Consolidado o novo réxime burgués e liberal na década de 1830, o Estado, baixo a coroa borbónica, experimentou un proceso cada vez maior de centralización. O galego, como lingua escrita na prensa, viuse novamente relegado ao silencio e a diglosia avanzou ao asumir a puxante pequena burguesía (en moitos casos foránea) o español como lingua propia. A nivel de Estado experimentouse unha modernización de tipo progresista mais que, curiosamente, para Galiza supuxo unha maior marxinación.
Fronte a esta situación comezou a se xestar no país, en pequenos núcleos intelectuais e universitarios de talante democrático e progresista unha corrente ideolóxica de tipo autonomista e de clara reivindicación galeguista: o Provincialismo. Moi vinculado co romantismo tanto ideolóxica como literariamente, o Provincialismo tomou deste movemento a exaltación da liberdade como un dereito tanto a nivel individual como colectivo e o interese polo autóctono de cada país.
O seu obxectivo fundamental era converter Galiza nunha única “provincia”, isto é, nunha unidade administrativa con posibilidade de se gobernar en función de intereses propios, frente á división provincial que impuña unha desvinculación total na vida política e administrativa entre as catro provincias. Consideraban que Galiza sufría o mesmo trato que unha colonia por parte do goberno. A proxección pública máis importante do Provincialismo foi a participación no levantamento progresista de Solís en 1846 que terminou co fusilamento dos “mártires de Carral”. Velaí un fragmento, traducido, da proclama deste levantamento:
Galiza, arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da Corte, vaise levantar da súa humillación e abatemento. (…) Para logralo esforzarase constantemente en fomentar intereses materiais, crear costumes públicos, abrir as fontes naturais da súa riqueza, a agricultura e o comercio e pór en harmonía coa época, os hábitos e as ideas que lle deixou unha sociedade decrépita fundada sobre a ignorancia. Despertando o poderoso sentimento do provincialismo, e encamiñando a un só fin todos os talentos e todos os esforzos, chegará a conquistar Galiza a influencia de que é merecedora.
Fracasado o levantamento, fusilados ou dispersados os seus líderes, o Provincialismo desapareceu como movimento sociopolítico mais a súa repercusión no campo cultural foi notoria.