Desamortización

Mil novecentos trinta e cinco (1835)

A desamortización foi un longo proceso  que consistiu en poñer no mercado, mediante poxa pública, as terras e bens non produtivos en poder das chamadas "mans mortas" que non as cultivaban, case sempre a Igrexa Católica ou as ordes relixiosas, que as acumularan como habituais beneficiarias de doazóns, testamentos, co fin de acrecentar a riqueza nacional e crear unha burguesía e clase media de labregos propietarios. Ademais, o erario obtiña uns ingresos extraordinarios cos que pretendían amortizar os títulos de débeda pública.

Mais na Galiza as desamortizacións non supoñen venda de terras de libre disposición, senón unha transferencia das rendas da terra. Permanece vixente o sistema de renda foral por máis que mude  o titular da renda. Iso foi así porque os compradores das rendas forais foron, antes que nada, persoas procedentes da "burguesía urbana", dedicada maiormente a actividades comerciais e administrativas —tamén os propietarios das fábricas de salazón—, na vez do propio campesiñado resultando a desamortización unha trampa histórica na que a burguesía comercial galega soterrou as súas posibilidades de constituírse como clase nacional durante boa parte do s. XIX, en tanto a compra de rendas desviou cara á agricultura un capital investíbel na industria.

Xa noutro aspecto, e como resultado das desamortizacións, moitos conventos e igrexas de valor artístico foron abandonados ou botados abaixo e agora desapareceron ou son unha ruína; igualmente, moitos libros e bibliotecas conventuais dispersáronse e os seus libros foron destinados para as bibliotecas públicas da época.