Antón Tovar Bobillo naceu na localidade ourensá da Pereira (Rairiz de Veiga) no ano 1921. Iniciou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, carreira que abandonou para ingresar como novicio nos Xesuítas de Salamanca, onde ficaría pouco máis dun ano.
En 1942 gañou a oposición a Contador do Estado, sendo destinado primeiro a León e máis tarde a Ourense, cidade en que exerceu como funcionario do Ministerio da Facenda até 1967, ano en que foi expulsado pola súa militancia clandestina no Partido Comunista. Nesa altura, comezou a traballar na libraría Tanco, onde estabeleceu relación con Vicente Risco, Ferro Couselo e López Cid e tivo acceso a libros prohibidos.
Na década de cincuenta iniciou a súa actividade literaria en español coa publicación do poemario Barro de nadie (1955). Despois de varios libros de poemas nesa lingua, en 1962 edita no noso idioma Arredores, á que seguirían Non (1967), Poesía galega completa (1974) que recolle os dous primeiros libros e o poemario inédito "O vento no teu colo", Calados esconxuros (1980) poemas dedicados á reivindicación do idioma, Berros en voz baixa (1990), A nada destemida (1991) e Cadáver adiado (2001) onde se concentra o existencialismo pesimista presente ao longo de toda a súa produción.
Embora fose fundamentalmente poeta, publicou relatos curtos entre outros, os incluídos no volume A grande ilusión (1989), diarios Diario sen datas (1987) e Diario íntimo dun vello revoltado (2001) e ensaio "Xoán XXIII e a Terra", co que resultou gañador do Premio Amor Ruibal no ano 1966. Alén deste galardón, foi recoñecido con outros premios como o dos Xogos Florais de Guimarães (1960 e 1972), o Premio da Crítica de Galiza (1981), o Losada Diéguez (1991) e o Celanova, Casa dos poetas (2003).
Após unha prolongada enfermidade, Antón Tovar Bobillo faleceu en Ourense o 16 de Xuño de 2004.
Digo si digo non - Anxo Rei - A rabela da pluma