A Etapa Contemporánea II
Narrativa no final de século
A novela nos anos oitenta e noventa.

A enorme mudanza acontecida nos parámetros socias e políticos que implican o final da ditadura e o comezo do réxime do 78, produce, como non podía ser doutro xeito, unha influencia ben marcada nos procesos culturais do país. O acceso á autonomía e o conxunto de lexislación que esta trae consigo, particularmente a relativa á normalización lingüística e á regulación do galego no ensino, traen como consecuencias a aparición de novos proxectos editoriais que redefinirán o campo literario galego en moitos sentidos. Até aquel momento, a narrativa galega trouxera propostas que tiñan que lerse, ben dentro das posibilidades de acción cultural baixo as distintas fases da ditadura franquista, ou ben limitadas polas condicións materiais do exilio. En ambos casos tratábase dunha narrativa producida principalmente como auto-afirmación cultural, un obxectivo que pode rastrearse nos propios debates internos entre a intención popular e a experimental.

No inicio da década dos oitenta, a cultura galega enfróntase por primeira vez desde o final da II República á posibilidade de participar dun mercado editorial propio, e xunto con el á idea de convertelo nun eido “normal” ou “normalizado”, un dos desideratos máis marcados da época en relación á lingua, que se estenderá tamén aos eidos vinculados a ela. A través das políticas editoriais, da influencia dos premios e do traballo dunha crítica aínda precaria, vanse promover unha serie de produtos que se consideran axeitados para camiñar nesa dirección, un empeño que non pode evitar tomar como referencia da normalidade o que está acontecendo noutros eidos literarios próximos, moi especialmente os dos países veciños do contexto ibérico.

Como principais características destas influencias podemos mencionar a consideración da narrativa como o que Xoán González-Millán non dubida en calificar de “xénero privilexiado”, e dentro desta, a aposta decidida polo formato da novela longa fronte á preeminencia dos relatos e da novela breve que caracterizaran a literatura galega doutros momentos históricos. Ao mesmo tempo, e sen deixar de recoñecer a importancia que a fantasía tivera no desenvolvemento da historia da literatura galega, as novas tendencias consagran principalmente a narrativa realista, fixándose tamén na tradicional ausencia de escenarios urbanos nas tramas da nosa literatura. Finalmente, cabe relacionar tamén con esta perspectiva a fortuna que determinados sub-xéneros narrativos van facer nesta época. Dentro do máis destacado, a novela negra ou policíaca, practicamente ausente da historia literaria previa e bandeira da literatura de gran consumo que se ansiaba para o contexto galego. Fenómenos coma a serie de poetas que, como Manuel Forcadela Román Raña ou Ramiro Fonte , debutan na narrativa co xénero negro durante estes anos son indicios das grandes transformacións que o campo literario está a experimentar.

Da mesma forma, a recobrada importancia dada a outros produtos como a novela histórica tampouco pode desvincularse deles. Novelas como O triángulo inscrito na circunferencia (1982) de Víctor Freixanes ou Xa vai o griffon no vento (1984), de Alfredo Conde , ambas premiadas e celebradas de forma entusiasta pola crítica, simbolizan o novo momento que o sub-xénero vai vivir durante esta época. Nas dúas narracións o modelo fantástico de inspiración cunqueiriana aparece amortecido, cunha nova proposta de relación entre o imaxinativo e a historia.

Hai que aclarar, porén, que a forza destas vontades de normalización non é absoluta e só moi relativamente atinxe a algunhas das figuras autoriais que viñeran desenvolvendo a súa obra durante a ditadura, cuxa traxectoria ás veces será máis influenciada polas posibilidades que o novo clima político ofrece en canto á liberdade de expresión. Neste sentido, autores como Méndez Ferrín desbordan o seu proxecto mítico-político, e posibelmente o mellor da súa produción, en obras como Crónica de nós (1981), Amor de Artur (1982), Bretaña esmeraldina (1987) ou Arraianos (1991). Algo semellante acontece con María Xosé Queizán , que retoma en 1984 con Amantia unha traxectoria interrompida en 1965. Séguenlle obras como A semellanza (1988), Amor de tango (1992) ou O solpor da cupletista (1995), nun proxecto narrativo moi vinculado aos temas históricos e á reivindicación de xénero. Un caso similar son as obras de Camilo Gonsar neste período, un autor que recupera para a luz pública unha novela composta en datas moi anteriores como Cara a Times Square (1980), nun estilo experimental de orientación cosmopolita que redondea en obras como A noite da aurora (2003), sen por iso deixar de abordar outros xéneros como a mestura entre narrativa e xornalismo que representa A desfeita (semirreportaxe) (1983).

Arraianos, X.L.Méndez Ferrín

No espectro contrario, un dos autores que aborda unha mudanza máis decidida do seu repertorio, nun movemento que pode relacionarse cunha adaptación ao novo contexto, é Carlos Casares , que abandona os tons experimentais e de pescuda técnica das súas obras dos sesenta e setenta para abrazar, case sen fisuras, un proxecto realista, cada vez máis relacionado con temas históricos. Obras deste período serían a novela breve Ilustrísima (1980), Os mortos daquel verán (1987), ambientada na Guerra Civil e Deus sentado nun sillón azul (1996) que acontece na posguerra. A que sería a súa última obra editada en vida O sol do verán (2002), unha lembranza da infancia que mestura elementos biográficos do autor cos do protagonista, tamén se mantén nestas tendencias.

Por outra parte, non cabe dúbida de que as tendencias que orientaban o feito literario como a normalización, mellor ou peor dirixidas, tamén tiveron un desenvolvemento particular dentro do noso contexto. Mostra disto é a peculiar traxectoria da novela de ficción científica, cultivada esporadicamente por autores como Xosé Fernández Ferreiro (Reportaxe cósmico, 1983) durante a década dos oitenta, que vai gañando espazos paulatinamente cando Ramón Caride gaña o premio Blanco Amor con Soños eléctricos (1993), e Manuel Lourenzo González o García Barros con Arqueofaxia (1995). A pesar de excepcións como A biblioteca da iguana (1994) de Xosé Miranda , durante a década dos noventa a ciencia ficción non deixará de ser un xénero infra-valorado e desatendido editorialmente, habitualmente reservado á literatura infantil e xuvenil, algo que resulta chocante, especialmente en comparación con outros exemplos da literatura de consumo.

Ao mesmo tempo, a presión deste tipo de intervencións no campo literario vai producir os seus propios movementos de oposición, moitos deles aparecidos xa durante a década dos noventa. Podemos mencionar, nese sentido, a traxectoria de Edicións Positivas, fundada en 1990 cunha vontade manifesta de ocupar as marxes e que na súa traxectoria primará xéneros e obras situadas fóra do programa normalizador, como a literatura erótica, a novela experimental ou a propia ciencia ficción. Tamén a narrativa de tipo fragmentario e con intención de renovacións mantén o seu pulo, desde o propio Suso de Toro , con fitos nese sentido como Polaroid (1983) ou Tic-Tac (1994) aínda que tamén, se cadra con menos relevancia de público, Xelís de Toro , autor de obras como Non hai misericordia (1990) ou Terminal (1994), unha das pezas máis iconoclastas da literatura desta época. Nesta liña tamén podemos localizar o debut de autores como Xavier Queipo que con Ártico e outros mares (1990) ou Diarios dun nómada (1993), pioneiros nun estilo que dará os seus mellores froitos no límite co vindeiro século.

Suso de Toro.

Forman parte estes autores dunha xeración que sabe aproveitar as avantaxes do novo momento político sen acatar necesariamente as súas servidumes. Manteñen, polo menos neste momento inicial, a súa autonomía como creadores alén das presións mencionadas. Nese contexto é onde podemos circunscribir o persoal universo literario de Manuel Rivas , que debuta con obras como Un millón de vacas (1989) ou a novela En selvaxe compaña (1994) que mestura realidade e fantasía, e que porén vai atopar un dos seus elementos de consagración nun conxunto de relatos urbano como Que me queres amor? (1995).

Finalmente, cabe referirse ás dificultades de construción dunha autoría feminina dentro da literatura galega desta época, un dos temas menos atendidos institucionalmente no final do século XX, especialmente en comparación con outros temas que si recibiron esa prioridade. Desta forma, resulta particularmente complexo para as novas autoras construír unha carreira literaria na narrativa que non estea apoiada nunha traxectoria previa, como o caso de María Xosé Queizán. Só así se entendería a falta de reacción que acompañou ás obras de Margarita Ledo , autora dunha proposta narrativa culta e non afastada do experimental da que podemos destacar Mama-fé (1983). Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) ou Porta blindada (1990). Situacións similares de ostracismo poden rexistrarse en autoras desta época que acabarán abandonando a literatura para adultos tras unha breve ou brevísima incursión como Úrsula Heinze, María Gándara, Uxía Casal ou Belén Feliú.

IMAXES