Etapa Medieval
Caracterización xeral. Cantigas de escarnio e maldicer
A tradición manuscrita

Dixemos antes que a lírica medieval chegou a nós recollida en códices. Estes códices eran escritos a man polos copistas e, moitos deles, ilustrados por verdadeiros artistas con preciosas miniaturas. Recibe o nome de Tradición Manuscrita o proceso de recollida e copiado das cantigas que levou a producir os Cancioneiros que hoxe coñecemos.

Edición do  Cancioneiro Colocci- Brancuti.

A lírica profana chegou ata nós unicamente en tres códices que foron copiados en épocas diferentes. O máis antigo é o chamado Cancioneiro de Ajuda (A), atopado e conservado en Lisboa, que ficou sen rematar xa que lle falta o nome dos trobadores, parte das miniaturas e a notación musical.

Os outros dous, moito máis completos, son copias que mandou facer, a fins do século XV ou comezos do XVI, o humanista italiano Angelo Colocci: o chamado Cancioneiro da Biblioteca Nacional (B), actualmente está en Lisboa; o terceiro, o Cancioneiro da Vaticana (V), permanece onde foi achado, na Biblioteca Apostólica Vaticana de Roma.

Que a lírica medieval chegase ata nós unicamente en tres cancioneiros, cando da provenzal se conservan 95, levou os historiadores a cualificar a nosa tradición manuscrita de pobre e estéril. Esta idea estaba ademais reforzada polo feito de que os tres códices conservados parten dunha base común, isto é, que existiu un único manuscrito do que se copiaría o Cancioneiro de Ajuda e outro, hoxe perdido, de que temos noticias polo testamento de Don Pedro, Conde de Barcelos. Deste códice de D. Pedro, sairía a copia que chegou a Italia e da que serían tirados os Cancioneiros da Biblioteca Nacional e o da Vaticana.

Esta pobreza ten unha explicación histórica. Na Provenza, a lírica desenvolveuse en moitas cortes e por tanto había unha serie de mecenas que podían pagar o traballo de recollida da poesía, mentres que na Península estaba limitada á corte real e, por tanto, unicamente os reis podían afrontar estes custos. Cando en Castela comeza a poñerse por escrito a cultura, a lírica trobadoresca está pasando de moda e o reino de Galiza entra na primeira fase do seu sometemento político; na corte portuguesa, a profunda crise económica e social pola que atravesa o país á morte de Don Dinís fai que os seus sucesores terian preocupacións moito máis urxentes que as de recompilar a lírica trobadoresca. De todas as formas cómpre sinalarmos que esta mesma pobreza caracteriza a toda a literatura medieval da Hispania Centro-Occidental.

Giuseppe Tavani supón que o primeiro cancioneiro, aquel do que se copiaría o de Ajuda, debeu facerse nunha corte rexia, posibelmente a de Afonso X, onde se estabelecería a estruturación do libro agrupando as cantigas, non por autores, senón por xéneros: Cantigas de Amor , Cantigas de Amigo e Cantigas de Escarnio e Maldicer . O proceso de recompilación comprendería: 1º) as follas en que os trobadores escribían as súas composicións para que as interpretasen os xograres ou para empregalas como agasallo; 2º)   as pequenas colectáneas en que se reunían cantigas de diversos autores, mais do mesmo xénero (amor, amigo ou escarnio e maldicer); e 3º) os cancioneiros individuais dos trobadores que os tivesen.

IMAXES