O galeguismo, como exaltación das características singulares do país, como defensa da lingua, da cultura e dunha política en función dos intereses galegos, existe antes da súa concreción política. O galeguismo agroma na poesía e espállase por outros xéneros literarios: teatro, novela, investigación histórica e prehistórica, etc., até se expresar de xeito sistemático a través do ensaio filosófico e político.
A principios de século XX atopamos un considerábel número de poetas, xornalistas, investigadores e oradores que se expresan en galego e se identifican co galeguismo. O grupo "Nós" afincado en Ourense, o grupo "Céltiga" de Ferrol e posteriormente o "Seminario de Estudos Galegos", xunto con outras institucións menores ("Labor Galega" de Pontevedra, Instituto da Cultura Galega de Lugo, "Biblioteca de Estudios Gallegos", etc...), representan a consolidación do galeguismo como sinónimo de intelectual galego.
Desde o ano 1922 a prensa tamén opera unha transformación neste sentido. O xornal Galicia de Vigo identifícase co galeguismo, igual que publicacións de alén mar como Celtiga e A Fouce en Buenos Aires. Tamén atopamos na prensa local a proclamación galeguista; é o caso, entre outros, de El Emigrado da Estrada.
No terreo socio-económico dáse tamén un rexurdir do galeguismo expresado, por unha banda, en proxectos como a Misión Biolóxica de Galiza, e por outra, nalgunhas reivindicacións como o ferrocarril Zamora-A Coruña, que mobilizaron a sociedade galega do primeiro cuarto de século. Neste sentido, as mobilizacións agrarias e a súa expresión organizativa tiveron tamén unha inspiración galeguista na súa retórica redencionista.
No terreo político, e máis concretamente, no organizativo —co antecedente das Irmandades da Fala e da Irmandade Nacionalista Galega, que dalgún xeito teñen un modelo de funcionamento semellante a un partido— o galeguismo está no fundamento de ORGA, da Federación Republicana Galega e do Partido Republicano Galego, diferenciándose dos partidos estatais no seu ámbito de actuación e soberanía. Se ben nestoutros destacan tamén persoeiros que son referente dunha sensibilidade galeguista, como é o caso de Xaime Quintanilla no PSOE.
O 5 e 6 de decembro de 1931 fúndase o Partido Galeguista nunha asemblea en Pontevedra en que participan grupos locais e personalidades que, baixo a denominación de Autonomista, Galeguista, ou Nacionalista, viñan funcionando de xeito fragmentado e disperso polo país adiante. Entre estes atópanse tamén grupos culturais e ideolóxicos (Dereita Galeguista e Esquerda Galeguista) e mesmo da emigración (Federación de Sociedades Galegas Agrarias e Culturais, e ORGA de Arxentina).
O nacemento do PG marca un fito determinante na historia do galeguismo e xera unha dinámica na cal todos aqueles que dun ou doutro xeito se identificaban con dito ideario se teñen que posicionar. Uns, como Vilar Ponte, incorporándose co tempo á súa disciplina; outros, como Valentín Paz Andrade, arrédanse e xustifican a súa participación na candidatura do Centro de Portela Valladares en 1936 en base a un concepto de galeguismo que rexeita que a defensa de Galiza sexa exclusiva dun partido nacionalista. Este concepto de galeguismo será contraposto ao de nacionalismo (autoorganización política), e acaba por instalarse na opinión pública como cualificativo dunha tendencia ou sensibilidade de persoas ou institucións non necesariamente vencelladas a partidos nacionalistas. Nacionalismo e galeguismo pasaron da súa identificación inicial a rematar, polas circunstancias históricas, por representaren opcións abertamente enfrontadas no terreo político pero tamén no cultural e lingüístico.
De xeito que, se ben todo nacionalismo se identifica co galeguismo, existe un galeguismo non nacionalista.