natural da parroquia de Santiso, en Melide, e de dona Petra Enríquez, nacida en Vilanova dos Infantes, o lugar onde se atopa o santuario da Virxe do Cristal, a imaxe que anos máis tarde sería cantada polo poeta.

Curros Enríquez

A nai deixaría no fillo o recordo dunha muller bondadosa e sufrida, a mártir escura da que falaría nun dos seus poemas. Do pai, en cambio, non lle quedarían boas lembranzas, pois parece ser que se trataba dun home de xenio vivo, aínda que o mesmo Curros recoñecería que era xusto e bo.

Os biógrafos, en cambio, téñennos deixado unha imaxe moi negativa deste señor. Alberto Vilanova descríbeo como mundano, enrabexado, vingativo, rancoroso, infiel e fariseo; Luís Carré Alvarellos dinos que era duro e intransixente, mentres que Celso Emilio Ferreiro o pinta como pequeno, gordo, fanático, sectario, cruel, falto de emocións humanas e mullereiro.

Quizais por dificultades na relación co seu pai, Curros abandonou o domicilio familiar cando tiña quince anos. Marchou a Ourense e desde alí trasladouse a Madrid, onde recibiu a protección de Modesto Fernández e González, ourensán coma el e Delegado da Facenda na capital do Reino.

O poeta chegou a Madrid a finais do ano 1866 ou nos primeiros meses de 1867, cando se inicia o proceso de deterioro da monarquía de Isabel II, ó aliñarse esta cos sectores máis conservadores e excluír do goberno a elementos progresistas moderados como o xeneral Prim ou Madoz. Estes últimos, cando tiveron claro que a raíña non quería contar con eles, puxéronse a conspirar xunto cos demócratas e os republicanos. En 1868 estralou a Revolución e Isabel II tivo que deixar o trono.

A vida de Curros iniciouse, xa que logo, en pleno reinado de Isabel II, a soberana que herdou o trono do seu pai Fernando VII en 1833, cando non tiña máis que tres anos de idade, e morreu nos tempos de Alfonso XIII, cando este rei levaba seis anos no poder. Entre ambas as dúas datas, asistiu ás guerras carlistas, presenciou a Revolución de 1868, que trouxo, despois duns anos de confusión, a Amadeo de Saboia para que se fixese cargo da coroa, participou na proclamación da Primeira República en 1873 e na súa caída un ano despois, así como a Restauración da monarquía na persoa de Alfonso XII, fillo de Isabel II, e no proceso de liquidación dos últimos restos do imperio colonial español.

Da implicación de Curros na axitada vida política da súa época fala ben claramente o controvertido asunto do seu exilio en Londres. Como é sabido, os biógrafos do escritor non se poñen de acordo respecto deste episodio: nin nas datas nin nos motivos, nin sequera no feito en si, que algúns negan. Outros, como Celso Emilio Ferreiro, recollen versións moi literarias, quizais tomadas da tradición celanovesa, pero escasamente cribles.

Sen embargo, a historia do exilio de Curros circulaba en vida do poeta, incluso por escrito, sen que el a desmentise endexamais. O mesmo Vicente Risco aseguraba terlle oído esa versión ó propio Curros na última viaxe que este fixo a Ourense en 1904. Hai motivos, polo tanto, para pensar que ese episodio foi certo.

Todas as versións apuntan a que as causas do exilio foron de tipo político. Para uns, como Leopoldo Pedreira, sería como consecuencia dun artículo escrito contra o Duque de Montpensier, a quen Curros lle tería chamado "hinchado pastelero francés".

O Duque de Montpensier, don Antonio María de Orleans, estaba casado cunha irmá da raíña Isabel II, o cal non lle impediu conspirar contra a súa cuñada, a quen pretendeu substituír no trono en 1868, cando aquela foi derrubada pola Revolución. Sen embargo, ese insulto contra o Duque foi proferido polo infante don Henrique, irmán da raíña, o cal deu motivo a un desafío que rematou coa morte deste último.

Os duques de Montpensier.

Outros biógrafos de Curros son da opinión de que a causa do exilio sería un artículo contra o xeneral O'Donnell, aínda que sen precisar o contido. Non parece probable, pois este militar e político morreu en 1867, mentres que os que sitúan o exilio de Curros en Londres por este último motivo falan do ano 1870.

Por riba das circunstancias concretas deste asunto, o que subsiste no trasfondo é a rebeldía de Curros contra a monarquía, o mesmo sexa para atacar a un candidato ó trono como Montpensier que a un dos políticos máis relevantes da época isabelina, como O'Donnell. Esta posición política está motivada pola ideoloxía republicana de Curros.

Como é sabido, o republicanismo español naceu no seo do movemento liberal. Este, que estaba dividido entre Moderados e Progresistas, foi fragmentándose en distintas familias ideolóxicas conforme se ían poñendo en evidencia as contradiccións dos distintos intereses sociais. Por exemplo, a Desamortización civil de 1855, decretada nun período de goberno dos Progresistas, resultou nefasta para os campesiños, mentres que resultaba moi beneficiosa para os grandes propietarios. Esta foi unha das razóns de que no seo do partido Progresista xurdira unha escisión que deu orixe ó Partido Demócrata, máis radical, no interior do cal foron gañando cada vez máis poder os partidarios da República, os cales se constituíron en Partido Republicano no mes de outubro do ano 1868, pouco despois da Revolución.

Por outra parte, os republicanos estaban divididos entre federais e unionistas. Curros militou no republicanismo federal de Pi i Margall desde moi cedo. No ano 1872, por exemplo, aparece colaborando no periódico que o político catalán dirixía en Madrid, La Ilustración Republicana Federal ,cun poema. E pouco máis tarde, o día 11 de febreiro de 1873, Curros asiste desde a tribuna do Congreso á proclamación da Primeira República. Do entusiasmo e a emoción con que viviu aquel acontecemento histórico son moi elocuentes as seguintes palabras:

Agitados todos mis nervios, emocionadísimo, secándome las primeras y las únicas lágrimas de alegría que han brotado de mis ojos; orgulloso de haber asistido a aquella proclamación, soñando para España un porvenir que aún no ha llegado.

Vinte anos despois de ter escrito estas palabras de entusiasmo, en 1893, Curros publicaría en Madrid a biografía dun ilustre republicano daquel tempo, o ourensán Eduardo Chao, que fora redactor, xunto con Salmerón, do proxecto de Constitución Federal e que pouco máis tarde se convertería en ministro de Fomento da Primeira República. Falando das razóns que inclinaran a Chao polo federalismo, escribiu Curros:

A semejante determinación contribuyeron en él, más que un conocimiento profundo de su inteligencia, razones pasionales y sentimientos económicos arraigadísimos, su amor a la pequeña patria en primer lugar, el odio al sistema centralizador de que venía siendo y es todavía víctima, y luego la creencia en que estaba de que Galiza la única región de Estado no perjudique, ya que su producción interior, bien atendida, bastaría con exceso a las necesidades del consumo, ya porque la situación de sus múltiples puertos aseguran fácil comunicación comercial con todas las naciones del globo.

Non deberon ser moi diferentes as razóns que determinaron a inclinación de Curros polo federalismo de Pi i Margall.

Hai que dicir, ademais, que o federalismo se converteu nunha grande aspiración popular despois do triunfo da Revolución de 1868, en parte porque a liberdade de prensa que se implantaou a continuación fixo posible que proliferasen os periódicos e as revistas defensoras desa idea. En poucos anos eran federalistas os traballadores, os campesiños, os intelectuais rexionalistas e a burguesía doutrinaria da axitación, un bloque heteroxéneo que sería tamén unha do fracaso da Primeira República española.

Unha das bases do federalismo, tal como o definiu teoricamente Margall, era a doutrina do pacto. Partindo da idea do contrato de Proudhon, os federalistas pensaban que tanto os individuos como os grupos tiñan que ceder unha parte da súa soberanía para constituír alianzas superiores, o cal só sería posible a través dun pacto. Este foi o fundamento doutrinal sobre o cal se baseou o edificio da Primeira República española.

A popularidade da idea do federalismo aparece nidiamente manifestada no número de pactos rexionais que se levaron a cabo en España entre maio e xuño de 1869, aínda antes da chegada da República.

Firmaron pactos os comités republicanos de Cataluña, Aragón, Valencia e Baleares; Andalucía, Estremadura e Murcia; León, as dúas Castelas e Albacete; Provincias Vascongadas e Navarra. O día 18 de xuño firmouse na Coruña un pacto entre os comités republicanos de Galicia e Asturias. Por último, o 30 de xullo firmouse en Madrid o Pacto Nacional. Na base cuarta deste pacto dicíase que a federación non só non destruía a unidade nacional, senón que a reforzaba e que ademais, tal como establecía a base terceira, esperaba conseguir a unión espontánea e indestructible entre España e Portugal.

A Primeira República foi recibida con optimismo e entusiasmo, aínda que desde o primeiro momento os republicanos estaban divididos. Dun lado, aliñábanse aqueles que non sentían moito entusiasmo pola idea federal, como Castelar e Salmerón; por outro, xuntábanse os radicais de Roque Barcia e o xeneral Contreras; no medio de ambos, un grupo de elementos conciliadores, entre eles o propio Pi i Margall.

Estas divisións volveron imposible todo intento de dotar a República recén nacida da estabilidade indispensable para levar a cabo unha auténtica acción de goberno. Nun ano, houbo catro presidentes, todos eles desbordados pola axitación cantonal e a revolta social, o cal levou a Salmerón a utilizar o exército para impoñer a orde e determinou a Castelar a pedir poderes extraordinarios e suspender as Cortes en setembro de 1873.

O acto final da Primeira República tería lugar o día 3 de xaneiro de 1874. Castelar, que pretendía dividir o partido republicano en dúas formacións diferentes, unha delas progresista e outra máis conservadora, foi derrotado nas Cortes. Diante desa situación, o xeneral Pavía entrou na Asamblea e disolveuna, expulsando os deputados dos seus escanos.

Anos despois, Curros escribiría o xuízo que lle merecía aquela experiencia política que el apoiara tamén con entusiasmo:

¡Que la Historia tenga piedad de aquellos gobernantes, que no eran malos, que indudablemente querían acertar en sus delirios! Estaban rodeados de adversarios. En torno suyo ardía un círculo de fuego. Los radicales conspiraban, los alfonsinos conspiraban, los carlistas diezmaban nuestros soldados, los separatistas amenazaban destrozar la integridad de nuestro suelo, que tanta sangre nos había costado conquistar. Así perturbados en la obra ideal de la fundación de la Primera República, ¿cómo podríamos exigirles serenidad de criterio bastante para dominar los acontecimientos, para dominar siquiera sus pasiones? Dioses y no hombres necesitaban ser para que les pidiésemos tanto.

Non obstante, a pesar destas palabras escritas en 1893, nos anos que seguiron á caída da República, Curros mantívose fiel ós ideais de 1873, que desde entón quedaron en mans de Manuel Ruíz Zorrilla, un veterano político e conspirador liberal que participara na sublevación do cuartel de San Gil en 1866, polo cal foi condenado a morte en rebeldía. Monárquico ata 1874, cando regresou do exilio a onde acompañara a Amadeo de Saboia, en 1880 fundou o Partido Republicano Progresista, que estivo envolto en moitísimas conspiracións militares de tipo republicano. Curros militou nas súas filas algún tempo, non sabemos ata cando.

O certo é que en 1893, Curros xa non era federal. Comentando o proxecto de bases da Constitución federal, escribiu:

...proyecto que partiendo del pacto, claro está que, cuando menos, entrañaba un defecto capitalísimo: el de resucitar la desacreditada teoría de Rousseau que, aplicada a los Estados constituidos, obliga a la disgregación de elementos y será todo menos una garantía para la integridad nacional.

O compromiso de Curros co republicanismo de Ruíz Zorrilla levouno a aceptar un posto de redactor en El Porvenir ,o periódico daquel, no ano 1883. Neste tempo, aínda o poeta seguía profesando o federalismo, como proban indirectamente as traduccións de escritores portugueses que fixo para varios periódicos, un labor que hai que inscribir na aproximación a Portugal propiciada polos republicanos como estratexia para integrar a toda a Península nunha futura República Federal.

Non sabemos en qué momento Curros se apartou do federalismo e se foi aproximando ó rexionalismo. Tense citado un texto sobre Alfredo Brañas como testemuño desta evolución política, aínda que sen máis probas. O texto, sen embargo, parece bastante explícito:

Testimonio elocuentísimo de esa influencia es el haber logrado Brañas arrebatar a todos los partidos políticos de nuestro país, desde el carlista al republicano, contingente muy respetable, sobre todo en el elemento joven, para formar con él el gran partido de la Patria, el partido regionalista, en que hoy figura cuanto hay de más prestigioso y notable en nuestra tierra... Soldados de la legión que él acaudilla, nuestro destino está ligado al suyo y con él iremos al triunfo o a la derrota, sin esperanza de premio ni temor de castigo.

Proclamación da I República.

 

Cómpre dicir que este texto está escrito polo Curros da emigración, o home que desde 1894 vive en Cuba e segue en primeira liña o combate rexionalista que se leva a cabo no seo da colonia galega daquel país. Desde o semanario " La Tierra Gallega ", o poeta e periodista desprega esa bandeira política en defensa dos intereses da súa terra, para a cal reclama "el derecho de administrarse y gobernarse por sí misma". Nese combate, denunciando o trato inxusto que supuña para Galicia non aproveitar as mellores condicións dos asteleiros galegos para construír algúns barcos para a Mariña, foi multado pola gobernador da Habana e viuse obrigado a pechar o periódico que dirixía.

Os anos de emigración de Curros coincidiron co proceso de independencia de Cuba, que remataría en 1898. A postura do escritor, contraria á secesión, mantíñase fiel ó seu credo rexionalista, de maneira que a súa pelexa consistiu en reclamar para a illa, que consideraba parte de España, o mesmo trato que reclamaba entón para Galicia: unha autonomía que recoñecese o que el chamaba as antigas liberdades populares, previas á constitución da nación española.

Á parte da loita política, Curros desenvolveu unha ampla actividade cultural e literaria nos medios intelectuais da colonia galega. A máis importante, sen dúbida, foi a súa participación, xunto con Fontenla Le al, na creación da Real Academia Galega , un proceso que se inciou na Habana en 1905 coa constitución da " Asociación iniciadora y protectora de la Academia Gallega ", da que Curros Enríquez foi elixido presidente-fundador.

Foi un dos seus últimos actos a favor do seu país. A partir de entón, as dificultades para manter boas relacións coa colonia galega, coa que acabou incomodado, ademais da delicadeza da súa saúde, cada vez máis quebrantada, fórono illando do seu contorno.

Disgustado cos dirixentes do Centro Galego, morreu no sanatorio do Centro Asturiano o día 7 de marzo de 1908.

IMAXES