Amado Carballo, Luís Gustavo

Amado Carballo, Luís Gustavo
Pontevedra, 1901 - Pontevedra, 1927
Amado Carballo, Luís Gustavo

Luís Gustavo Amado Carballo naceu en Pontevedra, o 2 de maio de 1901 e finou na mesma cidade o 3 de setembro de 1927.

Figura, xunto con Manuel Antonio e Luís Pimentel, entre os protagonistas da renovación poética do primeiro tercio do século XX. A súa cidade natal, vila da que nunca se ausentaría por moito tempo e, en particular, a súa paisaxe de mariña interior, constitúe  un referente continuo nos seus versos. Alí iniciou os seus estudos primarios - no colexio Balmes- así como o Bacharelato - no Instituto Xeral e Técnico- e, tras cursar dous anos de Filosofía e Letras na universidade compostelá, regresou a Pontevedra para seguir a carreira de Maxisterio. Durante a súa curta vida, Amado Carballo exerceu como mestre de escola e xornalista, profesións que lle garantiron poder dedicarse sen preocupacións económicas á súa obra de creación.
Co obxectivo de traballar como xornalista, Amado Carballo partiu para Madrid en 1920, onde colaborou no xornal La Tribuna, na revista España e noutras publicacións españolas e galegas. Mais decidiu voltar á súa cidade de orixe (1922), onde fundou a revista Alborada, da que só se publicaron catro títulos e no terceiro dos cales figura o seu relato, Maliaxe e no derradeiro, os textos O iris dinámico e Esfinxes.. En todo caso, desde Pontevedra e Vigo, continúa a escribir para diferentes medios galegos (Progreso, La Concordia, El Pueblo Gallego, A Nosa Terra, Nós, Vida Gallega, etc.).
A pesar de ser recordado fundamentalmente como poeta, o pontevedrés iniciou a súa andaina na literatura como narrador, coas referida novela curta,  Maliaxe (1922), así como Os pobres de Deus (publicada en novembro de 1923 no quinto volume da revista Lar), e o conto Un milagre do santo San Francisco.
En 1924, Amado Carballo contrae unha tuberculose pulmonar, o que o forza a abandonar o seu traballo xornalístico en Vigo e retornar á vila do Lérez. A súa obra lírica comprende dous poemarios, Proel (1927) e mais O galo (1928). Malia a súa capacidade de produción literaria ser segada por unha morte prematura, Amado Carballo foi un dos poetas que máis influíu nas xeracións posteriores. Está considerado como o creador da denominada escola imaxinista ou hilozoísta.