Xa que a vida e a historia non sempre coinciden cuns límites preestablecidos para o seu relato, forzaremos o umbral deste segundo período do novo milenio adiantándoo ao ano 2008, no que se abre un fatídico capítulo económico no mundo occidental que vai trastocalo todo. A crise financeira funcionará ademais coma un coxuntural e parapetador pretexto que, unido ás políticas da dereita, fenderán as esperanzas de emprego e independencia económica en especial dos máis mozos e mozas, trazando un longo horizonte de precariedade.
O novo escenario socio-económico e político terá un rápido efecto na industria cultural en xeral e editorial en particular: pecharán medios de comunicación, perderanse empregos do sector cultural, frearanse vías de profesionalización (colaboracións remuneradas deixarán de selo), reduciranse as tiraxes e ata as empresas (aparentemente) máis desafogadas adelgazarán o seu ritmo de publicacións ata cifras mínimas, sobre todo en poesía (durante case unha década, unha editorial como Galaxia publicará entre dous e ningún título de poetas galegos/as vivos/as por ano).
Así e todo, se acceder ao tecido editorial se fará difícil até para autores e autoras consagradas, quen protagonizarán a rexeneración do sistema acabarán por ser precisamente os máis novos e novas. A capacidade revitalizadora da mocidade chegará –pouco máis adiante– mesmo por tomar visos de valor de mercado. Ao mesmo tempo e a pesar da dramática merma editorial, novas canles e circuítos empurrarán dende a resistencia, como o fará o gradual crecemento dunha pequena infraestrutura de lecer/cultura arredor da escrita: clubs de lectura, obradoiros de creación literaria ou conversas con autores/as espallaranse ao longo de bibliotecas municipais, centros de ensino, espazos culturais ou asociacións de veciños e veciñas. Entre a cultura de base gaña unha relativa popularidade a escrita literaria.
O dobre paradoxo caracteriza os e as poetas xurdidas nesta xeira coma a promoción dunha altísima formación (a grande maioría completará as súas licenciaturas –maiormente filolóxicas– con mestrados, doutoramentos ou formacións noutros eidos) chocando contra un desenvolvemento laboral incerto. Ademais desa marcadora circunstancia contextual, o outro grande condicionante da época será o estreito contacto coa cultura audiovisual e sobre todo tecnolóxica. E é que o acusado ascenso da rede de redes durante estes anos provocará todo un cambio de paradigma no ecosistema literario. Así, farano cambalear a expansión e fortalecemento de internet xunto a unha certa perda de poder doutros axentes canonizadores, incluídas as revistas especializadas, o mundo académico e ata os medios de comunicación.
Formados e ben conectados, probablemente máis en contacto con tradicións literarias foráneas do que xeracións anteriores e máis ao día do que se escribe noutros recantos do mundo, os máis novos e novas parecen xestionar o desastre con maior positividade ca os seus inmediatos predecesores. Sobre os campos arrasados camiñan con forza. Perderon a inocencia ao mesmo tempo que desvelaban as falacias dos sistemas democráticos. Teñen tan claras as inseguridades que están afeitos a camiñar por ese fío; fano dende unha dignidade implacable, e o seu proxecto poético fortalécese. Recuperan certos impulsos e repertorios dos noventa (a tematización do corpo volverá cunha forza inusitada, aínda que será un corpo ben distinto: menos carnal e sensorial e máis conceptual e político) volvendo os ollos cara unha promoción que –ata certo punto– lles inspira, aínda que matizada polas formas máis contidas da tendencia seguinte.
Os poetas e as poetas dos anos dez comparten intereses, referentes e contexto; se houbese que escoller entre os lemas que xa existen, probablemente un dos que máis os representase fose O persoal é político. Testemuñas do seu tempo e territorio, eles e elas son corpos a pensar unha nación e un mundo, e saben que as disidencias xenéricas non son xa só cousa das poetas mulleres. Os vellos esquemas actoriais máis simples (un 'eu' que lle fala a un 'ti') maduran gañando capas, alternativas e variacións dende a fonda consciencia do carácter ficcional da poesía, observando con descrenza a relación suxeito biográfico/suxeito enunciativo. Tamén parecen sentenciar a agonía da posmodernidade. Toman riscos na súa procura de excelencia literaria, nunha esixente ambición creativa que non os/as faga sentir parte dunha cultura subsidiaria; dende unha vocación máis cosmopolita e (sutilmente) tendo en conta un público receptor que os/as axude a ofrecer argumentos mellorados. Así son quen de amosar unha poesía máis aberta á hibridación, que dialoga con outros códigos e experimenta na busca de soportes alternativos.
Tamén un tanto paradoxalmente dados os recortes no sector (pero demostrando valores que non beben da circunstancia) os e as novas poetas parecen amosar unha renovada actitude e relación para co oficio da escrita. E, cando menos coma aspiración á que tender, e ao contrario da maioría dos seus precedentes, non semellan entender como parte da ansiada normalización os comportamentos paraprofesionais que aínda adoitan rodear a escrita.
Os premios literarios que seguirán a sacar canteira poética continúan a ser o Xosé María Pérez Parallé (que publica 'operas primas') e, en segunda instancia, o Xuventude Crea, o Francisco Añón, o Díaz Jácome, o do Concello de Ames ou os impulsados polas universidades. Algún que outro rexorde ao conseguir implicar editoriais da magnitude de Xerais, coma o Johán Carballeira. Máis ca nunca convertidos en camiño directo á edición cun plus de publicidade, no entanto varios deles desaparecen ou baixan a súa dotación por mor da crise. Mesmo poderiamos aproveitar este espazo para facer mención daqueles certames escolares nos que xa se viñan formando estes e estas xoves poetas antes da etapa adulta, caso do histórico Minerva, do Ánxel Casal (hoxe desaparecido) ou do Xela Arias entre outros. Os seus palmareses tenderán a coller un aquel de predición de futuro.
Canto a publicacións periódicas, outra revista que contribuiu a dar a coñecer novos nomes foi a Revista das Letras. Ao seu par seguiron aínda
Dorna
,
Grial
e a lucense
Xistral
. E, se novos tempos han de traer por forza non só novas empresas editoras, senón novos xeitos de concibir a edición, a renovación virá da man de dous claros nomes ao carón das Barbantesa, Corsárias ou as que perviven dende anteriores etapas. Esas serán Apiario e Chan da Pólvora. Apostando en moitos casos por poetas das xeracións máis novas, comandan a primeira dúas poetas que comezaran a publicar na primeira década do milenio (
Antía Otero
e
Dores Tembrás
) e a segunda unha daquelas singulares voces 'descolgadas' entre os oitenta e noventa (
Antón Lopo
). E se Apiario se caracterizará por un delicado coidado nos materiais, no deseño e nun tutelado labor de edición literaria pouco frecuente no panorama galego, xunto á anulación de intermediarios mediante unha distribución autoxestionada, Chan da Pólvora e o seu espíritu enérxico abranguerá un rápido e alto número de títulos publicados, coleccións específicas e 'plaquettes', nas que as tiraxes se axustan á lei da oferta e a demanda. Ademais, estes dous emblemáticos proxectos ampliarán os seus horizontes editoriais completándoos cara a pedagoxía no primeiro caso (Apiario levará adiante a única escola de escrita creativa de Galiza así coma un completo programa de obradoiros literarios en centros de ensino) e cara a venda de libros no segundo (dende o casco vello da capital galega, a libraría Chan da Pólvora será tamén un dinamizador espazo de encontro para o mundo da poesía).
Así se pinta o escenario no que os máis e as máis mozas serán quen de facer das dificultades desafío e de rexenerar as regras de xogo para facer chegar as súas voces.
Chan de Pólvora
No seu despregar. Antoloxía poética. Apiario
A depresión causada pola recesión económica, pola crise no sector cultural (descenso das publicacións, premios, medios escritos e proxectos de fomento da lectura) e por un relevo xeracional que non callou vai atopar unha vivificante resposta nos poetas e nas poetas novas cando xa case se albisca o ecuador da segunda década do milenio. Unha serie de acontecementos reactivarán e recuperarán –insuflando de esperanza e novos xeitos– o tecido literario. Por unha banda, a aparición no escenario editorial dos dous proxectos antes mencionados: Apiario en 2014 e Chan da Pólvora en 2016. Pola outra, o recoñecemento institucional a dúas voces nacidas en 1987 a través de dous galardóns (concedidos dende Madrid) do prestixio do Premio da Crítica Española e o Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández. O primeiro outorgarase a
Berta Dávila
en 2014 por
Raíz da fenda
, e o segundo en 2015 a Gonzalo Hermo por Celebración, primeiro título galego na historia deste premio do Ministerio de Cultura.
Por moito que –insistimos– o modelo do esquema xeracional pareza esgotado, o optimismo e as renovadas forzas serán motor de novos intentos de impulsar outro movemento de poesía moza en Galiza e, en calquera caso, a solvencia estética e rigor ético destes e destas autoras volverá ocupar páxinas de crítica e medios de comunicación. De feito, e significativamente, as dúas editoriais do momento promoverán sendas antoloxías: Apiario a máis ampla No seu despregar (2016) e Chan da Pólvora 13. Antoloxía da poesía galega próxima, de nómina máis concreta pero bilingüe (o acceso a mercado e circuítos estatais darase, nesta nova promoción, cunha facilidade algo maior ca nas anteriores, de feito). Serán dúas aproximacións distintas pero complementarias.
Falamos de poetas nados/as, 'grosso modo', entre a segunda metade dos oitenta e a primeira dos noventa. Poetas que abranguerán un variado corpus temático que tratará dende os consabidos temas eternos da poesía até os conflitos da contemporaneidade: a infancia e –nomeadamente– a familia no caso dos enfoques máis intimistas, o corpo en todas as súas dimensións (dende a súa problematización se focalizamos o construto social que o rodea, até o seu valor de suxeito experiencial dun tempo histórico e un espazo concreto) ou as diferentes perspectivas da identidade (a de xénero, a comunal ou mesmo a propiamente paisaxística).
Basicamente en dúas ondadas chegan estes e estas xoves poetas. De feito, e a pesar de que desenvolvan a meirande parte da súa actividade nesta segunda década do século, as primeiras haberá que rescatalas do fin da primeira. E é que precoz e temperá será Alicia Fernández, case post-adolescente cando edita –en 2005 e nunha editorial independente portuguesa– Botar o mar polos ollos, no que xa comezara a amosar a súa orixinal capacidade para mesturar a experimentación verbal cunha inocencia perversa. Son lazos persoais os que nos inclinan a vinculala a un poeta –Gonzalo Hermo– que consegue reconciliar contrarios: emocionar opoñendo unha fría distancia, extraer o desexo da violencia (e viceversa) e tomar ata a desposesión por rexeneradora. E a outro máis que, coma el, tamén dera a coñecer a Revista das Letras no 2008 (por moito que non editasen libros inviduais até 2011 e 2013 respectivamente): Fran Cortegoso, o moi tristemente malogrado poeta cando aínda só consolidaba a súa preciosista imaxinería un tanto escura e revestida dunha exquisitez léxica.
A continuidade e os límites difusos destas promocións fan que poidamos situar na primeira ou na segunda década poetas que fan asomar primeiro os seus versos en distintos soportes e máis tarde lanzan libros individuais após o ano dez. Xa non estamos en tempos nos que a vía de entrada no sistema literario sexa univocamente a publicación dun libro individual en formato papel como parece ter quedado claro. Proba diso son as mostras do traballo doutro dos salientables intelectos da xeración (teórica, investigadora, ensaísta... ademais de poeta, especialmente sobre soportes dixitais):
Alba Cid
.
Máis nomes femininos engrosarán as filas dunha promoción case incapaz de se substraer á cuestión de xénero: aínda que con matices distintos, dando voz aos seus corpos se estrearán no discurso poético, en 2007,
Berta Dávila
e Andrea Nunes. Outras tres farano dous anos máis tarde, axiña combinando esa escrita feminista con outras linguaxes capaces de ampliar os significados: Silvia Penas,
Rosalía Fernández Rial
e
Celia Parra
. Tamén Susana Sánchez Arins, que engade o reintegracionismo á súa poética política e de xénero, unha
Eli Ríos
abondo sensible para desvelar as opresións dende a vida cotiá, e Lorena Souto, que pescuda na identidade e na súa complexa –ás veces opresora– relación co mundo.
Plenamente dentro da década dos anos dez chega a segunda ondada de novos e novas poetas. Unha das caras visibles está chamado a ser o mazaricán Ismael Ramos quen, dende a por veces desacougante contención do seu estilo, crea microcosmos familiares non tan perfectos como para non deixar asomar as feridas da dor, da frustración ou da morte, e cuxas resonancias non fican nunca só nunha esfera tan íntima. Tamara Andrés tamén demostra pensar (o mundo, a natureza, a memoria) dende o corpo, ao igual que Lara Dopazo, que constrúe con antirretórica narratividade pequenos universos ficcionais que dan cabida a un desamparo tamén de raíz social e política. Ou Arancha Nogueira, que dende unha perspectiva de xénero poetiza diversas formas da ausencia e da opresión.
Con trazos igualmente compartidos coa súa promoción, dos últimos en se incorporar son Jesús Castro Yáñez –quen coa mesma desprovisión de adornos e fondura conceptual tan da época– aborda a temática existencial, o tempo, a linguaxe ou a paisaxe; Antón Blanco Casás substraendo toda subxectividade da súa distanciada e rigorosa ollada sobre a devastación (simbólica) e Miriam Ferradáns, quen con unha refinada depuración de tintes narrativos constrúe poemarios de equilibrada e unitaria estrutura para poetizar a carencia, a familia e a memoria.
En definitiva, e deixando clara a rica heteroxeneidade do panorama, os poetas e as poetas mozas foxen das subxectividades autorreferencias e toman a poesía coma unha linguaxe capaz de ser honesta a través da ficcionalización. Son comúns ás súas poéticas a posición protagónica do corpo e a súa relación coa 'polis' e co mundo, a súa desconfianza da posmodernidade, a súa responsabilidade co tempo histórico e co territorio, e a contemplación da linguaxe poética coma unha linguaxe pouco estanca (en diálogo tanto con outras tradicións foráneas coma con outros códigos expresivos). Pola poesía destes rapaces e rapazas desfilan animais, referencias culturais integradas con menos erudición do que funcionalidade (a creación de imaxes, o diálogo intercultural...), a vida precaria, os moitos enfoques da identidade (comunal, territorial, de xénero) e, por veces, escenarios rurais sometidos a unha elegante estilización (un tanto debedora da de
Dores Tembrás
).
Se tratásemos de bosquexar unhas tendencias –por forza porosas e provisionais en canto atinxen poéticas en pleno proceso de construción– poderiamos, entre outras, entrever as seguintes:
- Discursos de apariencia 'natural': nos que, dende as poéticas da experiencia ata as de maior densidade conceptual, adoptan unha linguaxe depurada de retóricas ampulosas (tendo no tipo de elocución dunha
María do Cebreiro
ou unha
María Lado
algúns dos seus referentes anteriores). Poderiamos englobar aquí voces coma as de
Alba Cid
, Ismael Ramos,
Berta Dávila
, Jesús Castro Yáñez,
Celia Parra
, Lara Dopazo ou Miriam Ferradáns.
- Corrente de poesía-pensamento (identifican a primeira coma ferramenta do segundo): equiparable á que anos atrás denominara Iris Cochón 'postsublime', trátase de poéticas tamén coa súa carga de intervención política e cuxa xenealoxía pasaría por Ferrín-Pato-Cordal, atopando en Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo ou Antón Blanco Casás algúns dos seus máximos expoñentes.
- Poéticas militantes: xa de signo comunal e emancipador como a dun Marcos Abalde, xa de corte feminista como as de Andrea Nunes,
Eli Ríos
, Charo Lopes ou Arancha Nogueira (ou mesmo na combinación de varias).
- Expresións que desacralizan a poesía (coma fixeran Rompente ou Ronseltz) e/ou a mesturan con outros códigos expresivos: tal e como o fan Lucía Aldao e María Lado en 'aldaolado', Daniel Landesa en 'Poetas da Hostia', Samuel Solleiro con ese 'contracanon' que é o libro Punk, Silvias Penas, Elías Portela, Lois Pérez ou
Rosalía Fernández Rial
.
Unha vizosa paisaxe á que aínda hai que acrecentar nomes tan interesantes coma os de Xosé Daniel Costas Currás, Luís Valle, Ramón Neto, María Neves Soutelo, Luz Campello ou Eduard Velasco.
Deles e delas, dos seus compañeiros e compañeiras de promoción e do resto de poetas de xeracións anteriores que continúan o seu traballo con auténtico amor e unha entrega incansable será o prometedor futuro da Poesía Galega.