Apunta David Pérez Iglesias na edición da Col. Esquío de Poesía: Dzintarjura: “Mar de ámbar”. O mar de fondo remexe os limos: bosques que hoxe son o Báltico. Nas noites, as lapas dos fachos avivecen ao vento dos xeos polares. Os ollos do lume rebuscan polas praias o alustre morno do ámbar. As xemas viaxarán ás ribeiras gregas e romanas: alí serán os ollos dun deus de bronce, ou as doas dun colar sobre o mármore altivo de pescozos que aínda non labrou a vellez. No interior das alfaias douradas como o resplandor dun incendio, hai bechos ancestrais detidos na morte; unha idade sen homes, unha idade sen Tempo. Porque somos do tempo porque somos das palabras, da trosma, da alertada conciencia de nós mesmos que elas nos dan”.
Libro dividido en tres partes, a primeira dedicada a Ezra Pound, a segunda e a que lle dá título ao poemario Ollos de ámbar, e a terceira Azuis e lonxe, é, segundo o propio autor, un libro que propón unha ollada poética sobre a realidade.