Introdución
Definición, características e periodización da literatura galega
A etapa contemporánea (S. XIX)

O período preliminar ou precursor (1808-1863)

O período preliminar ou precursor (1808-1863) da nosa literatura abranxe desde a guerra da Independencia —1808— até 1863 —publicación de Cantares Gallegos . Ben é certo que non é un período homoxéneo. A partir da década dos 30 nótanse as consecuencias derivadas das medidas político-administrativas de carácter centralista: división do Estado en provincias —1833—, desaparición formal do antigo Reino de Galiza, política de desamortización de bens eclesiásticos desde 1837. É o principio do fin do Antigo Réxime. Xa que logo, a recuperación da literatura galega contemporánea desde 1808 non segue un proceso ascendente. Pero, ao calor da guerra da Independencia e da conflitividade ideolóxica e social entre partidarios do vello réxime e dunha orde nova liberal, aparecen libros, xornais e follas soltas, xa en galego só, ou ben bilingües: as Proezas de Galicia (1810) de José Fernández Neira, sobre a guerra da Independencia, a Carta recomendada —1812— de Ramón González Senra, os diálogos galegos de tradición renacentista (Tertulia en la Quintana, 1820; Diálogo de la Alameda, Tertulia de Picaños, Coloquio en la Chaínza, posteriores a 1820). A finalidade utilitaria da literatura é visíbel tamén nos textos en verso, como o anónimo e tradicionalista Un labrador que foi sarxento , ou Os rogos (1813) de Pardo de Andrade, alegato liberal e anti-inquisitorial.

Impreso en lingua galega.  La Tertulia en la Quintana.

Está claro que, a partir de 1837, relativamente consolidado o réxime constitucional, iníciase unha década de silencio para o galego escrito. Polo tanto, o liberalismo, na súa plasmación económico-política, converteuse nun ferrollo para a normalización da lingua e da cultura galegas. O proceso de centralización económica e ideolóxico-cultural do Estado liberal expulsa o galego da escrita en prosa, xa en libro, xa en prensa, mentres permanecían os usos poéticos nas cancións folclóricas, nas cantigas de Nadal e outras manifestacións anónimas, cunha tradición secular.

A depresión até o início da década dos 60 é paralela a outros fenómenos derivados da centralización e da acumulación capitalista:

  1. aumento da emigración e fames espantosas;
  2. españolización lingüística e cultural reforzada pola burocracia e a expansión do sistema educativo;
  3. progreso e modernidade simbolizados polo español.

O desenvolvemento capitalista trouxo marxinación para Galiza. De forma contraditoria, houbo reaccións contrarias a este proceso, desde o campo liberal e democrático (a revolución de 1846 , ou máis tarde — 1856— a representada polo banquete de Conxo ). A Historia de Galicia (1838) de Verea de Aguiar é un alegato a prol dos dereitos históricos de Galiza, entre eles a dignidade da súa lingua, e a súa consideración como unha unidade, unha soa provincia, e da proposta da reforma da progresivamente desigual estrutura do Estado Español. Claro que, na práctica literaria, son escasos os poemas en galego da Xeración do 1846: Neira de Mosquera, Añón , Posada, Turnes, Pintos , García Mosquera... A gaita gallega (Pontevedra, 1853) de Xoán Manuel Pintos, poetiza a gravidade de que o galego non acceda á Administración e á Igrexa, a inexistencia de literatura culta. É a denuncia dunha expulsión dunha restrición de usos por un proceso político-social que conducía á diglosia.

O primeiro Renacemento (1863-1891)

O primeiro Renacemento (1863-1891): os tres grandes clásicos do Rexurdimento. O Renacimento pleno sitúase entre a data de publicación de Cantares Gallegos (1863) e a da fundación da Asociación Rexionalista Galega (1891) e o traslado dos restos mortais de Rosalía de Adina a Santo Domingo de Bonaval (1891), como datas simbólicas.

Cantares Gallegos. Rosalía de Castro.

Foi nos anos precedentes aos da instauración precaria dun rexime democrático no Estado cando se perfilou o renacemento literario galego do ponto de vista cualitativo. Foi unha época convulsiva, contraditoria e conflitiva que desembocou na revolución do 1868 e na 1ª República. O problema do foro, da sangría emigratoria, da falta de ferrocarril, debátense e preocupan a políticos, escritores e artistas pre-nacionalistas. Contestan o proceso de marxinación de Galiza na nova estrutura centralista e capitalista do Estado Español. Alén daquelas temáticas, a prensa de preocupación "provincialista" interésase tamén pola emancipación da muller que ten un papel tan relevante, como problemático e conflitivo, na escrita.

Os primeiros exercicios literarios de mulleres aínda novas, mozas corno Emilia Pardo Bazán, Emilia Portal ou Narcisa Pérez Royo, e señoras como Emilia Calé ou a propria Rosalía, datan destes anos, recorrendo ás veces a pseudónimos ou a iniciais, non marcadas sexualmente.

O uso da lingua galega con finalidade artística, literaria, forma parte da reivindicación fronte ao proceso de marxinación. Afírmase que Caliza é un pobo con historia e capaz de crear literatura. O prólogo de Cantares Gallegos é un manifesto en defensa da clase nacional, por excelencia, do país (os labregos), con protagonistas maioritariamente femininas, en coherencia coa contestación de todas as rnarxinalidades. O esforzo pola reconstrución do pasado histórico do país forma parte do labor pola súa torna de conciencia (a Historia de Galicia de Murguía e a de Vicetto).

Se os inicios desta eclosión cualitativa hai que situalos na década dos 60, os froitos máis acaídos vén a luz na dos 80: en 1880, Follas Novas e Aires da miña terra ; en 1886, Queixumes dos pinos ; en 1888, O Divino Sainete .

Aparecen, pois, estas obras fundamentais nunha situación política de reacción conservadora: a da Restauración Borbónica, despois do golpe de Estado de 1874, pero os seus autores formáronse na etapa pree revoluCionaria. Manteñen posicións críticas na nova situación, malia poidan ser máis desesperanzadas.

É a etapa dos tres grandes "clásicos" do século XIX, Rosalía , Curros e Ponda l. Pertencendo a este período, non son da resma xeración. Rosalía e Pondal pertencen á xeración de 1856; Curros, como Lamas Carvajal , á de 1868. Pero tampouco son isócronos na súa actividade literaria galega. Canto ao uso do galego, a orde sería: Rosalía-Pondal-Curros. A única obra xestada totalmente no período é a de Rosalía. Curros e Pondal alongan a súa actividade até entrado o século XX (1908, Curros; 1917, Pondal).

Existe un cambio cualitativo real a respecto do período anterior, na práctica da escrita literaria-poética, con acenos de recuperación da prosa narrativa e do teatro. Falamos de renacemento polo agromar dunha literatura de creación de calidade, o que non impide ver a cativeza do galego como lingua de prosa periódica. Son escritores empeñados en demostrar que lingua galega e progreso son compatíbeis, e en articular un espacio simbólico cultural e literario proprio da Galiza, como realidade de seu.

Esta posición corre parella, se ben con características moi específicas, á doutros movementos nacionalistas (Bohemia, Polonia, Hungría, Irlanda ...) da Europa, que os nosos pre-nacionalistas ou provincialistas do primeiro Renacemento toman como modelo, no tocante á actitude cultural e lingüística.

A depresión intersecular (1891-1914)

Falamos de depresión no aspecto cualitativo, non no cuantitativo: a perda de tensión suficiente para producir obra de calidade. Pero a extensión da escrita en galego non se paralisou (relato, novelas, teatro, prosa didáctica...). A temática dominante na literatura é o enxebrismo, o historicismo e a tendencia ideolóxica a un tradicionalismo ou republicanismo anti-caciquil tópicos. As coordenadas ideolóxicas expresan un certo confusionismo, baixo unha forte presión españolizante. A fundación da Asociación Rexionalista Galega (1891) resulta só un síntoma da necesidade de organización, pero acabará nunha certa impotencia e inoperancia.

Manuel Murguía.

A mocidade finisecular abalaba entre o polo do cosmopolitismo modernista —vehiculizado a través da cultura española e latinoamericana— e o atractivo dun confuso rexionalismo, extremos presentes no primeiro Valle-Inclán, por exemplo. Naturalmente, a presión e a aspiración ao triunfo social acaba por facela bascular, moitas veces, cara á cultura española: eran coñecidos como "gallegos a la española", con intencionalidade positiva.

Porén, existe unha notoria preocupación pola expansión da práctica da escrita e o uso social da lingua, así como do seu estudio. Timidamente aparecen as intervencións públicas en galego (Murguía, nos Xogos Florais de Tui , de 1891; Lugrís, nun mitin agrarista de 1907 en Betanzos).

A preocupación pola conquista de usos para o noso idioma proviña de que xa era manifesto o seu desprazamento social no proceso de h omoxeneización do Estado da Restauración, especialmente na súa segunda etapa, a da Rexencia de María Cristina, coincidindo tamén cun novo reforzamento da emigración galega, e cunha política intensificada de españolización desde as Administracións públicas do Estado.

 

IMAXES