Este libro, coordinado por Héitor Mera, publícase como homenaxe ao escritor Bernardino Graña con motivo do seu setenta e cinco aniversario. Réune once traballos, que constitúen un completo percorrido pola biografía humana e literaria do poeta de Cangas, ademais de catro homenaxes poéticas e artísticas. Abre o volume senllos textos de Clara Millán e Xosé Manuel Pazos, alcaldesa e concelleiro de Cultura do concello de Cangas, institución que colaborou na edición do volume, e unha semblanza biográfica do homenaxeado (Bernardino Graña Villar: profeta do mar, profesta na súa terra) realizada polo coordinador do volume e completada por Anxo Angueira (En Padrón, os alumnos do Instituto ). A continuación Xosé María Álvarez Cáccamo (Mar e amor contra a cidade gris. Os rexistros políticos na poesía de Bernardino Graña), X. Millán Otero (Bernardino Graña, poeta do mar) e Daniel González (Cantando a Bernardino) estudan a obra poética do chamado mariñeiro das palabras. Logo, Paula Fernández González (Bernardino Graña, autor infantil) e María Navarro (O gaiteiro e o rato Pérez. Premio Merlín 1993) abordan a súa obra infantil, Rosendo Díaz-Peterson (Protoevanxeo do neto de Herodes) a súa novelística e Afonso Becerra de Becerreá (A literatura dramática de Bernardino Graña) a teatral. Completan este libro de homenaxe os poemas de Carlos Solla, Elvira Ribeiro Tobío, Lucía Novás e Xoán Xosé Abella, as fotos de Fran Herbello e a reprodución dos óleos e retratos do homenaxeado de Camilo Caamaño.