A Etapa Contemporánea II
Narrativa no final de século
Autoría feminina e temática LGBTQ na saída do franquismo.

O final da ditadura ten unha influencia importante tamén nos movementos sociais relacionados, dunha forma ou doutra, ao feito literario. Un dos temas que aflora de novo, ligado precisamente á puxanza dos movementos feministas e doutros colectivos durante os anos da transición, é a construción dunha autoría feminina. Durante o período histórico previo, a literatura escrita por mulleres foi asociada, por parte das editoras e da crítica, a determinados xéneros, e mesmo a certas características concretas dentro destes. Así, a poesía e a literatura infantil, relacionadas respectivamente coa suposta alma lírica feminina e cos seus instintos maternais, coutaban a recepción dos textos e as posibilidades de desenvolvemento dunha carreira literaria baixo outros presupostos, particularmente os referidos á narrativa para adultos, considerada como xénero central da literatura nestes anos. Ao mesmo tempo, é de notar que a crítica (mesmo aquela feita por mulleres ou vinculada ao feminismo) chega a forzar a interpretación da narrativa de autoría feminina baixo presupostos que a relacionan co lirismo e a sentimentalidade, deturpando en ocasións propostas que trataban de tomar un camiño oposto.

Durante a década dos oitenta temos unha soa autora que continúe unha carreira narrativa para adultos iniciada na etapa precedente, trátase de María Xosé Queizán , que fixera parte das novas narrativas durante a posguerra e que, tras anos de silencio editorial, vai continuar cun modelo completamente diferente a aquel, moi centrado desta vez na temática feminista, entendida dentro das loitas contemporáneas que inclúen temas como a homosexualidade, a memoria histórica e o papel da nova muller emancipada fronte a vellas estruturas sociais, particularmente a da familia.

María Victoria Moreno.

Exemplo das dificultades que as autoras atopan á hora de abordar unha traxectoria mesmo nun novo contexto de liberdade pode rastrearse no escaso eco crítico que recibe a proposta experimental de Margarita Ledo durante os anos oitenta, un ostracismo similar ao que acompaña á narrativa de Úrsula Heinze nesa mesma época. Algo máis de fortuna terán as primeiras obras de Marina Mayoral, aparecidas no final da década e que si lle serven para consolidar unha carreira nos vindeiros anos. Hai que indicar que, a pesar de que as estatísticas de publicación denotan unha menor participación das mulleres no mundo editorial, algunhas casas trataron de promocionar a súa figura a partir de coleccións ou sub-coleccións, unha política que na práctica consolidaba unha especie de guetto.

Por outra parte, a maior parte das autoras relevantes na narrativa para adultos que se consolidarán nos anos seguintes comezan vinculadas, en ocasións polas propias editoras, á narrativa infantil e xuvenil. Figuras como María Victoria Moreno , de sempre relacionada co xénero orientado ás persoas máis novas, non vai gozar dunha relevancia fóra dese contexto até o Día das Letras Galegas de 2018, onde a relectura da novela xuvenil Anagnórise (1988) e a recuperación de textos para adultos sen sistematizar como o volume Nosoutras (2018) permitiron que a memoria da autora gañase unha nova dimensión. Nos anos oitenta debutan tamén, dentro da literatura infantil e xuvenil, autoras como Marilar Aleixandre , que serán moi importantes na década seguinte como narradoras para adultos. En ningún momento cabe considerar esas achegas como menores, pero si é evidente que para o mundo editorial e a crítica representaban un eido moito menos importante que a narrativa para un lectorado de máis idade, e tamén que a súa asociación á autoría feminina continuaba vixente. Durante os anos oitenta hai tamén un grupo de autoras que non dan continuidade aos seus proxectos literarios. Persoas que abandonan a escrita tras unha ou dúas obras como Xosefa Goldar ou María Teresa Otero Sande, entre outras, nunha tendencia que continuará nos próximos anos e que non pode considerarse allea ás particulares dificultades que as mulleres atopan como autoras neste período.

Durante a década dos oitenta, a temática LGBTQ dentro da literatura galega está fortemente relacionada coa autoría feminina, o que responde á súa inclusión dentro da loita feminista do momento e, moi especialmente, ao proxecto literario de María Xosé Queizán, sen dúbida a persoa que máis constantemente abordou o tema na súa narrativa. A autora formula distintos puntos comúns da literatura LGBTQ nas súas obras: a posibilidade da homosexualidade dentro dunha sociedade alternativa ( Amantia , 1984), ou a cuestión da transexualidade nunha novela como A semellanza (1988). Queizán outórgalle a este tema unha centralidade que só tivera até aquel momento na escrita de Eduardo Blanco Amor. Exemplo da súa consciencia á hora de continuar esa tradición, é a publicación, moitos anos despois, de A boneca de Blanco Amor (2014), na que tamén axusta contas co autor ourensán e algunhas das súas actitudes á hora de visibilizar a súa homosexualidade.

Amantia, de María Xose Queizán

Alén do caso excepcional de María Xosé Queizán, a temática LGBTQ aparece tamén en Peito de vimbio (1988) de Alfonso Álvarez Cáccamo e, moi secundariamente, aínda que cunha perspectiva claramente queer en obras como Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985), de Margarita Ledo. Porén, a cuestión evoluciona cara a perspectivas positivas ou visibilizadoras de forma moito máis paulatina noutros autores, algo para que será preciso agardar até a década dos 90 con novelas como Henriqueta na galería (1997) de Lois Diéguez . Tamén na década seguinte existen autores que, como Méndez Ferrín en Arraianos (1991), inclúen pezas en libros de relatos nos que aparece o tema, pero sen darlle un protagonismo transversal dentro da obra. O tratamento da cuestión LGBTQ dentro doutras narrativas desta época aparece xeralmente como unha herdanza do tratamento precedente, no que representaba un elemento sempre vinculado á marxinalidade ou á criminalidade, ou ben como unha situación de anormalidade conflitiva.