Alfonso Pexegueiro (19-4-1948 Angoares-Ponteareas, Pontevedra), iniciou a súa actividade literaria en Galicia no ano 1975 coa creación do Grupo de Comunicación Poética "Rompente". Entre 1976 e 1978 traballou na redacción da revista infantil e xuvenil Vagalume. Fundador en 1980 xunto con outros escritores da Asociación de Escritores en Lingua Galega, foi o seu secretario ata xuño de 1985. Como secretario da AELG coordinou a revista Escrita e impulsou o I Congreso de Escritores en Lingua Galega, así como o Galeusca, Encontros de Escritores vascos, cataláns e galegos. Deu numerosos recitais de poesía. E colaborou en prensa con artigos de opinión, e sobre arte e literatura. Desde 1985 ata 2000 residiu en Barcelona. Actualmente reside en Galicia.
En 1997 participou no Festival Internacional do Teatro Grec de Barcelona con Blasfemias de silencio: unha antoloxía de poemas levados á escena e recitados pola actriz Lina Lambert mais polo autor, acompañados pola arpista da Orquestra Sinfónica de Barcelona Magdalena Barrera, con dirección de Teresa Vilardell.
En 2005 edita un CD sobre A illa das mulleres loucas (que acompaña ao libro editado por Galaxia), con música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (arpa).