Tanto as coordenadas cronolóxicas como as súas características como grupo humano, fan que resulte máis apropiado falarmos nunha xeración do 25 —recollendo a denominación do musicólogo Xesús Bal y Gay— da que farían parte aqueles outros autores nados, nun sentido lato, co século, como Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Euxenio Montes, Augusto Mª Casas, Rafael Dieste, Xosé Filgueira Valverde ou Fermín Bouza Brey.
En termos exclusivamente poéticos esta xeración, que en ocasións se autonomeou como a Nova Xeración ou os Novos, é a que renova, desde diferentes presupostos, a lírica galega. De feito, os poemas de Bouza serán un dos emblemas desta renovación, e el partillará con Luís Amado Carballo e Manuel Antonio a súa simbólica xefatura poética. A estes dous poetas, mortos prematuramente, rendirá Bouza Brey sentida homenaxe en dous fermosos poemas escritos nos seus cabodanos, "Clamor na encrucillada" e "No anal de Manuel Antonio".