Alonso, Fran

Alonso, Francisco
Vigo, 1963
Alonso, Fran

Fran Alonso naceu en Vigo no ano 1963. Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou o seu percorrido laboral no ámbito do xornalismo e na actualidade exerce como Subdirector para a Edición Xeral na Editorial Xerais. A súa andaina na escrita literaria comezou cun conxunto de relatos e poemas escritos entre 1986 («As mulleres do Sáhara») e 1990 (o poema «Tívenlles tanto medo»), así como da colaboración en revistas e traballos colectivos, todos eles de carácter iniciático ou de aprendizado, até o ano 1991, cando publica a súa novela Trailer ( Ed. Xerais), agraciada co Premio Blanco Amor de novela dese ano. A partir de aí, a súa escrita non deixou de ver á luz, a través da publicación de novelas (Cemiterio de elefantes. Ed. Xerais, 1994; Silencio. Ed. Nigra, 1995; Males de Cabeza. Ed. Xerais, 2001; Cartas de amor. Xerais, 2006; Voces da Groba, voces de Berlín. Ed. Aguatinta, 2010; Ninguén. Ed. Xerais, 2011; ou A punta de pistola. Ed. Xerais, 2012) e poemarios (Persianas, pedramol e outros nervios. Ed. Alacrán, 1992; Tortillas para os obreiros. Ed. Espiral Maior, 1996; Subversións. Ed. Xerais, 2001; Balada solitaria. Ed. Éterogémeas; … ou o último poemario, Poétic@. Poesía electrónica e transmedia. Ed. Pitipoto, 2015 e de acceso libre en http://poetica.gal/). As súa narrativa abrangue a literatura xuvenil e infantil. Como froitos desta última clasificación, podemos citar as súas obras, Cidades (Xerais, 2011); O brillo dos elefantes (Xerais, 1999); A casa da Duna (Xerais, 2002); A vida secreta de María Mariño (Xerais, 2007); A araña e máis eu (Kalandraka, 2009); Folerpas de Novoneyra (Xerais, 2011) ou O meu gato é un poeta (Xerais, 2011).
O escritor é, ademais, autor de obras de carácter xornalístico, a saber; Territorio ocupado (Xerais, 1998) sobre o conflito saharauí; A voz que vén da seitura (PAI Música, 2007)), biografía da Señora Carmen, unha muller de 82 anos, integrante do grupo folk "Malvela", falecida no 2014; Un país a medio facer (Xerais, 2008), unha tentativa, na procura das claves da evolución da literatura galega ao longo dos últimos vinte anos, a través das visións e análises dalgúns dos seus/súas protagonistas.ou Contesta ou disparo (Domicilio Virtual, 2011), recompilación en formato- libro das trinta e catro entrevistas realizadas polo autor, a persoeiros da cultura e da política galega en 1991, para o xornal Diario 16 de Galicia, Ten colaborado, de forma regular e durante longos períodos, con diversos xornais, como La Voz de GaliciaEl País, A Nosa Terra e Praza Pública, ademais de escribir para o seu propio blog (http://franalonso.gal/ )

Fran Alonso tamén é autor da coñecida antoloxía «Poetízate» (Xerais, 2006), de grande repercusión no público lector. Colaborador en diversas obras colectivas, leva a cabo unha intensa actividade a prol da lectura e participa con asiduidade en actos, encontros, mesas redondas e intercambios culturais. A súa obra está penetrada pola innovación.