Xavier Alcalá Navarro naceu en Miguelturra (Ciudad Real) en 1947 e vive en Galiza (Ferrol) desde a infancia.
Cursou os seus primeiros estudos no Instituto Concepción Arenal de Ferrol para continuar a súa formación académica e obter a licenciatura en enxeñería de telecomunicacións na ETSIT de Madrid. Posteriomente doutorouse en Informática no Departamento de Sistemas da Facultade de Informática da Coruña. Desenvolveu o seu traballo en numerosas empresas, así como a docencia na Universidade da Coruña como profesor asociado. É autor de múltiples estudos técnicos e ensaios en materias propias da súa especialidade académica e profesional.
Os seus primeiros ensaios na escrita principiaron -segundo o autor ten confesado- a través do exercicio como "letrista" de cancións, para o artista - e compañeiro de xogos na infancia-, Andrés do Barro; mais a súa andaina estrictamente literaria iniciouse coa novela Voltar, seis personaxes e un fado (Galaxia,1972), á que seguiría, A ínsua (Alvarellos, 1978), A nosa cinza ( Follas Novas, 1980), ou Fábula (Galaxia, 1980) entre moitas outras (a última, Verde oliva. Galaxia, 2012). Tamén é autor de narracións curtas como Voltar (Galaxia, 1972), A Fundición (Ed. do Castro, 1978), Contos das Américas ou Contos do Impaís (Xerais,1992).
Apaixonado viaxeiro e afeccionado ao estudo e observación dos fenómenos migratorios -particularmente da emigración galega en América- , é autor de múltiples narracións ou crónicas de viaxes como Arxentina (Xerais, 1990), Viaxes no país de Elal (Galaxia, 1992), ou La Habana Flash (Galaxia, 1998). En 1984 publícase a súa tradución, do inglés para o galego, da novela de Robert Louis Stevenson, A illa do tesouro (Xerais, 1984) e no 1986 ve a luz a súa versión galega da obra de Arthur Conan Doyle, Estudio en escarlata (Ed. Xerais).
Intenso e extenso colaborador en diversas revistas e xornais galegos, é autor de series continuadas na imprensa, con frecuencia diaria ( "A voapluma" en El Ideal Gallego e Diario de Ferrol); semanal ("Desde a Última Trincheira", "Desde a Primeira Liña", "Do Caderno ao Prelo", para El Ideal Gallego; "O Impaís" para Faro de Vigo; "Caderno de Viaxe" para La Voz de Galicia; etc.) e mensual ("Eido Común", "A Xanela", para a revista ECO; ...)
É, así mesmo, autor, de dous textos sobre patrimonio cultural galego: Guía da provincia de A Coruña: Historia, Patrimonio, Gastronomía (Caixavigo, 1996) e Memoria de Ferrol (Xerais, 1992).
Xavier Alcalá está casado con Elena Baillie Yanzi, coa que ten tres fillos.