Lama López, Xavier

Lama López, Xavier
1962
Lama López, Xavier

Xavier Lama conta con obra (narrativa, teatro ou poesia) publicada en doce libros de autoría individual ou colectiva. Recibiu varios galardóns xornalísticos: Mirador de la Complutense, Air France para novos periodistas, Premio Galicia de Xornalismo, L´Oréal, etc. Eran tempos nos que cría con máis entusiasmo na tebrosa, ambigua e confusa profesión de xornalista. Tamén obras súas recibiron premios literarios, como o Rafael Dieste e o Camiño de Santiago-Premio Xacobeo de teatro, ou o Álvaro Cunqueiro de narrativa, entre outros que abranguen tamén o campo da poesía. Por certo, o libro de relatos galardoado neste último, Os moradores da nada, é o texto seu do que se amosa máis satisfeito. Despois de recibir estes premios, decidiu tomar un período de cinco anos sen presentarse a ningún, quizais para reflexionar e recuperar con calma vellos proxectos narrativos e dramatúrxicos. Semella que aínda segue enredado e confuso. Este dictame procede do familiar que máis o apreza. Imaxínense o que pensan os demáis íntimos ou achegados.
Dúas obras de teatro da súa autoría, O peregrino errante que cansou ó demo e Memoria de Antígona, representáronse con maior ou menor fortuna por varias cidades e vilas de Galicia, en Madrid (Círculo de Belas Artes), Alacante (Mostra de Teatro de Autor Contemporáneo), ou Portugal (FITEI do Porto). Tamén ten participado con textos seus en obras colectivas, a última de Talía Teatro (ano 2003). O autor considera que o teatro é unha fonte inesgotable de dourados disgustos, pero segue aferrado ó empeño da dramaturxia, unha teima de ilusos na nosa terra, xa que só estrean cunha mínima normalidade os poucos que compaxinan a escrita co traballo actoral ou de dirección escénica. Ou sexa, que escribir teatro en Galicia é chorar (coro: "chorar e chorar"), aínda que ó noso frívolo autor non se lle viu derramar unha bágoa polo de agora. En vista destes antecedentes, defínese benevolamente como un inconsciente irrecuperable.

[Agosto, 2003]