Naceu en Lugo, no ano 1954. É licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e exerce como profesora de lingua e literatura galegas nun instituto de ensinanza secundaria.
Sabela Álvarez Núñez é unha escritora galega que desenvolve a súa actividade literaria, fundamentalmente, no ámbito infantil e xuvenil. A este tipo de público dirixe a súa escrita, tanto a través da autoría de contos, como da elaboración de libros didácticos relacionados co estudo da lingua e da literatura galegas; ou no seu labor de crítica literara, con artigos en diferentes xornais e revistas culturais, ademais da súa participación frecuente como relatora en diversos cursos e xornadas, así como en múltiples actividades relacionadas co campo educativo; nomeadamente en materia de animación á lectura.
Volcada no estudo e análise do sexismo na historia da Literatura infantil e Xuvenil, ten publicado numerosos artigos sobre este tema, sendo esta unha preocupación que a leva a unha intervención pública alongada no tempo e en diferentes formatos. Neste sentido, cómpre subliñar que é autora do primeiro conto feminista da Literatura infantil galega, así como de diversos ensaios en materia de coeducación..
Participou como promotora na publicación da Revista Galega de Mulleres, Festa da Palabra Silenciada, nada no ano 1983, xunto con Mª Xosé Queizán, Carme Blanco, Ana Romaní, Amanda Álvarez, Isabel Mouriz e Carme Rábade, co obxectivo de ofrecer á cultura galega o contributo das mulleres, así como de incentivo e axuda para a promoción da creación feminina e potenciación do pensamento feminista. É, asemade, colaboradora habitrual desta revista. Foi, así mesmo, membro do colectivo FIGA (Feministas Independentes Galegas) até 1994 e colaboradora da sección Lilith de La Voz de Galicia, dedicada ao desenvolvemento de comentarios e crítica social, desde unhha óptica feminista.
É autora de varias obras de narrativa infanto-xuvenil, tales como O rei de nada e outros contos (Xerais, 1988); A nena invisible (1989); Cinsenta non quixo ser princesa (1991); A nena invisible. Nubes brancas (Xerais 1991); Do dereito e do revés (1994); Adiviñas de papel (Ir Indo,2000) ou Adiviñas para xogar (Ir Indo, 2000).
En colaboración con Xosé Xove, realizou, para a colección infantil, A Galera, da Editorial Galaxia, a tradución ao galego, de varios contos infantís pertencentes á literatura popular catalá, como - de varios contos infantís populares catalánsrealizou traducións do catalán para o galego, de varios contos infantís populares, como O coelliño (1978); O tesouro do rei Mouro (1979); O cesto das cereixas (1979); O dragón (1979); Os tres desexos (1980); Os chícharos marabillosos (1980) ou O frade pequeno (1988).
Foi galardoada co primeiro premio do Concurso de Contos Infantís O Facho (1979) polo conto O Rei de nada e, no 1980, co segundo premio desta asociación cultural coruñesa, polo conto A cova da Serpe. No ano 1979, ficou finalista do Premio Nacional de Literatura Xuvenil coa obra O Rei de nada e outros contos.
Entre a escrita para colaboracións colectivas, citaremos A camiseta, en Palabras con fondo: un compromiso dos escritores de Galicia coa cooperación e a solidariedade internacional (Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Santiago de Compostela, 2001).