O “Valle-Inclán”, que é como se coñece habitualmente en Lugo esta asociación cultural, constituíuse de xeito oficial e como cineclube o 13 de febreiro de 1966. Celebrábase aquel ano o centenario do nacemento de don Ramón María del Valle-Inclán e os fundadores decidiron poñerlle á nova entidade o nome deste escritor galego. Días despois xa contaba coa súa primeira xunta directiva e o 4 de marzo proxectou o seu primeiro filme, Les parapluies de Cherbourg, de Jacques Demy. Durante varios anos mantivo unha programación estable que se proxectou nos cines lucenses España, Kursal, Victoria, Central Cinema e Gran Teatro, todos eles hoxe desaparecidos.
Se ben o cine e o teatro son os puntos de referencia para as súas actividades, de inmediato a programación verase ampliada á difusión e creación cultural e dirixida á recuperación, potenciación e defensa da cultura e a lingua galegas. O 17 de maio de 1967 promove a celebración da primeira misa en galego (a epístola, o evanxeo e a homilía, únicas concesións da xerarquía da Igrexa naquel tempo).
Na década dos 70 o Valle-Inclán prestará atención especial ao teatro, achegando a Lugo as agrupacións de máis sona e as obras de vangarda. Hai que lembrar grupos teatrais como Teatro Circo, Rosalía de Castro, O Facho, Francisco Lanza, Candea, Artello, Antroido, Luís Seoane, Mari-Gaila ou TEU de Salamanca, e obras como Zardigot, de Euloxio R. Ruibal, Romance de Micomicón e Adhelala, de Eduardo Blanco Amor, Mendiño e o can morto, de Bertolt Brecht, Entremés famoso sobre a pesca no río Miño, de Gabriel Feixóo de Araúxo, Petición de mano e El Oso, de Antón Chejov, Celtas sen filtro, Percival e outras historias, de Xosé Luís Méndez Ferrín, Edipo rei, de Sófocles etcétera.
Co paso do tempo, o Cineclube Valle-Inclán foi ampliando e diversificando as súas actividades e manifestacións culturais, aumentando a súa presenza na sociedade lucense en ámbitos moi diversos, maioritariamente sobre temas galegos: historia e patrimonio cultural, lingua e literatura, presentacións de libros, publicacións, teatro, música, economía, medio ambiente e ecoloxía, socioloxía, saúde, educación e outras materias, tratando de harmonizar e de complementarse coa súa programación cinematográfica, actividade nunca abandonada por completo e reactivada nos tempos máis recentes da entidade, tanto de xeito illado como con periodicidade fixa por medio de ciclos temáticos ou de autor.