Un dos elementos máis afectados pola mudanza política que experimenta o país tras a morte do ditador é a dos premios literarios. A súa existencia, até aquela data, estaba circunscrita ás organizacións do exilio e da emigración (como o Premio Galicia de 1970), aínda que a tímida apertura do réxime a mediados dos 60 favorecera tamén o xurdimento dun asociacionismo de corte galeguista. Así, asociacións da Galiza interior como “O Galo”, “O Facho”, “Abrente” ou o Ateneo de Moaña tratan de crear os seus propios certames literarios.
A progresiva institucionalización da cultura galega produce porén un cambio importante de paradigma. Nun contexto que trata de construír o seu propio mercado editorial moderno e conta aínda cunha certa precariedade en ámbitos como o da crítica literaria, os premios ofrecen unha posibilidade de intervención no sistema, así como de descuberta ou canonización das distintas voces literarias. Desta forma, a súa aparición nesta época está moi vinculada á narrativa, unha das bandeiras do proxecto de normalización, e será este xénero cara ao que se dirixan os certames de maior cuantía pecuniaria e tamén os de máis relevancia pública.
En canto aos actores que organizan estes certames orientados á narrativa, podemos falar novamente dunha mudanza fundamental. Pasamos dun momento histórico no que o traballo cultural galego se realizaba baixo as dificultades impostas pola ditadura, orientado principalmente á auto-lexitimación e a visibilidade dun proxecto cultural resistente. Parte dos actores que o desenvolvían e as súas reivindicacións continúan baixo un novo escenario con novas potencialidades, pero agora súmase a elas a participación das institucións (que teñen como obriga potenciar e normalizar as expresións culturais feitas na lingua do país) e tamén a das editoriais, que agora tratan de construír ese mercado editorial en lingua galega que posibilita o novo clima político. Os distintos obxectivos destas forzas promotoras desenvolverán unha traxectoria peculiar que marca o camiño da literatura galega no final do século XX.
Un bo exemplo deste novo escenario é o caso do Premio Eduardo Blanco Amor de novela longa. Nacido parcialmente como unha reacción ás aldraxes que o escritor ourensán recibira por parte de representantes políticos da súa propia cidade tras o seu falecemento en 1981, a iniciativa parte do Concello de Redondela cun convite para sumarse a outros concellos do país. Desta forma, varias institucións políticas de ámbito municipal, ás que acompañan outras de tipo cultural, constitúen un premio entendido como continuador da tradición de certames tramados dentro do asociacionismo resistente baixo a ditadura. Evidentemente, o escenario xa é diferente: o Blanco Amor aparece como un certame ambicioso, con intención de representatividade da creación literaria galega, e tamén moi orientado cara a un dos elementos que se consideran deficitarios no acervo cultural galego dos primeiros anos da normalización: a novela longa. Este elemento recóllese de distintas formas nas bases durante a traxectoria do premio, e tamén é obxecto de polémica ao requirir nalgunhas edicións un número de páxinas excepcionalmente elevado que garanta a condición de “longa” da obra gañadora.
O primeiro en recibilo é Daniel Cortezón con A vila sulagada, un dos narradores da posguerra que máis decididamente recollera a influencia de Cunqueiro. Porén, serán as tres novelas dos anos seguintes as que máis poidan funcionar como marca dos cambios acontecidos no mundo literario galego: O triángulo inscrito na circunferencia de Víctor Freixanes (1982), Beiramar, de Xosé Manuel Martínez Oca (1983) e Xa vai o griffon no vento de Alfredo Conde (1984), exemplifican unha mudanza do tradicional realismo máxico de inspiración cunqueiriana cara a unha nova novela histórica, non exenta tamén de críticas que a acusaron dun eruditismo pesado e desvinculado da realidade do país. Cunha traxectoria longa, o premio acusou os seus propios altibaixos, aínda que en xeral mantivo unha traxectoria que destacaba autores xa consagrados (Lois Diéguez, Xavier Alcalá, Suso de Toro, Xosé Cid Cabido, Xavier Queipo) con debuts prometedores como o de Xosé Monteagudo con As voces da noticia (2002), o de Séchu Sende coa súa primeira obra narrativa, Orixe (2004) ou o de Fran P. Lorenzo con Cabalos e Lobos (2014).
Aínda que outras editoriais como Galaxia ensaiaron premios co seu propio nome, orientados á produción editorial, ningunha conseguiu institucionalizar un certame da relevancia do Xerais de novela. Convocado por primeira vez en 1984 e gañado significativamente naquela edición por Carlos González Reigosa con Crime en Compostela, unha obra que exemplifica a promoción da literatura de xénero por parte das novas editoras. Cunha traxectoria desigual e moi variábel, o Xerais está caracterizado por contar, desde 1988, con lectores non profesionais, unha política que procura devolver o protagonismo dentro do contexto galego ás persoas consumidoras de literatura, por riba dos dirixismos intelectuais que a caracterizaran durante a ditadura. Tamén representa unha aposta concreta por parte da editorial á hora de modificar e configurar o público como parte dun novo mercado. O Xerais será acompañado, a partir de 1986 polo Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil, gañado na súa primeira edición por A casa abandonada de Úrsula Heinze. Entre 2006 e 2011 convócase tamén o Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, que a partir de 2014 volve baixo o nome de Jules Verne de Literatura Xuvenil.
Dentro dos principais premios do país, e convocado en solitario polo Concello da Estrada, o premio Manuel García Barros, que se outorga desde 1989 ,incide tamén na necesidade de premiar unha novela longa é gañado na súa primeira convocatoria por Manuel Forcadela con Paisaxe con muller e barco. Cunha traxectoria bambeante nos primeiros anos, este premio ten como virtude o encontro de dúas xeracións de autores, particularmente a partir do comezo do século XXI. Figuras como Antón Riveiro Coello, Xabier López López, Santiago Jaureguízar, Antón Lopo ou Anxos Sumai atópanse mesturados no seu palmarés.
O premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, convocado polo concello do Grove, ten a súa orixe a comezos dos anos 90, e constitúese como un certame que vai medrar en relevancia, a pesar de enfrontarse a unha certa descontinuidade. A súa fase máis relevante, unha vez garantida a publicación da obra premiada, comeza na seguinte década, anos nos que o reciben figuras como Teresa Moure ou Ramón Caride.
Un caso particular, pola implicación da sección galega dunha multinacional na promoción da lingua e da cultura, é o Premio Repsol de Narrativa Breve, convocado en colaboración coa editorial Galaxia e que comeza a súa andaina en 2006. É un premio que tivo a virtude de consagrar algunhas das voces narrativas máis relevantes do século XXI, como Berta Dávila, Marcos Calveiro, Santiago Lopo ou Anxos Sumai.
A constitución de premios protagonizados por institucións públicas enfróntase tamén á súa propia problemática, xunto con aqueles casos nos que a vontade política muda, dando cabo por desleixo ou oposición aos premios, como aconteceu como Premio Álvaro Cunqueiro de Narrativa, convocado bianualmente polos concellos de Mondoñedo e Vigo entre 1991 e 1999. Tamén é relevante a interpretación de como debe facer a intervención no campo literario que os premios representan. Certames como o Premio de Novela Gonzalo Torrente Ballester, aparecido en 1989 e promovido pola Deputación da Coruña, instituíu a concorrencia de novelas en galego xunto coas novelas en castelán, nunha política polémica na que a ausencia de premiados en galego chamou a atención do propio Gonzalo Torrente Ballester nos primeiros anos do premio. Desde 2016 o sistema muda para dar cabida a dúas categorías coa mesma dotación, unha por lingua.
Dentro dos premios de narrativa que non se remiten á narrativa longa, podemos mencionar, pola súa longa traxectoria, o premio Modesto R. Figueiredo, convocado desde 1975 pola asociación “Pedrón de Ouro”, e que reúne unha longa traxectoria destacando a narrativa menos convencional. Tamén o Certame Manuel Murguía de Narracións Breves do Concello de Arteixo, que se falla por primeira vez no ano 1992 destaca dentro do panorama de certames para relatos. Tamén o Premio “Os Viadutos”, que entre finais dos anos 90 e o ano 2018, no que se convoca xa como premio de novela, se orienta á narración breve.
Outros premios, de carácter xeral, como os Premios da Crítica Galicia, os Premios Nacionais da Crítica, ou os Premios Gala do Libro Galego xogan un papel diverso, máis orientado cara á canonización e recoñecemento de traxectorias ou obras posterior á súa publicación.