Alvarellos Editora principia a súa actividade no mes de maio de 1977 (Rexistro Nacional de Empresas Editoras nº 1.776/77). A nova empresa cultural abre as súas portas en Lugo coa novela Botei corenta anos, da que é autor Enrique Alvarellos Iglesias, fundador e director da propia editorial.
Pero oito anos antes, a finais de 1969, Alvarellos Iglesias abría xa unha imprenta reprográfica, verdadeiro antecedente da futura editorial. Do prelo de Reprografía Alvarellos saíron títulos como Diversas melodías para la celebración eucarística (1969), Fundamentos de Sociología (1971) de Manuel Cobeta, Las cantigas de escarnio y maldecir de Alfonso X (1973) de Epifanio Ramos, Genealogía y Heráldica (1973) de Luis Campo Fernández ou Los hijos de los conquistadores (1974) de Xosé L. Santos Lago, editados entón polos respectivos autores, pero que serviron de preámbulo para que, en 1977, Alvarellos apostase directamente pola publicación de libros.
Na Reprografía imprimiríanse todos os volumes de Alvarellos Editora (máis dun cento de títulos) ata o ano 2002.