A Etapa Contemporánea II
Manuel María e o seu tempo
Os Anos 60

Nos comezos da década dos cincuenta, un grupo de amigos —non máis dunha ducia, entre eles Manuel María— asiste ao único acto posible naqueles anos: unha misa na honra de Rosalía . Reiníciase, así, unha celebración que co tempo irá afirmándose e reconfigurándose ata converterse en 1968 e desde entón no Día da Patria Galega .

Manuel María retratado polo seu amigo, o pintor Xavier Pousa, en 1956.

Cada 25 de xullo, desde Lugo ou desde Monforte, Compostela é punto de encontro coa esperanza e o futuro, representado nos poetas, narradores e dramaturgos, nos historiadores, xeógrafos, etnógrafos, pintores, etc., nos homes e mulleres que senten a necesidade de organizarse para abrir, na clandestinidade, un novo campo de actividade na defensa de Galiza: a loita política. Os espellos en que se mira a mocidade nacionalista galega son os da loita independentista alxeriana e da revolución cubana de finais dos cincuenta.

A maduración política leva á fundación, na clandestinidade e en 1964, dos partidos nacionalistas Unión do Pobo Galego —Manuel María afilíase este mesmo ano— e Partido Socialista Galego . Inicialmente e debido aos atrancos e controis impostos pola ditadura, o traballo é cultural, ben creando, ben dinamizando Asociacións Culturais en todas as cidades galegas: en 1961 nace " O Galo ", de Santiago; en 1963, " O Facho " da Coruña; en 1965, a Asociación Cultural de Vigo e " O Castro ", de Vigo; en 1967, a Asociación de Amigos de Pontevedra e a " Auriense ", de Ourense; en 1969, a " Abrente ", de Ribadavia, etc. Lentamente, vencendo atrancos legais, superando a censura, os colectivos cidadáns máis próximos ao galeguismo ou galeguistas e nacionalistas poñen a andar nas grandes cidades galegas foros de debate, reflexión e restauración cultural que propiciarán un achegamento á realidade galega en todos os seus planos.

Manuel María acepta cada invitación ou chamada recibida desde calquera punto de Galiza para dar unha conferencia, recitar versos, participar nun coloquio, actos culturais, en casos, significativos e destacados: a presentación de Raimón en maio de 1967 en Santiago, ante máis de 2.000 estudiantes, ou a presentación da Nova Canción Galega , en Santiago e Madrid (nadal de 1968 e xaneiro de 1969).

Co acto celebrado na Facultade de Económicas de Madrid o 13 de xaneiro chegan as represalias: por unhas supostas alteracións da orde pública e berros subversivos dos asistentes ao acto, tivo que pagar —e pagou, coa axuda solidaria de moitos amigos e colectivos— unha multa de 75.000 ptas.

IMAXES