Neotrobadorismo

Consiste na recreación das cantigas de amigo e de amor da Idade Media, unha vez que se divulgou o seu coñecemento. Non supón unha ruptura, unha innovación, senón que parte da estima, do recoñecemento do labor literario dunha das épocas máis gloriosas para a literatura e a cultura galegas. Gozou dun grande prestixio e, como se ten demostrado en estudios feitos nos últimos anos supuxo na época a realización dunha poesía autóctona, nacional, que, se por un lado renovaba o ruralismo poético de comezos do XX, tamén, por outra parte, se afastaba das propostas consideradas foráneas, as propiamente vangardistas. Os cultivadores máis destacados son:

    - FERMÍN BOUZA BREY, autor de Nao senlleira, 1933 e Seitura, 1955.  Fálase normalmente deste autor como o iniciador do neotrobadorismo, pois os seus poemas crearon escola, deixando unha serie de cultivadores desta tendencia. Xa con anterioridade á publicación de Nao senlleira, tiña publicado unha serie de poemas na revista Nós, destacando os titulados “Lelías ao teu ouvido” (1926) e “Tríadas no mar e na noite” (1927).
    Fermín Bouza Brey é un dos membros fundadores do Seminario de Estudos Galegos, e a súa familiaridade cos Cancioneiros medievais viríalle dada tanto pola súa participación nesta Institución como polas edicións de José Joaquim Nunes e a Antoloxía de Carré. O seu obxectivo era actualizar a lírica trobadoresca galego-portuguesa, recuperar a tradición dos que el considera os nosos clásicos: “os cancioneiros medievais e o pobo”, como ten afirmado. Non se trata de imitar reproducindo mimeticamente as características formais e de contido das cantigas medievais, senón que, como ten sinalado Teresa López:
    “En Nao senlleira é tan importante a presencia do elemento popular -a outra     tradición que Bouza pretendía recuperar- como a do trobadoresco, canto que da     tradición popular non se tiran unicamente certos procedementos -o encadeado de     estrofas en “Regueifa” -  ou moldes estróficos -a tríada-, senón que se trascende     este nivel para informar boa parte dos contidos poéticos con referencias a     tradicións populares.”

    - ÁLVARO CUNQUEIRO, autor dunha importantísima obra literaria tanto en prosa como en verso. Neste caso interésanos salientar os seus libros de poemas de corte neotrobadoresco, unha das liñas que este prolífico escritor ten cultivado, Cantiga nova que se chama ribeira, de 1933 e Dona do corpo delgado, publicado no 1950. Foron xustamente os poemas destes dous libros os que deron lugar ao cultivo do neotrobadorismo na posguerra, axudado tamén pola popularización  do coñecemento da lírica medieval a través da Escolma de poesía galega de Xosé Mª Álvarez Blázquez (1952).  Xustamente o autor desta escolma vai ser un dos continuadores desta liña poética no seu Cancioneiro de Monfero de 1953.

    - XOÁN VICENTE VIQUEIRA, autor do texto “Poemeteo da vida”, considerado o primeiro texto neotrobadoresco galego antes da aparición dos “Cantares d’amigo” do poeta catalán Carles Riba.

    - XOSÉ DÍAZ XÁCOME, autor de Primeiras cantigas de AMOR, obra de 1936 na que aparecen oito poemas con epílogo do propio Cunqueiro. Para a súa elaboración xa non se parte da lírica medieval, senón da re-lectura a través dos poemas neotrobadorescos xa publicados, fundamentalmente, da re-lectura de Cantiga nova que se chama ribeira.
    
    
    
    

VIDEOS
Cunqueiro

(00:31:18)