Etapa Medieval
Prosa literaria medieval
Pervivencia da Materia de Bretaña na literatua galega

Unha vez terminado o período medieval, os temas artúricos pasaron dos medios refinados e cultos da antiga literatura galego-portuguesa ao romanceiro e ao patrimonio folklórico tradicional, entrando a formar parte da complexa mitoloxía popular galega e transmitíndose de xeración en xeración, paulatinamente fundidos cos mitos e lendas preexistentes. Na lagoa de Antela existe unha lenda que narra o asolagamento dos cabaleiros da Táboa Redonda, que, despois de beberen no río do esquecemento, permanecen á espera do regreso do rei Artur de Avalón para que os desperte e restaure con eles o seu reino. Está difundido tamén en Galiza o tema do milagre eucarístico da transubstanciación da Hostia en sangue, milagre que para moitos garda relación coa versión cristiá do misterio do Santo Graal e que se pode encontrar no Cebreiro. A lenda da caza do cervo de pé branco, en que unha moza desaparece e se metamorfosea en cervo branco ou nun cervo co pé branco, é outro exemplo de tradición tipicamente celta e arturiana.

Segundo a tradición conservada no Parzival de Wolfram von Eschenbach, como recorda Rodrigues Lapa, o templo onde se gardaba o misterioso Graal ou vaso sagrado estaba situado na montaña de Montsalvatge, no camiño de Galiza, e rodeado do bosque de Salvaterra. Aínda que algúns estudiosos localicen o culto do Graal noutros pontos do noso país ou de España, parece que a montaña do Cebreiro se axusta mellor aos datos de Eschenbach; nesta localidade consérvase un fermoso cáliz de fins do século XII onde, de acordo coa tradición, se tería realizado o milagre da Eucaristía.

Por outra parte, no século XIX o mundo celta volve a despertar interese en Galiza. Na obra do historiador Verea y Aguiar aparece o celtismo histórico, insistindo sobre o valor da lingua, das tradicións locais, da poesía medieval ou do significado mítico e heroico da independencia celta. Na Coruña un grupo de intelectuais reúnense arredor da chamada "Cova céltica", destacando entre eles o erudito historiador Manuel Murguía e o bardo Eduardo Pondal, co seu lirismo épico de raíz ossiánica.

Xa no século XX, no período de recuperación cultural que representa a Xeración Nós, o poeta Ramón Cabanillas vai interpretar, en estilo modernista, os temas máis significativos das lendas artúricas na súa obra No noite estrelecida, cuxa segunda saga nos describe con grande colorido a viaxe de Galaaz ao Cebreiro, onde atopará o Santo Grial. Este interese pola Materia de Bretaña reaparece en prosistas galegos da posguerra, como Álvaro Cunqueiro —Merlín e familia, As crónicas do sochantre—, Daniel Cortezón —As covas do rei Cintolo—, Méndez Ferrín —Percival, Amor de Artur—, Suso de Toro —Caixón desastre —  ou Darío X. Cabana —Galván en Saor—. A "Materia de Bretaña" constitúe, pois, na literatura galega esa especie de historia interminábel de que falou Carlos García Gual.

IMAXES