A Etapa Contemporánea III
A Poesía entre dous séculos
A primeira década do dous mil

Contexto

Galiza entra no século vinte e un inserida nunha estrutura estatal xa integrada na eurozona e a piques de mudar a peseta polo euro e, á marxe dun pequeno zarandeo económico provocado por ese cambio, experimenta un certo crecemento económico xa dende finais dos noventa e ata o ano 2007. Son os anos da burbulla inmobiliaria, dalgunha sorte de descenso do desemprego, e tamén dun paulatino desenvolvemento das industrias culturais e do lecer asociadas á lingua e a cultura galegas. En 2005 preséntase un novo Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega e –logo dunha longa etapa comandada polo PP– o goberno da Xunta virará cara a un nacionalismo institucional da man do pacto bipartito entre PSOE e BNG. O relativo optimismo do que insuflan as súas políticas culturais só vai durar os catro anos desa lexislatura.
Pero é que un ano crucial acontecera aos poucos de comezar a década: o 2002, xusto o da entrada do euro. O petroleiro Prestige encalla nas costas galegas en novembro dese ano e desata unha das maiores catástrofes ecolóxicas dos últimos tempos. A mala xestión do desastre por parte do partido dirixente suporá a punición electoral que vai desprazar o goberno galego. Con todo, as novas medidas máis proclives ao noso idioma e cultura truncaranse tan axiña coma no primeiro tercio do 2009. Unha nova viraxe cara a dereita para recrudecer a situación económica que acababa de provocar a profunda crise aberta no 2008.
Nunca alleo o campo literario a sucesos de impronta tan profunda, toda a marea negra do chapapote provocará de feito un cambio de rumbo no lugar social e na función política que asuma o discurso poético. Se os noventa xa procuraran sacar a poesía das 'arcas douradas' de períodos anteriores e levala á acción, a nova década vai abrazar o compromiso cívico de xeito máis frontal. Non será unha reivindicación maniquea ou panfletaria, senón que se esforza en que a excelencia creativa non quede supeditada á mensaxe. En calquera caso o protagonismo do mundo da cultura dentro das mobilizacións sociais e políticas será rotundo e de longo alcance: o movemento Nunca Máis e a Plataforma Burla Negra arrastraron unha chea de iniciativas en xeral e publicacións de corte poético en particular capaces de poñer en xaque a cultura da transición galega (tal e como a entendería Guillem Martínez). Aquela pequena gran revolución cultural xurdía arredor dun movemento cidadán autoorganizado, cooperativo, interxeracional e abondo horizontal; unha ferramenta de transformación social con poucos parangóns a nivel estatal e case dez anos adiantado á acción do 15M (aínda que se cadra carente do inmediato relato analítico que conseguiu encarreirar e proxectar os efectos deste último ben máis ca os de aquel).
Estes afoutos intentos dunha cultura galega de signo emancipatorio sumaranse á intervención sociocultural que xa botara a andar en 2001 un colectivo abondo representativo desta época e hoxe vivo: as Redes Escarlata.
En 2003 a ocupación de Iraq na que o Estado español participa botará máis leña ao lume das causas de protesta. A globalización e o exponencial desenvolvemento das tecnoloxías da información conviven co deterioro ambiental, a desigualdade de xénero e un recrudecemento nos desequilibrios social e económico.
En realidade, se nos seguísemos empeñando en analizar por décadas a historia da nosa literatura, a primeira do milenio adelgazaría ao situar os fitos do seu marco cronolóxico entre esa crise do Prestige do 2002 e a grave recesión económica acaecida en 2008. Así e todo, as autoras e autores incorporados ao sistema literario neste lapso contaban cun espazo editorial aínda non tan mermado e un aparato institucional e mediático insuficiente pero nunca peor que o das décadas anterior e seguinte. E aínda así, hoxe a convención crítica non ve un relevo xeracional neto a horas tan temperás aínda.
Cómpre evidenciar, con todo, que a xeración chamada 'dos noventa' se manifestara tarde –maiormente na segunda metade– e que os primeiros anos dous mil van atravesar un certo devalo no que respecta á recepción a nivel de público, de mercado, e ao nivel do 'postprocesado' crítico dos produtos literarios, confirmando así a importancia da complicidade crítica no proceso de canonización da década anterior. De feito, estes anos acabarán por ofrecer máis terreo á consolidación das obras dos e das autoras dos noventa do que servir de plataforma a quen bota a andar a súa carreira literaria. E é que aquelas van acaparar nesta época algúns dos galardóns de máis prestixio, conseguindo algo do favor dos medios ou accedendo a certos postos de relevo sociocultural. Ademais, desaparecen nestes comezos de milenio coleccións editoriais coma Letras de Cal e Ablativo Absoluto, cando Leliadoura xa o fixera uns anos antes, e un pouco máis adiante farao Esquío tamén.
Todo este contexto fálanos por tanto dunha primeira década de século que supón máis ben unha prolongación da etapa anterior. Os nomes que se incorporan ao discurso poético nesta época non van operar unha confrontación estética fonda nin un violento asalto aos espazos de poder do campo literario coma os da promoción predecesora (proxectos de colaboración poética coma os activados por dúos como María do Cebreiro + Daniel Salgado , ou María Lado + Lucía Aldao dan conta da harmónica convivencia entre as xeracións a ambos os dous lados da fenda do dous mil). Ao tempo, as súas actitudes e valores éticos, e os indicios de novidade que estes puidesen traer, semellarán enarborados con maior vehemencia pola xeración seguinte. É por todo isto que a crítica María Rábade vaina chamar a xeración perdida, por moito que boa parte dos e das súas integrantes achegarán poéticas dotadas de altas doses de orixinalidade, rigor creativo e excelencia.
O xénero poético vai continuar gozando nesta época dunha posición de relevo, máis simbólico do que cuantitativo, no entramado editorial: ás grandes casas máis comerciais coma Xerais e Galaxia súmase o referente especializado que segue a ser Espiral Maior, relanza Sotelo Blanco a colección Edoy Leliadoura e continúa, igualmente, a alternativa Positivas. Engádense ao panorama opcións un chisco máis independentes coma Bahía, Toxosoutos, TresCtres, TrisTram, Fervenza, proxectos cooperativos como Estaleiro Editora ou coleccións institucionais como as das Deputacións da Coruña e Pontevedra (Tambo/Cíes). Entre os colectivos poéticos máis activos, aínda quizais sen o vigor e proxección doutros tempos, destacan as Redes Escarlata, a Corporación Semiótica Galega, Ad Hoc ou A porta verde do sétimo andar; xusto dados a coñecer na época que nos ocupa, os principais nomes a extraermos deste último coinciden cos de Elvira Ribeiro Tobío e Rosa Enríquez, seguidas por Alberte Momán . No tocante aos premios como válvula da canteira literaria, a carón de galardóns algo menores coma o Certame Literario do Concello de Ames, o GZ Crea/Xuventude Crea ou o Francisco Añón de Poesía, destácanse o Díaz Jácome e, aínda máis especialmente, o Xosé María Perez Pallaré (ao publicar os poemarios de autores/as mozos/as inéditos/as).
Coa excepción do papel dinamizador que vai ocupar a Revista das Letras (do extinto xornal Galicia Hoxe) de continuísta tamén poderiamos caracterizar o ámbito das revistas literarias que se salvan da desaparición (continúan Dorna, Grial ou Xistral), se ben a súa función se verá abondo substituída polo medio que vai experimentar un crecemento xigantesco: internet. Os vellos fanzines e follas voandeiras, e mesmo parte dos recitais e iniciativas públicas entendidas como punto de encontro entre poetas caerán ante a invasión dun novo xeito de entender a comunicación e as relacións entre persoas, tamén entre lectores, textos e produtores literarios/as.
A velocidade de vertixe medran as novas tecnoloxías nunha sociedade da información en transformación contínua, pano de fondo a unha rica convivencia entre xeracións poéticas galegas que ofrecen obras de relevo por parte tanto de autores/as nacidos/as nos anos vinte (máis de media dúcia de títulos publica nesta década Luz Pozo Garza ), coma nos cincuenta (os poetas da 'xeración dos oitenta' coparán a meirande parte dos 'premios da crítica española' desta década) ata os que se incorporan, nestes anos, á pública actividade literaria.

Corporación semiótica galega

 

A poesía da primeira década dos dous mil. Caracterización

Poeticamente falando, o ano 2000 amence coa publicación de m-Talá (primeiro título da futura pentaloxía Decrúa ) por parte dunha Chus Pato convertida en claro referente. A súa proposta poética chanta un punto de inflexión na medida en que cuestiona conceptos aínda cangados polo lastre romántico: a voz poética, a idea de beleza, a da comunicación.
Superpoñendo fragmentarios materiais discursivos de natureza diversa (a historiografía, o pensamento, a memoria ou outros códigos de natureza política) aborda así un tipo de poética que pasará a recoñecerse como 'non lírica'. Nela, o suxeito enunciador ('eu poético') afástase da súa clásica configuración monolóxica (de herdo romántico) na que se identifica cunha subxectividade doadamente vinculable á do suxeito autoral –biográfico– do ou da poeta. Por tanto, as prácticas poéticas 'non líricas' renunciarán á asociación de suxeito lírico e experiencia do autor/a desmontando o vello esquema da noción de autoría. Ademais, a teoría di que este tipo de poéticas se relacionan cunha maior capacidade de intervención no espazo socio-político: ao substraerse da súa dimensión autorreferencial, a análise crítica que o xénero deita sobre a realidade non precisa recorrer ao singular e emocional, concentrándose no discurso.
Por moita tradición de poéticas 'líricas' que pesase no sistema literario galego e por moita instauración da que estas gozasen, esta nova voz que fala nos poemas afastándose do seu eu biográfico non só constituirá unha das máis rotundas novidades da década, senón que a súa influencia desestabilizará os espazos do capital do campo literario.
Poderiamos considerar a figura tutelar de Pato cruce de camiños na cartografía desta boa parte de poéticas a se despregar nos comezos de século: as 'non líricas' (como as que ensaian, dende distintas posicións e entre outros/as, Estíbaliz Espinosa ou Elías Portela), as herdanzas 'postsublimes' (Oriana Méndez ou Alba Cid ) e a concepción dunha poesía ferramenta de transformación política (coma en Daniel Salgado ou Alberto Lema), sen que todas escapen a un certo parentesco.
A non moita distancia poderiamos situar a obra de María do Cebreiro . A prolífica poeta santiaguesa erixirase tamén nunha das figuras máis sólidas e influentes da época (con máis de media ducia de títulos publicados na primeira década do dousmil e outra media no que vai da segunda). Incorporada ao sistema literario na recta final dos noventa e polo tanto biográficamente encadrable en dita promoción, ela mesma ten declarado sentir os seus presupostos literarios máis próximos á seguinte e que aquí e agora nos ocupa.
Igual de fronteirizo será o caso de Estíbaliz Espinosa , pero case co efecto contrario: a pesar de comezar a publicar (apenas) pasado o umbral do milenio, a súa poética adóitase adscribir á promoción dos noventa. Casos semellantes poden acontecer con Lucía Novas e Verónica Martínez Delgado. Mesmo con Lucía Aldao , unha poeta que rexistrará nestes anos os comezos da súa intensa actividade poética por moito que –sintomático nesta época– non mostre interese no formato 'libro'; as súas resonancias posmodernas e un suxeito enunciador ben autorreferencial aliñarana máis coas compañeiras duns anos antes.
Pero é que xa estamos a observar a grave inestabilidade da idea de 'xeración' canto máis avanzamos no tempo. A outra cara da moeda do que nos oitenta e noventa demostrara a súa eficacia como dispositivo promocional era esa polarización culpable de arrecunchar parte da diversidade. Na súa teima de redución e confrontación, o modelo agoniza; e talvez por iso un relato de cohesión que acompañase estes/as novos/as poetas se fai, dalgún xeito, indixesto. Novas maneiras de postprocesado crítico das tendencias literarias fanse perentorias.
Por iso, é tan certa a proximidade entre autores/as da primeira e segunda década do milenio como que varias das follas de ruta adiantadas nestes anos fermentarán con máis forza após o ano dez. Precisamente tamén porque, para aquela, o aparato lexitimador se sentirá acaso un tanto máis 'fresco' e recuperado da súa particular 'fatiga de materiais'. Así as cousas, para alén de fases 'antes' e 'despois da crise de 2008', será case máis doado tracexar liñas ou itinerarios poéticos, con frecuencia transxeracionais.
Valla como exemplo o de estirpe ferriniana, amparado polo xa mencionado colectivo de intervención sociopolítica Redes escarlata, e afanado tanto na reconfiguración do imaxinario literario galego coma no seu poder emancipador. Conta entre os seus membros máis representativos a un Anxo Angueira cuxos comezos literarios hai que remontar realmente ao final dos oitenta, a Chus Pato , a Oriana Méndez ou a uns Isaac Xubín e Xabier Xil Xardón que precisamente inician a súa andaina nestes anos (rizando o rizo das afinidades, Angueira e Xil Xardón compartirán semellante revindicación dun rural apoderado e rebelde). Aínda noutras voces haberá pensamento crítico, coma aquela na que Mario Regueira elabora unha persoal poética a través da alteridade.
Mais, deteñámonos aínda noutro tipo de trazos dentro das poéticas activadas neste milenio  incipiente. Por exemplo, a desbarroquización que pode observarse en Xiana Arias , capaz de revisar a infancia ou a memoria cun laconismo e unha aparente desafectación que alcanza a ironía. Ou a de Olalla Cociña quen, non afastada dela, tamén transita os camiños da nenez, da memoria familiar ou da relación co espazo cunha ollada núa e minuciosa. Tanto a delas coma as propostas –cun pano de fondo aínda máis social– de Manuel Darriba , de Iolanda Zúñiga e de Antía Otero poderían ser das máis entroncables con aquelas vellas poéticas do cotiá, se ben o período coñece –por certo– unha grande desaceleración daquelas fórmulas máis próximas ao conversacional, e bebe se acaso máis de posturas estéticas tipo Helena de Carlos ou Emma Couceiro .
En todo caso estas autoras (a presenza feminina segue a ser moi relevante) afástanse dos camiños temáticos das súas predecesoras, amósanse máis conectadas co mundo que as rodea e menos vertidas cara o eu, evidencian a súa mirada sobre o tempo (a memoria do pasado ou o problemático presente) e procuran depurar os seus estilos de superfluos adobíos ou amaneiramentos tanto como o fai –nomeadamente– Dores Tembrás . Non demasiado lonxe dela, Baldo Ramos será outro autor entregado ao labor de depuración estética.
Sorprendente será a aventura galega da poeta Luz Pichel , que no poema tensa a voz até límites novos e experimenta mesturas discursivas que introducen esa lingua de fronteira que é o castrapo. Cóntanse tamén, por outra banda, poéticas máis marxinais, iconoclastas, formalmente experimentais ou multixenéricas como a do Leo (Leo Campos), Valentina Carro, Xoán C. Rodríguez, Xosé L. Mosquera Camba, Calros Solla ou Pilar Beiro. A perspectiva de xénero continúa atravesando sólida as olladas da poesía que cultivan Marilar Aleixandre , Marga do Val ou María Reimóndez .
Recorrerán con frecuencia á dimensión alegórica os repertorios políticos doutras voces xa aludidas, armadas dunha forte actitude militante e unha descrenza do concepto de autoría. Alén disto, tinguirán eses repertorios de desencanto e dunha elocución un tanto máis clasicista autores reintegracionistas como Mário Herrero, Alfredo Ferreiro ou Luís Maçãs. Finalmente, outras figuras incorporadas neste período ás que permanecer ben atentos e atentas levan os nomes de Mariña Pérez Rei, Carlos Quiroga, Raúl Gómez Pato, Branca Novoneyra, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Olga Patiño, X. H. Rivadulla Corcón , Xavier Queipo , Manuel Seixas , Xabier Paz ou Diana Varela.
En definitiva, poderiamos recapitular os trazos principais deste período da seguinte maneira:
- As poéticas de corte lírico conviven coa entrada dunha nova poética 'non lírica'.
- A voz que fala no poema abandona a súa clásica configuración monolóxica para gañar en planos, capas e matices.
- Posúen a conciencia de ser testemuñas do seu tempo, de evidenciar unha ollada sobre o mundo que as rodea e ao cal non poden (nin queren) substraerse.
- Rexorde a función de intervención socio-política da poesía, mais xa non no que respecta á acción (extraliteraria) que é quen de mobilizar, senón na súa dimensión de linguaxe alternativa aos discursos do poder.
- A poesía ábrese máis non só ao mundo senón, con el, a outros discursos e códigos, rachando os seus moldes discursivos, hibridándose e procurando canles alternativas (unha característica que, pola súa especificidade e volume, trataremos a parte).

Chus Pato.

María do Cebreiro.

Xoán Carlos Domínguez Alberte, foto Conchi Diéguez

 

Novas canles para a poesía nos comezos do dousmil. Obras

Durante os primeiros anos do milenio, as bitácoras dixitais serviron de medio de expresión (e rexistro da retroalimentación lectora) para poetas de distintas xeracións. Entre eles, chegaron aos nosos días O ximnasio de Academo de Manuel Forcadela, O levantador de minas de Alfredo Ferreiro, as crebas de Miro Villar , os Versos e aloumiños de Antonio García Teijeiro , cabrafanada de Fran Alonso , Acuática de Marta Dacosta , O triste Stephen de Ismael Ramos, os varios blogs de Eduardo Estévez e Estíbaliz Espinosa, ou o de Ana Cibeira.
Ás antigas plataformas editoriais alternativas que agora cobraban forma dixital baixo licenza 'creative commons' (A Regueifa ou as versións descargables da Estaleiro Editora), uníronselle os blogs ou páxinas comandadas por –maiormente– críticos literarios, máis orientados á divulgación e recensión de obras, caso de As uvas na solaina de Marcos Valcárcel , a Ferradura en tránsito de Xosé M. Eyré , o Caderno da Crítica de Ramón Nicolás, Criticalia de Armando Requeixo, Fervenzas literarias ou Biosbardia. Todas elas de autoría, por certo, abondo masculina. Só unha plataforma dixital de crítica feminista aparecerá na segunda década para facer contrapeso: A Sega.
Con todo, cómpre dicir que a proliferación de blogs daqueles primeiros anos foi devalando co tempo e o seu espazo ocupado por novas redes sociais: ademais dos facebooks máis encamiñados á promoción dos/as autores/as e do seu traballo pero con menos contidos literarios en por si, están os twitters (coma os de Antía Otero , Emma Pedreira ou Berta Dávila), e aqueloutras redes nas que se moverán con maior destreza e rendemento expresivo os máis novos e novas: caso dos instagrams de Ismael Ramos ou Alba Cid ou, con aínda máis carga poética, os tumblr da mesma Alba Cid e de Jesús Castro Yáñez.
Entre os exemplos galegos de producións que mobilizan signos poéticos e signos de natureza visual hai que identificar a poesía obxectual que –xa dende 1989– ven practicando Xosé Mª Álvarez Cáccamo, e que co tempo acrecentou mediante libros intervidos, obxectos surreais e poesía visual. Tamén, os diálogos entre plástica e verso que dende os primeiros noventa establece na súa singular obra Baldo Ramos, e as propostas de poesía visual, performance e 'mail art' da Corporacion Semiótica Galega.
Varios grupos e espectáculos mesturan música e poesía: 'A caricia da serpe' de Lino Braxe, o Grupo Ouriol (comandado por Eva Veiga ). Algo tanxencialmente semellante fan en solitario Elías Portela e o poeta e cantautor punk O Leo i Arremecághona. Xunto á música, integran tamén poesía escénica e proxeccións de vídeo Cinta Adhesiva (por Silvia Penas) e ELO (de Rosalía Fernández Rial ).
Cómpre lembrar aquí os 'happenings' das Redes Escarlata, as performaces poético-musicais de Ad Hoc e as que practican o dúo formado por Marina Oural e Ugía Pedreira; e, na poesía máis puramente performática, os irmáns Estevo e David Creus e, especialmente, Antón Lopo.
Yolanda Castaño ensaiou varias mesturas de poesía con outros códigos expresivos: entre outras, a arquitectura (no libro Poética da casa), a danza (coa Quique Peón Cía.), a música (nos libro-discos Edénica e Idioma da tinta), a videopoesía (sendo pioneira do xénero no Estado –tras Antón Reixa– e autora de varios videopoemas), a cociña (no libro Cociñando ao pé da letra) e a banda deseñada (no volume O puño e a letra, que inaugurou o xénero do cómic poético en Galiza). Pero tamén levou adiante a formación 'Tender a man', que fusionaba música en directo, canto, poesía e danza contemporánea.
A videpoesía galega merecería, de feito, mención a parte canto ao número de producións e un relativo circuito de difusión e reflexión sobre o xénero. Xunto aos traballos do colectivo As Candongas do Quirombo (Andrea Núnes Brións e Raquel Rei), de Antía Otero, Berta Dávila, Manuel Forcadela , María Lado , Ronsel (ou Estela) Pan, Rafa Xaneiro ('nenoescuro') ou Clara Vidal –nótese de novo o protagonismo feminino– ocupará un lugar moi destacado Celia Parra, non só polos seus propios videopoemas, senón como co-autora e co-produtora do primeiro documental sobre o panorama internacional da videopoesía, Versogramas.
No apartado do que serían modalidades máis próximas ao 'spoken word', cómpre dicir que estas se encontran nunha fase de notable crecemento, dentro da que destacan os nomes de Vanesa Glemsel e Nuria Vil. E se lle engadimos o matiz de combate en voz alta que nos achega ao 'slam', o colectivo a nomear sería sen dúbida o de 'Poetas da Hostia' (con nomes como Ledicia Costas , Lucía Aldao, María Lado ou Daniel Landesa entre as súas filas).
Sirvan tamén as modalidades de poesía que visitan con frecuencia Carlos Negro ou Paula Carballeira (orientándoa especificamente ao lectorado mozo el, e levándoa ao terreo escénico e á narración oral para todas as idades ela) como exemplos que levan a poesía, en sentidos diversos, a outros terreos. Dende un punto de vista distinto e como botóns de mostra, proxectos musicais coma os de 'Fanny + Alexander' ou 'Xardín Desordenado', sen estaren protagonizados por poetas, divulgan as súas obras.
Pero deixemos xusto para o final unha das versións máis singulares, orixinais e profundamente osixenantes deste panorama. A fórmula de 'Aldaolado' revolucionará o xeito de entender e comunicar a poesía a través de eventos con poucos reflexos no resto da Península Ibérica. Sen sen guiaren por modelos, María Lado e Lucía Aldao crean a súa personalísima mestura de recital, música en directo, lúdicas prácticas de vangarda e interpelacións ao público cheas de humor nas que resoa o xénero da 'stand up comedy' americana. O calado ben popular da súa acción cobrou ducias e ducias de novos e novas consumidoras de poesía en formato escénico, seguidoras das súas intervencións por bares, centros de ensino, casas da cultura ou salas de concerto. Poesía como entretemento (culto) xa nunca máis só para ler.