Xosé Ramón Reboiras Noia naceu o 19 de xaneiro de 1950 en Imo, na parroquia de San Xoán de Laiño, no Concello de Dodro, nunha familia labrega, tivo que trasladarse a Vigo na busca de mellores condicións de vida, alí estuda bacharelato e atende o bar da familia.
Posteriormente matricúlase na Escola de Enxeñaría Industrial de Vigo, Alí é un dos fundadores da revista “Des…tornillo” que desempeñou un grande papel de concienciación; formando parte do grupo cultural “O Castro” que aborda –dentro das dificultades daquel tempo- o problema nacional galego; e no ano 1969 ingresa como militante na Unión do Povo Galego (UPG).
Rematada a carreira accede a unha bolsa de especialización ao tempo que participa activamente na folga de Setembro do 1972. Posteriormente traballa en “Alvarez” de Vigo, tendo que deixalo por razóns de saúde, trasladase entón a Ferrol onde traballa en “Astano” e posteriormente á Coruña entrando como obreiro no cadro de persoal de “Intelsa”.
Moncho procede por este tempo a organizar a Fronte Cultural Galega, polas mesmas datas, anos 73 e 74, é un dos organizadores dos grupos sindicais –as reunións de traballadores- que orixinarían no ano 75 o Sindicato Obreiro Galego (SOG) logo integrado na Intersindical Nacional Galega e antecesor máis lonxano da actual Confederación Intersindical galega (CIG).
Atopándose en Ferrol, onde se estaba organizando a UPG, a Brigada Político Social (BPS) estabelece na noite do 11 de agosto do 75 un control na zona de Canido. Ás 2 da mañá numerosos efectivos da BPS, acompañados de máis de 300 axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba con 2 militantes máis que grazas á intervención de Reboiras –o único que estaba armado- lograron fuxir.
Reboiras logra escapar da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra onde lle dispara e o asasinan.