O 6 de xaneiro de 1847, constituíuse na Coruña o Circo recreativo é instructivo de Artesanos.
Unha guía da cidade de 1877 dá conta de todos os servizos que ofrece a Coruña a esa altura e, alén de nos propor rutas e paseos urbanos, figura un apartado destinado aos denominados “Circos de Recreo”, isto é, sociedades destinadas ao ocio, e tamén á instrución, dos seus asociados.
“É posíbel -dinos Antonio Coumes-Gay, autor da guía- que non haxa en España cidade que conte cun número de sociedades de recreo tan crecido como A Coruña, atendendo á súa poboación”. E cita as sete activas nese momento.
Todas teñen salas de xogos, gabinete de lectura, algunhas biblioteca e alén diso ofrecen concertos, representacións dramáticas ou brillantes bailes de máscaras e traxes. Unha destas sociedades comeza a ser referente da burguesía media da Coruña, e a ter importante influencia política, especialmente na proxección pública dos aspirantes á alcaldía. É o Circo de Artesáns, organizador de festas como o enterro da sardiña na noite do mércores de cinza, entretemento “muy agradable al pueblo” onde os socios demostran a súa ilustración e sensatez.
A escenificación do enterro era no teatro Principal. En 1860 correspondeu a Francisco De la Iglesia compor as cantigas a interpretar. Cóntao el, en carta ao irmán: viñéronme á catar para asistir ôs ensayos das cantigas que se han de botar no enterro da sardiña, que me fixeron compor e tiven que acabar como Dios me deu a saber no teu escribidoiro. Non era a primeira vez que De la Iglesia facía de letrista para a festa do enterro da sardiña. Xa fora dous anos antes cunha “Canción epigramática” para o enterro da sardiña dedicada ao Recreo Artístico e Instructivo de Artesanos, unha composición acompañada con música de Jorge Yañez, e tamén un ano máis tarde, no 1861, coa composición presentada aos Xogos florais promovidos por López Cortón. Posiblemente na estrutura do discurso se combinase prosa e verso, galego e castelán. Así é polo menos o texto que conservamos de 1863.
Tamén no Circo de Artesáns, do 2 ao 22 de marzo de 1920, estiveron expostas por vez primeira as 49 estampas de Nós, o album de Castelao editado en 1931.