Narrativa (Romance)
(Premio Lueiro Rey de Novela Curta, 1997)
No ano 1997 eu decidira non volver escribir máis. Xa perdera a conta das editoriais que me rexeitaran unha boa chea de orixinais. Por outra banda, nos concursos literarios non tiña sorte ningunha. Tiña a sensación de que tanto esforzo (horas e horas todos os días durante anos), non ía levarme a ningures.
Xa como unha derradeira e definitiva opción, enviei unha novela que titulei Play-back ao Lueiro Rey de Novela Curta. Para escribila pasei tempo falando con músicos de verbena (normal, son un músico frustado e daquela achégome á música doutros xeitos) e novelei unha historia sobre Lisardo, un trompetista que monta a Orquestra Edén e que axiña bate contra das mafias que, cando menos naquela altura (non sei hoxe) gobernaban o asunto das contratacións, subcontratacións, vendas e revendas de grupos, etc.
Para a miña sorpresa, a novela gañou. E dende aquel día, a verdade, a miña sorte como literato mudou moito. Play-back foi pesimamente editada e peor distribuída pola Deputación de Pontevedra e, ata onde eu sei, non existen exemplares por ningures.
http://franciscocastro.gal/da-mina-boca-a-tua-orella-play-back/