A Etapa Contemporánea II
A poesía actual
O cinema

Nos anos setenta, coincidindo coa literatura de compromiso social, aparece un cinema vinculado ao mundo galego, baixo dúas tendencias: unha, decantada pola modernidade; a outra, partidaria da plástica tradicional, tería como representante a Chano Piñeiro, un dos directores máis importantes do cinema contemporáneo. Ambas teñen en común o distanciamento ou estilización do enxebrismo e do folclore.

Fotografía do guionista e director de cinema, Raúl Veiga.

A celebración da "I Semana do Cine" en Ourense (1973), e a aparición do "Patronato do Cine Galego" e "Rula. Difusora Cultural Galega" (1975-77), significa un intento de produción industrial, con filmes como "Arredor" de Carlos Piñeiro, "Fendetestas" de Antonio F. Simón, "O herdeiro", de Miguel Gato, "O cadaleito" de Henrique R. Baixeras e "O pai do Migueliño" de Miguel Castelo. Cara o remate da década dos 70, estas claves van ir desaparecendo e vaise cambiar a expresión "cinema galego" pola de "cinema en Galiza".

A partir de 1980 faise posíbel a aparición dos primeiros proxectos de financiación de curtametraxes e a investigación, ao tempo que unha maior atención e apoio ao cinema galego, celebrándose as "Xornadas de Cinema e Vídeo de Galiza" no Carballiño. O proxecto "Cine Galicia" facilitou a estrea de filmes como Continental (X. Villaverde) e Sempre Xonxa (Chano Piñeiro).

Nos primeiros noventa, o apoio ao audiovisual propiciou tamén a creación do premio de guións cinematográficos de longametraxe "Carlos Velo". Posteriormente apareceron dous organismos, o Centro Galego de Artes e Imaxe e a Escola de Imaxe e Son , con afán de renovación, difusión cultural das artes da imaxe e recuperación do patrimonio audiovisual. Reaparecen realizadores da década anterior, como Miguel Castelo, Antonio Simón e Chano Piñeiro, que realizou en 1993 O Camiño das Estrelas, o seu derradeiro filme, a carón doutros máis novos, como R. Veiga que dirixe A metade da vida (1994),de ton literario nos seus diálogos.

Debemos destacar tamén a relación do cinema coa literatura, que leva á aparición de producións que recrean desde a liberdade de enfoque obras de destacados narradores contemporáneos. Xa nos anos 70 aparecera "Documento" de Henrique R. Baixeras, sobre un conto de Fole . En 1974, " Retorno a Tagen Ata " de Eloy Lozano, sobre a obra homónima de Méndez Ferrín e "A Tola" de Miguel Gato, sobre un conto de F. Taxes . Nos anos 80 e 90, "Río de sombras" de D. Domínguez, libre adaptación do relato "O Suso" de M. Ferrín (1985). Xa a comezos dos noventa, "O Desexo" de Miguel Castelo, sobre conto de Dieste , e "Boas Noites, Eire" de R. Veiga, libre adaptación dun relato de M. Ferrín.

IMAXES