A nosa é unha literatura da periferia europea. Quizais cumpra lembrar aquí que é un fraude identificar Europa cuns poucos países da Europa Occidental. Como é errado xulgar as literaturas da "periferia" europea, ou de calquera outra, en función dunha tradición occidental hexemónica e desde as súas perspectivas e avaliacións. O resultado será a negación, minusvaloración e incomprensión dos mundos culturais, neste caso literarios.
Ramón Otero Pedrayo
Polo tanto, cómpre decatármonos da existencia do noso mundo cultural, autónomo, sen o cal non habería literatura propria. Actuando así, decatarémonos das diferencias específicas a respecto das literaturas do "centro", aquelas que son consideradas academicamente como normativas, modélicas. Os criterios desde os que estas literaturas foron estudadas, avaliadas e xulgadas non se poden trasladar mecanicamente a outras literaturas que, malia estaren con elas relacionadas, responden a outra dinámica e necesidade históricas. De non telo en conta, o resultado será a avaliación dependente e subsidiaria, a incomprensión máis elemental do que se le.
Existe un exemplo paradigmático, por coñecido, de aplicación de criterios e avaliacións dunha literatura "central" a una literatura periférica. A filiación, e mesmo dependencia, de Rosalía con Bécquer está articulada desde a perspectiva da integración subsidiaria, do submetimento da literatura galega á española. Malia estar afondados até o tópico despois da morte de Rosalía, este tipo de xuízos críticos apareceron na Galiza xa en vida da autora e como louvanza da súa excelencia. Así se expresaba o crítico de Follas Novas nas páxinas do xornal compostelán Gaceta de Galicia (24 de novembro de 1880): "La escuela de Rosalía de Castro coincide con la de Bécquer, si no es eminentemente becqueriana, lo cual en vez de constituir un defecto, atestigua y preconiza su buen gusto y acertada elección, que no siempre los discípulos andan perezosos y rezagados en pos de sus maestros, sino que por el contrario, en algunas ocasiones han logrado alcanzarlos y aun excederlos en mérito". Este suposto maxisterio de Bécquer aboca inevitabelmente ao reducionismo e á incomprensión a obra de Rosalía. En termos xerais, podemos dicir que a disposición a explicar a literatura galega, nas súas manifestacións concretas, como resultado serodio, imitativo, cando non deficiente ou inferior, das literaturas europeas centrais, e nomeadamente da española, á parte de falsa, amosa unha profunda incomprensión das súas características autónomas ou específicas. Desvendar o sentido da nosa literatura, avaliala con corrección, isto é, comprendela, é desvendar un proceso que a fai aparecer como secundarizada, subsidiaria e mesmo inútil. É evidenciar a historia do noso país, a nosa forma de comprender o noso mundo e o mundo global do que formamos parte.
Este esforzo debeu ser encarado en todas as "periferias", mesmo nos casos de estaren sustentadas as súas prácticas literarias en linguas de uso normal, como o español en Latinoamérica. As literaturas en español deste continente posúen rasgos que as asemellan curiosamente aos países da periferia europea, como subliñaron os seus estudiosos "descolonizados". En todo caso, que os nosos mundos sexan economicamente subdesenvolvidos non quere dicir que as súas literaturas o sexan.
Xa dixemos que a tendencia que impulsa a nosa literatura concrétase nun proceso oposto á secundarización, á marxinación, ao ocultamento e á negación dunha realidade concreta. Na literatura escrita en galego albíscase, cando menos, o esforzo por configurar un pobo con vida propria, con formas, estruturas e sentimentos xenuínos. Velaquí as características do conxunto literario galego, observado como proceso histórico aínda non totalmente consolidado: