Acción Agraria

Mil novecentos dezasete (1917) Asociación

Acción Agraria. Semanario do agrarismo galego, órgano da Federación Agraria do partido xudicial de Caldas de Reis, editado nesta vila pontevedresa. Aparece o seu primeiro número o 5 de agosto de 1917, cun programa societario e sindical que di responder aos intereses das 16 sociedades agrarias federadas.

O semanario, que se di «non político», alenta a loita electoral nos municipios, a guerra ao caciquismo conservador e clerical, e vive do pacto cos liberais «sagastinos» que dominaban as eleccións de Cortes, sacando como deputado a don Bernardo Mateo Sagasta. Como arma Societaria de resistencia, defende e recomenda a táctica do boicot, especialmente referida a persoas e establecementos que se signifiquen na defensa de actitudes contrarias ás que defenden as sociedades e a federación. Acción Agraria trata de erixirse no modelo de como todos os agrarios de Caldas deben pensar e comportarse cando insere este ripio: «Todo fiel agrario / está moi obrigado / a terlle afección / a este semanario.» Escrito case exclusivamente en castelán, informa dos concellos e parroquias do partido, comprométese nas disputas expostas, combate especialmente ao Bólido, Órgano da sociedade de agricultores non federada de Cuntis-Moraña, fiscaliza as sesións municipais, fai propaganda de cultivos e maquinaria agrícola así como de feiras e mercados, etc. (J. A. D.)