Pode parecer sobrante, mais é necesario: debemos definir que obras literarias e autores entran dentro do concepto literatura galega. Esta primeira obriga sitúa xa o problema da cultura, en xeral, e o máis particular da literatura, que debe recibir o cualificativo de galega. Nas situacións "normais", non resulta difícil adscribir a unha determinada nacionalidade un produto cultural, pois aquela funciona plenamente, canto á lingua e a un mundo referencial específico. No noso caso, o da Galiza, debemos admitir xa para empezar que existen escritores, nados na Galiza, que escribiron ou escriben en español. Tamén debemos clarificar se a literatura galega, polo tanto, non é máis que un apéndice doutra máis vasta que se denomina literatura española. Canto á primeira cuestión, non cabe máis remedio que falar de escritores galegos que pertencen á literatura española. Canto á segunda, aseveramos que a práctica literaria que merece o nome de galega non é un apéndice da española, senón algo específico, dunha realidade específica. O que se entende por un produto cultural xenuíno, coa súa propria dialéctica, coa súa diferencia lingüística e coa súa realidade referencial e visión do mundo diferenciada.
Se en todas as latitudes a obra literaria significou tomar conciencia, a través do uso artístico da palabra, da realidade humana, no caso das literaturas que xorden e traballan en condicións de anormalidade básica, comezando pola lingua usada, son tomas de conciencia, esforzos por ser, por aboiar e facerse evidentes realidades colectivas agachadas , negadas, en aberta contradición con prácticas culturais hexemónicas ou dominantes. No noso contexto, a práctica cultural e literaria española, dominante e hexemónica, de raíz castelá-andaluza, responde aos mecanismos culturais e lingüísticos españolizadores do Estado, que teñen unha tradición xa secular.
Se en todas as latitudes a obra literaria significou tomar conciencia, a través do uso artístico da palabra, da realidade humana, no caso das literaturas que xorden e traballan en condicións de anormalidade básica, comezando pola lingua usada, son tomas de conciencia, esforzos por ser, por aboiar e facerse evidentes realidades colectivas agachadas, negadas, en aberta contradición con prácticas culturais hexemónicas ou dominantes. No noso contexto, a práctica cultural e literaria española, dominante e hexemónica, de raíz castelá-andaluza, responde aos mecanismos culturais e lingüísticos españolizadores do Estado, que teñen unha tradición xa secular.
Non cabe dúbida de que é literatura galega aquela que está escrita en lingua galega, criterio de definición de carácter filolóxico, xa que é a língua a base da literatura. Pero sería absurdo que unha realidade agachada, negada, diferente, sen normalidade plena, fose producir axentes artísticos homoxeneizados, vivindo como viven nunha situación conflitiva. Nen do ponto de vista persoal, biográfico, nen do ponto de vista histórico, os escritores e escritoras de Galiza poden ser rigorosamente unilingües desde o inicio. Do ponto de vista histórico, porque tiveron que restaurar usos, secularmente negados e impensábeis, o que se fixo como restauración duns dereitos históricos e do dereito ao presente ao futuro da lingua e do país. Isto é, do dereito que temos, como pobo con capacidade artística, a expresarnos, a producir a nosa obra literaria na nosa propria lingua. Tarefa que, por motivos obvios, é un proceso aínda non acabado. Do ponto de vista persoal, biográfico, porque cada escritor é produto dunha experiencia propria e vai superando as contradicións conforme a unhas esixencias nada mecanicistas nin simples. Existe, sen dúbida, a tendencia histórica cara ao unilingüismo, como existe esta tendencia tamén nos produtos literarios individuais, loxicamente. Porén, sempre condicionada por destinatarios, ubicación, biografía, cambios ideolóxicos, expectativas de futuro e compromisos, como non pode ser menos nunha realidade nacional que non ten garantido aínda seu dereito á existencia plena. Está aínda gravemente condicionada na súa expresión plena, de seu.
Concretamente, Rosalía é unha escritora bilingüe, por necesidade histórica: significaba o inicio da ruptura dos estereotipos dominantes dentro do público alfabetizado para evidenciar unha realidade negada, "bárbara" e "selvaxe", segundo o criterio españolizados dominante. Pero era muller escritora, nunha realidade cultural, editorial, de mercado, de lectores, moi concreta. Era o inicio da "loita" pola restauración da literatura galega. A súa obra en español non pode ser considerada plenamente da literatura galega porque lle falta uso do galego como criterio necesario. Con todo, non podemos prescindir desta obra para comprender a obra en galego de Rosalía, para entendela como escritora da nosa literatura, como pensadora e, curiosamente, resulta "rara", estraña na literatura española, como teñen declarado varios críticos españois. É marxinal ,para eles. É produto dunha realidade conflitiva, vivida conflitivamente, e con condicionantes inevitábeis do ponto de vista dos usos lingüísticos plenos. Algo similar podemos dicir de Curros , de Ponda l ou de Noriega Varela , con matices diferenciais a respecto de Rosalía e entre si.
Claro está que non é o de Rosalía o caso de Valle-Inclán, abocado á literatura española por práctica lingüística, concepción do mundo, ubicación e expectativas de integración cultural, malia ter cavilado, e precisamente por iso, na posibilidade de integrarse na literatura galega na mocidade, e non ser incapaz de usar o idioma patrio. Que non lograse a integración na cultura e literatura española con éxito, en vida, e que sexa un caso moi singular dentro dela, non pode ocultar que era esa a súa expectativa, a súa esperanza e a súa conciencia. A resma expectativa que ten movido a Julio Camba, Wenceslao Fernández Flórez, Cela ou Torrente Ballester, cos matices e diferencias que se queiran entre eles.
Velaí a expectativa que moveu nun sentido oposto aos Vilar Ponte ( Antón e Ramón ), Castelao , Otero Pedrayo , Bouza Brei , Carballo Calero , Manuel María , Uxío Novoneyra , etc.: a de dar forma artística, en lingua galega, a realidades proprias ou universais desde unha perspectiva consciente do dereito á existencia, como suxeito de cultura, e obxecto desde o que reflectir, de Galiza. A contundencia e tendencia unilingüe galega da súa obra só circunstancialmente pode estar contradicida, sempre razoabelmente explicada. Noutros casos de grandes escritores da nosa literatura xa actuantes en momentos nos que a tendencia unilíngüe era evidente, o seu bilingüismo hai que entendelo por cambios biográfico-ideolóxicos, ou políticos, de consecuencias lingüísticas, como o caso de Risco —a súa tendencia final abafante de voltar ao español na súa obra— ou como ubicación ideolóxica conflitiva, sentido da "oportunidade", ou ubicación espacial, tres coordenadas que se poden manexar para explicar a obra en español dun autor, nembargantes, tan característico e senlleiro da nosa literatura como Eduardo Blanco Amor .
Abondaría con estas exemplificacións para evidenciar o carácter complexo e conflitivo da práctica literaria na Galiza. Non é posíbel explicar esta práctica sen coñecer acaidamente a propria evolución histórico-cultural de Galiza desde os intres da súa dominación e castración polo Reino de Castela e a súa posterior integración subordinada e dependente dentro da estrutura do Estado Español. A literatura, a conciencia literaria, as prácticas artísticas, teñen unha base material socio-económica. No caso da literatura, unha base lingüística. Ningún pobo en situación de normalidade desbota como vehículo de expresión artística a súa lingua propria a través da que recolle os seus sentimentos, as súas aspiracións, a súa visión da vida, converténdose así a literatura nun documento vivo desta existencia humana específica. Podemos concluír que, analisada a realidade empírica das obras literarias e o comportamento dos seus autores, é literatura galega a que está feita en galego e responde á conciencia de Galiza como realidade cultural autónoma, diferenciada. O uso da lingua aparece, pois, como unha condición necesaria, malia poida non ser suficiente, para focalizar a realidade propria, desde dentro dela. Se existe literatura propria, isto é, galega, é porque existe un mundo e unha visión xenuínos que van vinculados inexorabelmente á lingua do país, como eixo básico no esforzo cultural e artístico do noso pobo por sobrevivir como tal.