No século XIX a incerta orixe de Galiza e a súa personalidade histórica van centrar a atención dos historiadores, cunha decidida intención política. O galeguismo da época dos Precursores precisaba coñecer as raíces de Galiza, o seu pasado histórico, co que respaldar o proceso de afirmación nacional e as reivindicacións administrativas e sociais. A defensa do idioma e do país como realidade física foran asumidas de forma totalmente decidida pola poesía dos Precursores.
Nace así a teoría sobre a orixe céltica de Galicia, que terá unha grande resonancia na cultura galega do século XIX e en épocas posteriores. A defensa da procedencia céltica significaba defender a singularidade galega como nación fronte ao resto dos pobos hispánicos, servindo como soporte a unha ideoloxía política de carácter galeguista.
As teses das orixes celtas aparecen na primeira metade do século nas obras de historiadores como Verea e Aguiar ou Faraldo, caracterizadas polas súas interpretacións románticas e pouco rigorosas, centrando a atención na Galicia anterior á época da dominación romana. Verea e Aguiar, en 1838, fala dunha primitiva nación céltica estendida por Galicia, Lusitania e Asturias, que dominaría a Península Ibérica, estendéndose logo por Europa e as Illas Británicas.
Posteriormente, Manuel Murguía, na súa obra Historia de Galicia (1886), contribúe a sustentar o mito céltico coa figura de Breogán, fundador de Brigantia, e o seu fillo Ith, que descobre a illa de Irlanda e embarca cara a ela coa súa xente. Manuel Murguía fai unha recreación erudita do mito, alentado polos contertulios da Cova Céltica, entre os que figuraba con nome propio Eduardo Pondal.
Xa no século XX, no período de recuperación cultural que representa a Xeración Nós, o poeta Ramón Cabanillas vai interpretar, en estilo modernista, os temas máis significativos das lendas artúricas na súa obra No noite estrelecida, cuxa segunda saga nos describe con grande colorido a viaxe de Galaaz ao Cebreiro, onde atopará o Santo Grial.